Tradicionalmente o Imperio divídese en dous períodos: o Principado e o Dominado. Princeps, significa o primeiro ou principal, iso é o que era o emperador , o principal cidadán de Roma. É o nome que se designa ao goberno de Octavio Augusto e os emperadores que o sucederon, unha etapa de asentamento das conquistas namentres o Senado vai perdendo atribucións. Nun primeiro momento a sucesión será dinástica, é dicir, dentro da mesma familia, pero a partir do 96 d.C. pasará a ser por adopción.
Tras o Principado xorde o Dominado. Comeza na época do emperador Diocleciano, e Dominado ( que vén de dominus, é dicir, o emperador considerado o "señor, o dono" dos seus súbditos)significará a orientalización do Imperio. Os problemas nas fronteiras comezan a dar serios problemas sobre todo polo empuxe dos pobos xermánicos e Diocleciano decide dividir en dous o territorio (Oriente e Occidente) cun emperador en cada parte que a súa vez escollería un axudante (era a Tetrarquía 284-305 d.C.) O sistema non funcionou moi ben porque volveuse a unir todo o imperio con Constantino, emperador coñecido tamén por desprazar a capital de Roma a Constantinopla ( cidade de Constantino ubicada na antiga Bizancio) e por proclamar a liberdade de cultos no 313, unha reforma relixiosa que puxo punto final da persecución do cristianismo, unha relixión que cada vez ía tendo maior aceptación entre as clases altas de Roma. Foi o seu sucedsor Teodosio que implantou como oficial o cristianismo. Á morte deste emperador divídese o imperio definitivamente en dous territorios(Oriente e Occidente).
Causas internas e externas son as que se esgrimen á hora de explicar porque se foi abaixo o Imperio que nacera despois das guerras civís ocasionadas á morte de César e que remataron tras proclamarse Octavio Augusto imperator no ano 27 a. C. O imperio dende o século III d. C. sufrirá unha serie de crises que irán debilitando a súa coherencia. As guerras de conquista con Adriano finalizaron e ao complexo entramado militar de Roma só lle quedaba defender as súas bastas fronteiras, especialmente as centroeuropeas da presión dos denominados pobos bárbaros e procurar que non provocasen disturbios os milleiros de escravos, alí onde estaban concentrados en maior número (os latifundios do sur de Hispania ou de Italia).
As vías romanas que se estendían por todo o imperio, así como os campamentos e as lexións distribuídas estratexicamente non permanecerán sempre iguais. Precisamente por ser o Imperio un amplo territorio que administrar e vixiar houbo que desprazar cada vez máis tropas cara o Norte, onde a os problemas cos pobos bárbaros eran continuos, descoidando os latifundios do Sur onde os escravos facían das súas ou ben eran liberados porque os amos xa fose por influencia do cristianismo ou por evitar problemas prefería darlles a liberdade e ofrecerlles terras para cultivar a cambio dunha parte da colleita ( un sistema de producción que preludia a Idade Media.Outros feitos son tamén un anuncio destes novos tempos: o emperador considérase autoridade relixiosa).
Os Hunos capitaneados por Atila empézanse a mover cara Occidente atraído pola riqueza de Roma. Pero serían os godos de Alarico os primeiros en asaltar Roma no ano 410 axudados por 40000 escravos que lle abriron as portas da cidade. A mediados do século V gran parte do Imperio xa estaba nas mans dos bárbaros, e foi un xefe xermano Odoacro, quen depuxo ao derradeiro emperador Rómulo Augústulo, un mozo de tan só trece anos, era o ano 476 d. C.
Ás causas externas, a presión das tribos bárbaras que se introduciran en algunha ocasión como aliadas para controlar a outros pobos inimigos e logo pasan a ocupar ou comprar territorios (como é o caso do pobo xermano dos Suevos que se instalaron na Gallaecia, unha provincia romana ata que foi vendida polo emperador momento no que se consolidará o primeiro reino medieval Europeo) temos que engadirlle pois a manumisión dos escravos por motivos relixiosos, a falta de control sobre os que aínda o seguían sendo.
A vida dos XII emperadores é unha obra de Suetonio que retrata dende César a Domiciano o percorrido da Roma Imperial na época máis significativa do esplendor deste imperio, pero é unha crónica peculiar porque intenta en clave cuase que xornalística, ás veces mesmo achegándose ao xornalismos sensacionalista, plasmar os claros e escuros daquela trepidante sociedade escollendo como protagonistas aos máis destacados membros dirixentes da clase política romana daqueles tempos. Viviremos no seu texto intrigas de pazo, movemento de sables, asasinatos políticos e envelenamentos, odios e amores dimes e diretes dos máis famosos emperadores romanos. Unha lectura recomendable para quen guste deste tipo de narracións históricas. Lembremos que o gran novelista Robert Graves tirou moitísimos datos deste autor.
Despois da Segunda Guerra Púnica que remata no 202 a. C. na batalla de Zama, morre Anibal. O xeneral vencedor, Publio Cornelio Escipión, que o venceu sería chamado dende aquela ?o africano?. Logo viría unha Terceira guerra (149-146 a.C.) na que outro dos Escipións, Escipión Emiliano arrasaría a cidade de Cartago.
Estas guerras puxeron de manifesto a contradición entre a nova política exterior romana de carácter imperialista ou de conquista e a orixe campesiña do groso do exército de Roma. Os pequenos propietarios de Italia mobilizados durante anos contra Anibal (218-202 a.C.) abandonaron as súas terras ou malvendéronas aos terratenentes. O problema agravouse porque pola competencia dos produtos importados máis baratos, grazas a man de obra escrava que as conquistas proporcionaran, provocou a forzosa emigración dos pequenos campesiños cara Roma onde ía facéndose máis e máis numerosa unha plebe empobrecida que subsistía coas reparticións gratuítas de cereais e os subornos e compra dos seus votos nas asembleas.
Os efectos que vai provocar na sociedade romana son:
- A violencia e os asasinatos políticos como principal solución dos conflitos.
-Paso da loita política e o debate á ambición persoal de poder (autocracia militar) na que importan pouco as ideas, pero si a militarización da sociedade.
-Profesionalización do exército que fará posible a creación de exércitos privados que seguen a un xeneral baixo a promesa de pagas e beneficiosas.
-Guerra civil enfrontamento de distintos exércitos de romanos contra romanos.
-Revoltas de aliados e de escravos. O caso máis coñecido e máis grave para Roma foi o de Espartaco.
A época dos Gracos (133-122 a. C.) Reivindicacións agrarias
A crise da República romana veu condicionada polo imperialismo de Roma e os seus primeiros síntomas, a mediados del século II a.C. entre os anos 133 a.C. (tribunado de Tiberio Graco) e 27 a.C. (instauración do réxime imperial).
O exército romano estaba integrado por cidadáns propietarios, pero as necesidades militares eran cada vez maiores e o malestar social na plebe urbana polo desemprego e a suba de prezos provocou a división do grupo senatorial en varios grupos o facciones, que intentaban lograr as súas metas políticas manipulando as asembleas populares e utilizando aos tribunos da plebe.
Tribunado de Tiberio Graco (133 a.C.)
Tiberio Sempronio Graco no 133 a.C. propuxo unha lei agraria (Lex Sempronia agraria) que prohibía posuír máis de 500 iugera (125 ha.) de ager publicus + 250 iugera por fillo (ata un máximo de 1000). A terra que debía ser devolta ao estado romano sería parcelada en fincas de 30 iugera (7,5 ha.) e asignadas a cidadáns pobres.
Esta lei agraria de Tiberio Graco prexudicaba aos grandes latifundistas da clase senatorial romana e beneficiaba á plebe, nese sentido era revolucionaria.
Tras da morte de Tiberio Graco as distintas faccións da nobreza senatorial romana aliñáronse en dous partidos contrapostos aínda que ambos tiñan patricios e plebeos nas súas filas:
- Populares: partido dos Graco, intentaba favorecer á plebe e recortar os privilexios do Senado e dos terratenentes.
-Optimates: opositores dos populares tendencia predominante no Senado, defensores dos privilexios dos senadores contrarios ao reparto de terras públicas e restinxir os poderes das asembleas onde tiña maioría a plebe.
O Senado obstaculizou a aplicación da lei e Tiberio Graco será asasinato polos seus inimigos optimates (Cicerón culpaba do asasinato aos Escipións (132 a.C.)
Tribunado de Caio Graco (123-122 a.C.)
Foi elixido tribuno no ano 123 a.C. Continuou coa política do seu irmán Tiberio (en contra dos abusos da nobreza senatorial terratenente), pero no 121 Caio Graco non foi elixido e quitouse a vida. Tras da súa morte a oligarquía urbana intentou acabar coa reforma agraria.
A época de Mario (107- 86 a. C.)
Con este xeneral de orixe humilde, vencedor en varias guerras de conquista, foi elixido cónsul no 107 a.C, cargo que logo ocuparía en varias ocasións. Emprendeu unha reforma militar consistente na profesionalización do exército, solucionando por unha banda o problema de empobrecemento dos pequenos campesiños e abrindo , por outra, a porta a que un xeneral, baixo a promesas de pagas e prebendas ao licenciarse, procurase a fidelidade dos seus soldados e que se utilizasen os exércitos con intereses particulares ditados pola ambición de poder.
Época de Sila (88-79 a.C.)
Revoltas de aliados e a guerra civil.
O descontento dos aliados itálicos ante a negativa de Roma de concederlles a cidadanía romana. Estas comunidades organizaron un estado paralelo ao romano. O estado romano acabou cedendo ás peticións dos aliados. A cifra global de cidadáns achegouse ao millón.
Lucio Cornelio Sila era un optimate descendente dunha familia patricia arruinada. Pero conseguira solucionar o conflito cos aliados e foi elixido cónsul polos conservadores. Mario organiza unha revolta e acaba expulsando a Sila da cidade. Pero Sila volverá vencedor ocupando militarmente Roma por vez primeira. Nestes momentos, Roma tiña problemas con Mitrídates VI rei do Ponto quen se apoderara da provincia de Asia e parte de Grecia. Sila foi o encargado de solucionar a guerra contra este rei, momento no que Mario volve a ocupar o poder. Á volta de Sila á cidade provoca unha guerra civil (84 a.C) cos partidarios de Mario, aos que elimina un a un, nomeándoselle logo ditator (con todos os poderes concentrados nunha persoa durante tres anos). Sila contaba cun exército leal ao que recompensara cos recursos obtidos de Oriente. Estableceu que as proposicións de lei dos tribunos da plebe debían ser aprobadas polo Senado antes de proceder á súa votación na asemblea do pobo.
- A rebelión de escravos de Espartaco 73 a.C.
Xa houbera varias revoltas no sur de Italia onde había maior concentración de escravos, pero un escravo tracio chamado Espartaco provocará o terror en Roma ao derrotar a varios exércitos. Despois dun tempo de incertidume, unha acción conxunta de Craso e de Pompeio rematará coa súa intención de abandonar Italia. Miles de escravos serán crucificados.
- A Conxuración de Catilina 63 a.C. contra Cicerón.
Un intento de golpe de estado por parte deste líder ambicioso dos populares chamado Catilina que estivo a punto de aniquilar ao cónsul electo Cicerón, dos optimates, que descubrirá a conspiración no propio Senado pronunciando un famoso discurso ?as Catilinarias?. Non sería o último dos disturbios nunha situación caótica.
- O primeiro TRIUNVIRATO 60 a.C. e morte de César
Tres homes (trium - viri) importantes personaxes van pactar en segredo repartirse o poder en Roma. Eran Craso(o home máis rico de Roma grazas aos negocios do comercio consecuencia das conquistas e vencedor de Espartaco), Pompeio (o delfín dos optimates con gran poder no exército) e César (sobriño de Mario, o único que escapara sendo un neno da persecución de Sila e que tras unha campaña na Gallaecia era líder dos populares).
Tras casar a súa filla, Iulia, con Pompeio, César logra o mando dunhas lexións para iniciar unha empresa cunha tripla finalidade (sona en Roma, diñeiro e un exército fiel).
Nace así a denominada Guerra das Galias (foi un escrito de César, unha crónica que vai editando por entregas en Roma mentres el está fóra durante os 8 anos que durou guerra de conquista do territorio celta, aproveitando as desputas internas e os conflitos cos xermanos). Pero en Roma, primeiro morreu Craso e logo a propia filla de César. Entre os senadores romanos foron medrando os temores a un novo Mario e deciden nomear cónsul único a Pompeio no ano 52. Este ordena que César, rematada a conquista volva a Roma, licenciando aos seus exércitos. Pero César decide cruzar o Rubicón, río do Norte de Italia como xefe das súas tropas pronunciando a frase ?alea, iacta est? (a sorte está botada), co que declaraba a guerra ao Senado e a Pompeio. De novo unha guerra civil na que vencería César no ano 48 a.C.
César aproveitou a situación inestable de Exipto para axudar a Cleopatra (coa que chega a ter un fillo, Cesarión).
No ano 44 a.C. no Idus de marzo, como xa comentamos César será asasinado no Senado, abríndose un novo período de guerra civil entre os seus partidarios Marco Antonio á cabeza e os seus asasinos Bruto e Casio, entre eles.
Segundo Triunvirato e Guerra civil.
Aniquilados os asasinos de César, Marco Antonio, Lépido (outro dos xenerais de confianza de César) e Octavio Augusto (sobriño de César) conforman un novo triunvirato para gobernar, pero axiña rachará o acordo e tras da morte de Lépido, Octavio e Marco Antonio,o novo amante de Cleopatra, emprenden unha guerra civil que rematará co triunfo do que será o primeiro emperador de Roma: Octavio, que gobernará co nome de Augusto (27 a.C.)
Esta segunda etapa da República prodúcese como consecuencia de conformarse en Roma unha crecente sociedade escravista consecuencia directa das Conquistas fóra de Italia (a primeira das cales e, moi importante, será provocada polas Guerras Púnicas)
Roma, tras estas guerras, atopouse en poucos anos con moita riqueza, pero, en vez de distribuila, esa riqueza foi parar ás clases privilexiadas, terras e escravos para os terratenentes (agrupados no partido da nobilitas )o que provocou a ruína dos pequenos agricultores de toda Italia que se procuraron a vida na capital colapsada por indixentes.
Os tribuni da plebe e outros sectores progresistas (o partido do pobo) comezaron entón a reclamar o reparto de terras equitativo. Os seus contrarios poderosos puxéronse en acción matando primeiro a Tiberio Graco no ano 133 a.C. e dez anos máis tarde a Caio Graco, seu irmán, que tamén intentaba poñer en marcha leis de reparto máis xusto.
Comeza así a Crise da República, caracterizada entre outras cousas pola ambición de poder e os asasinatos políticos.
Hoxe é un bo día para comezar a estudar o paso da Monarquía á República en Roma.
SPQR, non significa San Pedro Quere Rosquillas, senón o Senatus PopulusQue Romanum ( o Senado e mais o Pobo de Roma).
Foi efectivamente o Senado quen asumiu tras a expulsión do último Rei de Roma e dos Etruscos o poder efectivo na cidade que acababa de derrotar a unha civilización, a Etrusca, que en boa medida era parte do seu ser. Roma non era só a capital do Lacio, a zona central de Italia, viña de facerse dona dunha boa parte do norte da Península.
Os senadores, ese consello de anciáns, determinaraon escoller para gobernarse aos magistrati, cargos políticos e militares que tiñan unha duración limitada: 1 ano case todos eles, e eran cargos colexiados, é dicir, que o desempeñaban dúas ou máis persoas á vez.
Tamén repartiron os poderes nos distintos cargos dos maxistrados que non cobraban eran o cursus honorum.
Cargos CUM IMPERIUM ( os máis importantes e aos que se accedía despois de pasar polos outros de menor importancia) eran:
Consules (político-militar) Praetores (xudicial)
Estes eran escollidos nos Comitia Centuriata.
Os cargos SINE IMPERIO son: Aediles (goberno do municipio) Quaestores (administración da facenda.
Estes eran escollidos nos Comitia Tributa.
Uns cargos especiais serían os Censores (que duraban 5 anos por ser os que nese período comprobaban os recursos económicos para elaborar o padrón de votantes ou censo). Escollidos entre os ex-consules, é dicir, entre os patricios.
As dúas etapas nas que se adoita dividir a República Romana, que durou do 509 ata o 27 a.C., son:
-Loita pola equiparación de dereitos patricio-plebea. Ao pouco de proclamada a República os Plebeos inician unha longa carreira pola obteción de dereitos políticos dos que estaban exentos.Comezou no ano 494 cunha Folga xeral. Os plebeos marchan ao monte Sacro ameazando aos patricios con segregarse de Roma. A cidade quedou colapsada e os patricios acordaron que os plebeos tivesen uns maxistrado spropios os "tribuni plebis" con dereito a veto sobre calquera actuación do Senado e dos outros maxistrados que serían escollidos nos "concilia plebis", unha asemblea só de plebeos.Tampouco serían feitos escravos polo impago das débedas. No 451 a reivindicación lévase ao terreo das leis, solicitan os plebeos que estas sexan escritas para evitar malas interpretacións que favorezan as irregularidades. O código de leis coñecido como "Lei das XII Táboas". Unha das leis inxustas era a de non poder casar entre patricios e plebeos, este dereito foi aprobado no 440. Finalmente os plebeos mellor situados economicamente foron accedendo a cargos políticos tradicionalmente nas mans dos patricios. No ano 342 por vez primeira dous plebeos foron cónsules. A equiparación de dereitos estará plenamente conquerida no 287 cando o Senado recoñece forza de lei ás decisións das asambleas da plebe e mesmo admite que prevalezan sobre as súas decisións. Os patricios e os plebeos ricos vanse entender xa e situación das clases sociais en Roma está xa cambiado o que vai derivar na segunda etapa a da crise que coincide no tempo co comezo das conquistas romanas fóra de Italia, outro factor desestabilizador da sociedade da gens, esta que caracteriza tanto monarquía como á primeira etapa da república.
- Crise da república(comezo da expansión de Roma fóra de Italia).
A primeira etapa da Historia a denominada monarquía romana que navega entre capítulos pseudomitolóxicos e lendarios como o referido a Rómulo e Remo , por exemplo, ou ao Rapto da Sabinas. Pero debemso saber que en realidade hai unha diferenza substancial entre as clases existentes na primeira Roma fundada por pastores, posiblemente os patricios á beira do río Tíber e aproveitando as importantes rutas comerciais que facían do lugar un lugar estratéxico de interese onde se asentan tamén novos poboadores, posiblemente os plebeos. Os patricios contan con todos os dereitos políticos fornte aos plebeos que aínda que son considerados habitantes da cidade están desprovistos de dereitos políticos. Son os patricios os que gobernan e escollen ao rex. O rei que acaparaba todos os poderes o civil, o xudicial, o militar e o relixioso na súa persoa tiña carácter vitalicio e era escollido nunha asemblea só de patricios chamada "comitia curiata", deixándose aconsellar de cando en vez polos máis vellos e experimentados patricios, un consello de anciáns denominado Senatus ( senex en latín significa vello.
Do 753 ao 509 a.C. din que houbo 7 reis en Roma, catro de linaxe albano-sabina e tres de orixe etrusca.
Como podedes comprobar no apartado de IDUS E KALENDAS situamos a morte de Xulio César nos idus de marzo como introducción inicia ao achegamento á historia de Roma. pregunta básica Por que mataron a César? provoca unha reflexión sobre a historia romana centrándonos no momento álxido da crise da República no ano 44 a.C. Esta historia que agora ides reelaborar, tentará por unha banda lembrar a división tradicional da historia de Roma estudada en cursos anteriores aquilo de: MONARQUÍA, REPÚBLICA e IMPERIO, para acto seguido poñer en cuestión esta visión divindindo este período da Historia da Antiga non por sistemas de goberno, senon polo verdadeiro motor da historia, a socio-economía, é dicir, Roma pasou da sociedade da GENS (onde a linaxe era fundamental para a estrutura social de Roma)á sociedade dos SERVI (isto é ESCRAVISTA) pois vai ser o "servus", o escravo, o motor desta etapa (un de cada tres habitantes de Roma será un escravo).
O noso camiño seguirá os seguintes pasos:
- A fundación de Roma: Rómulo e Remo.
- A monarquía romana: Reis latino-sabinos e reis etruscos.Entre a lenda e a historia (753 a.C. a 509 a.C.)
- Ampliación:Os etruscos e Roma.
-SPQR: A república romana versus monarquía (o Senado, os maxistrados e o Populus ou asembleas para votar).
- Un proceso de democratización interno (loita pola igualdade de dereitos patricio-plebea 495 a.C.-287 a.C.)
- As guerras de defensa en Italia e as guerras Púnicas, de conquista no Mediterráneo Occidental (do 509 a.C ata o 146 a.C.) e finalmente expansión cara o Mediterráneo Oriental.
- A Crise da República:Trazos e protagonistas da mesma (133 a.C.- 31 a.C.) .Lembraremos nomes como os Escipións, Tiberio e Caio Graco, Mario e Sila, Cicerón e Catilina,Espartaco, Craso, Pompeio e, como non, a César, mesmo Marco Antonio, Cleopatra, Lépido e o que logo vai ser o emperador Octavio Augusto.
- Xulio César momentos e ditos da súa vida.
- A expansión do Imperio.
- Os doce primeiros Césares.
- A crise e a caída do Imperio no ano 476 d.C.