.jpg) Chegamos xa ao final da guerra, non nos deixemos persuadir pola narración da película, para aqueles que a viron.
Estes feitos xa non se deben á Ilíada. Homero remata o seu relato, como sabedes, cos funerais de Patroclo e Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.
Analicemos o final da película. Por un lado está a gran estratexia do grego máis astuto.
1-Cal é a ocurrencia e quen é o heroe de tan gran inxenio?
2-Sufriron os gregos, segundo a mitoloxía, unha peste nas praias de Ilión como aparece na película?
A morte de Aquiles é un dos centros de interese. A película sitúanola dentro de Troia.
3- Coincide cos relatos da mitoloxía máis coñecidos?
Aquiles e Paris resultan no final desta historia, como no principio da mesma, transcendentais.
Aínda que non están na obra de Homero, varios mitos posteriores relatan acontecementos dos últimos días de Aquiles como os seus amores por Polixena, a filla máis nova de Príamo, que non se cita na Ilíada, pero que podería ser confundida coa Briseida da película de Hollywood e que levaría ao heroe a unha cita nun templo de Apolo, onde agochado Paris e guiado polo deus, asestaría un frechazo no talón do Aquiles que lle causaría a morte.
De Paris contan estes mitos poshoméricos que morreu tamén ferido por un arco que usaba Filoctetes e que a súa antiga namorada Enone, que abandonara por Helena, sabedora de remedios contra os velenos da frecha que o ferira, inicialmente negouse a salvalo. Os remorsos fixeron que esta ninfa se arrepentise, chegando tarde pois o cadáver de Paris xa ardía nunha pira funeraria. Din que aquela muller suicidouse botándose ao lume onde ardía o corpo inerte do seu amado.
Debemos chamar a atención antes de rematar sobre outras mortes.
4-Morreu Agamenón en Troia?
5-Finalmente, salvouse alguén da toma de Troia?
Neste punto a película distánciase bastante do que as fontes gregas nos transmitiron, especialmente no referente ás troianas como Andrómaca ou mesmo a Helena, o que provoca sen dúbida confusións, tendo en conta que nós imos ler dentro de pouco o drama de Eurípides As Troianas.
Nesta recta final dos relatos da caída de Troia aparece tamén a figura do fillo de Aquiles.
6- Procura unha información básica sobre este rapaz que mesmo vai estar con Ulises dentro do cabalo de Troia.
|