VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A TITANOMAQUIA
Sigamos logo coa narración de Hesíodo:

Titanomaquia
(Os deuses olímpicos contra os Titáns)

A Briareo, a Coto e a Xiges, fíxolles habitar baixo a espazosa terra. Alí aqueles, entre tormentos, vivindo baixo a terra, permaneceron nun lugar remoto, nos confíns da ancha terra, por longo tempo, moi angustiados e co seu corazón cheo de terrible dor. Mais o Crónida e os demais deuses inmortais que concibiu Rea, de fermosos cabelos, en abrazo con Cronos, de novo conducíronos á luz segundo as indicacións de Xea. Pois esta explicoulles con todo detalle que coa súa axuda conseguirían a vitoria e brillante fama.
Xa facía tempo que loitaban soportando dolorosas fatigas enfrontados uns contra outros a través de violentos combates, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos; aqueles dende a cima do Otris, os ilustres Titáns, e estes dende o Olimpo, os deuses dadores de bens aos que pariu Rea de fermosos cabelos deitada con Cronos. Por entón enfrascados uns cos outros en fatigosa loita, levaban xa combatendo en conxunto máis de dez anos. E non se vía solución da dura contenda nin final a favor de uns ou dos outros, senón que o resultado da guerra permanecía indeciso.
Pero cando Zeus ofreceu a aqueles todos os alimentos, néctar e ambrosía, que os propios deuses comen, creceu no peito de todos ardorosa paixón, cando probaron o néctar e a deliciosa ambrosía. Entón xa lles falou o pai de homes e deuses:

-?Escoitádeme, ilustres fillos de Xea e Urano, para que vos diga o que me dita o corazón no meu peito! Por longo tempo xa enfrontados uns cos outros, loitamos todos os días pola vitoria e o poder, os deuses Titáns e os que nacemos de Cronos. Pero mostrade vós vosa terrible forza e invencibles brazos contra os Titáns en funesta loita, recordando a nosa doce amizade e como despois de tantos tormentos baixo dolorosa cadea, de novo viñestes á luz saíndo da escura tebra por decisión nosa.?

Así dixo e ao punto á súa vez respondeulle o impecable Coto:
-?¡Divino! Non nos descobres cousas ignoradas, senón que tamén nós sabemos o excelentes que son os teus pensamentos e intelixencia. Paladín fuches para os Inmortais dunha cruel contenda e pola túa sabedoría regresamos de novo saíndo daquela escura tebra, soberano fillo de Cronos!, despois de sufrir desesperantes tormentos entre inexorables cadeas. Por elo tamén agora, con corazón firme e resolta decisión, defenderemos o voso poder en terrible batalla loitando contra os Titáns a través de violentos combates.?

Así falou. Aplaudiron os deuses dadores de bens ao escoitar as súas palabras, e o seu espírito anhelaba a guerra con máis ansia incluso que antes.
Provocaron aquel día unha loita terrible todos, femias e varóns, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos e aqueles aos que Zeus, mergullados no Érebo baixo a terra, trouxo á luz, terribles, violentos e dotados de formidable vigor. Cen brazos saían axitadamente dos seus ombros, para todos igual, e a cada un cincuenta cabezas nacíanlle dos ombros, sobre robustos membros. Aqueles entón se enfrontaron aos Titáns en funesta loita, con enormes rochas nas súas robustas mans. Os Titáns, doutra parte, afirmaron as súas filas con resolución. Uns e outros exhibían o poder dos seus brazos e a súa forza. Terriblemente resoou o inmenso Ponto e a terra retumbou con gran estrondo; o vasto ceo xemeu estremecido e dende a súa raíz tremeu o elevado Olimpo polo ímpeto dos Inmortais. A violenta sacudida das pisadas chegou ata o tebroso Tártaro, así como el xordo ruído da indescritible refrega e dos violentos golpes. De tal forma se lanzaban reciprocamente funestos dardos! A voz de uns e outros chamándose chegou ata estrelado ceo e aqueles chocaron con enorme alalá.
Xa non contiña Zeus a súa furia, senón que agora se inundaron ao punto de cólera as súas entrañas e exhibiu toda a súa forza. Ao mesmo tempo, dende o ceo e dende o Olimpo, lanzando sen cesar relampos, avanzaba sen deterse; os raios, xunto co trono e o relampo, voaban dende a súa poderosa man, xirando sen parar a súa sagrada chama. Por todos lados resoaba a terra portadora de vida envolta en chamas e rexeu con gran estrondo, envolto en lume, o inmenso bosque. Fervía a terra toda e as correntes do Océano e o estéril Ponto. Unha ardente fumareda envolveu aos Titáns nacidos do chan e unha inmensa chama alcanzou a atmosfera divina. E cegou os seus dous ollos, aínda que eran moi fortes, o escintilante brillo do raio e do relampo. Un impresionante bochorno apoderouse do abismo e pareceu verse ante os ollos e oírse cos oídos algo igual que cando se achegaron Xea e o vasto Urano dende arriba. Pois tan gran estrondo se levantou cando, deitada ela, aquel se precipitou dende as alturas. Tanto estrondo produciuse ao chocar os deuses en combate! Ao mesmo tempo, os ventos expandían con estrépito a conmoción, o po, o trono, o relampo e o flamante raio, armas do poderoso Zeus, e levaban o balbordo e o clamor en medio de ambos. Un estrépito impresionante ergueuse, de terrible contenda; e saltaba á vista a violencia das accións.
Declinou a batalla; pero antes, atacándose mutuamente, loitaban sen cesar a través de violentos combates. Entón aqueles, Coto, Briareo e Xiges insaciable de loita, na vangarda provocaron un violento combate. Trescentas rochas lanzaban sen respiro coas súas poderosas mans e cubriron por completo con estes proxectís aos Titáns.

CUESTIÓNS:
1- Onde e por quen foron desterrados Briareo, Estéropes e Arxes?
2- Quen son ?o Crónida (repara no nome) e os demais deuses inmortais que concibiu Rea??
3- Que é a Titanomaquía? Onde residen os contrincantes destas batallas interminables? Cando durou esta guerra?
4- Quen lle indica a Zeus que vaia falar cos Uránidas? Como os convence?
5- Que nome xenérico reciben os uranidas Coto, Briareo e Xiges? Como era o seu corpo? Que produce un gran estrondo audible tanto no ceo como no máis profundo do Tártaro?

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2013-14 - Publicado o 01-10-2013 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0