 INTRODUCIÓN Á MITOLOXÍA
LIMIAR
Comezamos o curso facendo caso do lema "respecta" con esta "mirada atrás" cara o que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e a primeira das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, as olimpíadas, a arte...
A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo. Por iso preguntámonos inicialmente: Que debemos saber antes de ler mitos?
UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO
A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.
Este espazo e os que o habitaron nun longo proceso de accións e reaccións seculares, pola orografía (Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa)e outras circunstancias provocou a creación de numerosos estados independentes ( con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...)pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas que permiten falar desa unidade eran: a Lingua e a Relixión.
Reparemos moi rapidamente en dous Santuarios aos que acudían todos os gregos, ben en caso de conflictos ou problemas de todo tipo ( Delfos, considerado o embigo do mundo e onde se estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa " a pitonisa" en trance pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban)ou ben cun sentido máis pacífico en Olimpia( para celebrar os Xogos na honra de Zeus, deus do raio, pero sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo do pai dos deuses).
|