Xa comezamos a traballar coa Odisea imos facer pois unha lectura selectiva dos seguintes cantos VIII- XII deste segundo libro de Homero.
Logo dun traballo cos textos iremos ao visionado dalgunhas secuencias da película que máis recentemente recreou a viaxe de regreso dende Troia do astuto Ulises, rei de Troia.
Aquí tedes outra versión da Odisea
Estes son os primeiros versos da obra:
Cóntame, Musa, a historia do home dos moitos camiños,
que andou errante moito despois de asolar Troia sagrada;
viu moitas cidades de homes e coñeceu o seu talante,
e dores sufriu en gran núrero no mar tratando
de asegurar a vida e o retorno dos seus compañeiros.
Notas de comprensión lectora dos Cantos VIII e IX
CANTO VIII
1- En que lugar se encontra Odiseo, como se chaman os seus habitantes? Lembra que o epíteto ou fórmula con que son nomeados varias veces por Homero é : "os amantes de manexar os remos".
2- Como se chama o rei deste lugar?
3- Que deusa lle axuda baixo apariencia mortal?
4- Que xogos contempla Odiseo? Participa nalgunha competición persoalmente?.
Neste canto Homero lembra por boca dun aedo os amores adúlteros de dous deuses. Narra a historia e logo procura os cadros mitolóxicos de Velázquez asociados a este curioso relato.
5-Que agasallos recibe ademáis dunha nave disposta para o refreso a súa patria?
6-Despois do baño con que personaxe feminino se atopa e fala? Que lle agradece?
7-Logo canta o aedo relatos sobre Troia Onde se fala de Teucros e Dánaos. Que levan os teucros a súa agora?
Alcínoo observou a Odiseo chorar ao escoitar semellantes relatos e suplícalle que lle diga que cousa?
CANTO IX "Que cousa relatarei en primeiro lugar, cal en último termo, sendo tantos os infortunios que me enviaron os celestiais deuses? O primeiro, quero dar conta do meu nome para que o saibades, e en diante, despois que me libere do día cruel, sexa eu o voso hóspede, a pesar de vivir nunha casa que está moi lonxe. Son Odiseo Laertíada, tan coñecido dos homes polas miñas astucias de toda clase."
1- Que relata a continuación? Que pasa cos cicóns e cos lotófagos?
2-Cal é a terceira aventura? Quen é Polifemo?
3-Cantas naves ían con Odiseo? De onde sacaran o viño?
4-Cando aparece Polifemo, que desastre provoca antes de quedar durmido? Por que nese intre non o mata Odiseo?
5-Ao día seguinte, que ocorre? Como di chamarse Odiseo ante Polifemo? Como saen finalmente da cova?
6-Cal é o designio final que augura Polifemo a Odiseo e os seus compañeiros?
Aquí deixo unha versión que non é igual a do texto de unha parte deste canto IX:
Agora debes seguir ti lendo os cantos X, XI e XII. Ánimo.
Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 28-01-2010 19:10
Primeiros apuntamentos sobre a primeira sesión.
Imos ver na aula a película de Wolfgang Petersen titulada Troia, pero á vez imos ir procurando semellanzas e diferenzas co mito e co relato de Homero.
Comezamos coas primeiras escenas que son a introdución do filme, onde destacan o rapto de Helena e o logro do astuto rei de Ítaca, Ulises, ao convencer a Aquiles que se embarque cos gregos.
Sobre os personaxes que se nos presentan axiña botamos en falta aos deuses, omnipresentes na Ilíada e que aquí desaparecen como personaxes activos, tan só aparecerá dun xeito moi sutil a nai de Aquiles, a deusa mariña Tetis, imitando aqueles diálogos que Homero introduce no seu relato en distintas ocasións.
Botamos en falta en Troia á raíña Hécuba, esposa de Príamo, unha lamentable simplificación, e tamén chama a atención a inexistencia da princesa profética troiana Casandra, aínda que alguén pode pensar que a Briseida da película é, en parte, Casandra. Sobre Briseida falaremos nas seguintes sesións.
Imos consultar agora, antes de seguir adiante, o libriño recomendado "Agamenón e a guerra de Troia" os capítulos VI-VII-VIII para lograr coñecer algúns pormenores previos aos combates en Troia. Procura pois as respostas axeitadas: 1º Que soño tivo Hécuba?
2º Que facía Aquiles no xineceo, ou dependencias das mulleres? Quen o descobre?
3º Quen é Ifixenia e que ten que ver con Aquiles?
Logo seguindo coa película TROIA do ano 2004, imos na procura de semellanzas co texto básico da mesma a Ilíada de Homero:
Propoñemos estas cuestións para resolver cos textos de Homero diante:
NA PROCURA DE PARECIDOS (para unha segunda sesión)
1- As razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia aparecen claras na película?
2- A cólera de Aquiles é o tema inicial da Ilíada. No filme aparece Briseida pero na Ilíada de Homero Briseida e tamén Criseida. Le o Canto I. e intenta explicar que semellanzas atopas entre a personaxe do cine e as orixinais de Homero.
Terceira sesión:
Paris enfróntase a Menelao. Morre alguén neste singular combate? Como conta este asunto Homero consulta os cantos III e IV da Ilíada?
A morte de Patroclo procura na Ilíada unha descrición deste momento no canto XVI. Cal é a reacción de Aquiles? cales sons as semellanzas e diferenzas que atopas entre a película e o relato de Homero (canto XXII)?
Por que motivo Príamo se achega á tenda de Aquiles? Este finalmente compadécese do rei troiano ao lembrar ao seu pai ( está no canto XXIV o final da Ilíada). Imos cunha curiosidade mitolóxica: Peleo, pai do heroe dos pés lixeiros, enviárao a Troia cos mirmidones, cal é a orixe deste soldados de negro?
Na cuarta sesión
Estamos xa no final da película. Esta materia xa non se debe á Ilíada de Homero que remata cos funerais de Patroclo e Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.
Por un lado, está a gran estratexia do grego máis astuto. Cal é a ocurrencia e quen é o heroe de tan gran inxenio?Sufriron os gregos segundo a mitoloxía unha peste nas praias de Ilión como aparece na película?
A morte de Aquiles é un dos centros de interese. A película sitúanola dentro de Troia, coincide cos relatos da mitoloxía máis coñecidos?
Debemos chamar a ateción antes de rematar sobre outras mortes. Morreu Agamenón en Troia?
Finalmente, salvouse alguén da toma de Troia? neste punto a película distánciase do que as fontes gregas nos transmitiron, especialmente no referente ás troianas como Andrómaca ou mesmo a Helena o que provoca sen dúbida confusións, tendo en conta que nós imos ler dentro de pouco o drama de Eurípides As Troianas.
E para rematar podemos ir repasando os datos fundamentais que debemos saber con estexogo didáctico sobre a Guerra de Troia. ou este outro xogo sobre a Ilíada que ademais nos obriga a practicar o inglés.(Son moitos os xogos deste tipo que hai no mercado cargados de violencia, violencia que tamén está presente en boa medida no texto orixinario de Homero).
Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 11-01-2010 23:18
Datos de interese tirados do libriño de consulta "Agamenón e a Guerra de Troia"
Agamenón é da familia dos Átridas, unha linaxe cargada de desgrazas que auguran tamén a súa propia fin.
Todo comeza con Tántalo, pai de Pélope, un personaxe este último, que xa coñecimos sendo adulto, como pretendente e esposo de Hipodamía, fundadores dos Xogos de Olimpia e dando nome ao Peloponeso, pero é agora o seu pai Tántalo o que nos interesa, debemos procurar 1ºcal é o castigo eterno que recibirá e cal é o motivo de dito castigo.
existen diversas representacións plásticas do castigo de Tántalo 2º procura pois unha destas representacións plásticas do seu castigo.
Logo debemos saber algo importante sobre Atreo e Tiestes, fillos de Pélope. 3ºCal será o herdeiro do trono de Micenas, a cidade rica en ouro? Quen son os seus fillos? Por outro lado, 4º cal é a razón pola que Agamenón e Menelao, seu irmán, aparecen en Esparta na corte do rei Tindáreo, pai de Clitemnestra e de Helena? e por último, 5º unha cuestión sobre o astuto Ulises, como vai conseguir casar con Penélope?
Categoría: 4º eso 09/10 - Publicado o 11-01-2010 07:57