A Guerra de Troia do mito, a de Homero e a do cinema son distintas?
Imos ver na aula a película de Wolfgang Petersen titulada Troia, pero á vez imos ir procurando semellanzas e diferenzas da película co mito e co relato de Homero.
Comezamos coas primeiras escenas que son a introdución do filme, onde destacan o rapto de Helena e o logro do astuto rei de Ítaca, Ulises, ao convencer a Aquiles que se embarque cos gregos.
Sobre os personaxes que se nos presentan axiña botamos en falta aos deuses, omnipresentes na Ilíada e que aquí desaparecen como personaxes activos, tan só aparecerá dun xeito moi sutil a nai de Aquiles, a deusa mariña Tetis, imitando aqueles diálogos que Homero introduce no seu relato en distintas ocasións.
Botamos en falta en Troia á raíña Hécuba, esposa de Príamo, unha lamentable simplificación, e tamén chama a atención a inexistencia da princesa profética troiana Casandra, aínda que alguén pode pensar que a Briseida da película é, en parte, Casandra. Sobre Briseida logo falaremos.
Imos lembrar algúns pormenores previos aos combates en Troia. Procura pois as respostas axeitadas:
1º Que soño tivo Hécuba?
2º Que facía Aquiles no xineceo, ou dependencias das mulleres? Quen o descobre?
3º Quen é Ifixenia e que ten que ver con Aquiles?
Logo seguindo coa película TROIA do ano 2004, imos na procura de semellanzas co texto básico da mesma Ilíada de Homero:
Propoñemos estas cuestións para resolver cos textos de Homero diante:
NA PROCURA DE PARECIDOS
1- As razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia aparecen claras na película?
2- A cólera de Aquiles é o tema inicial da Ilíada. No filme aparece Briseida, pero na Ilíada de Homero Briseida e tamén Criseida.
Le o Canto I. e intenta explicar que semellanzas atopas entre a personaxe do cine e as orixinais de Homero.
3- Paris enfróntase a Menelao. Morre alguén neste singular combate? Como conta este asunto Homero consulta os cantos III e IV da Ilíada?
CONTINUARÁ
|