VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

120 anos de Olimpíadas modernas... e as clásicas?

Tal día coma hoxe 6 de abril de 1896 en Atenas se inauguraban as primeiras Olimpíadas modernas. Hai 120 anos como nos lembraba hoxe Google. Sabemos que este ano é ano olímpico e que se celebran no Brasil, pois dende aquela celebración en Atenas seguironse realizando este Xogos con carácter itinerante por distintos países do mundo.

No San Narciso tamén imos volver celebrar as nosa Olimpíadas Clásicas. Comeza a conta atrás!

Bótalle un ollo a esta crónica da Voz de Galicia de hoxe.

CURIOSIDADES. Despois de ler os enlaces responde:

1- O CALENDARIO E AS OLIMPÍADAS: Na Grecia Antiga usaban un calendario lunisolar. O ano lunar duraba 354 días, pero a cada catro anos para coincidir co ano do sol de 365 días engadían un 13º mes que deu orixe ás antigas Olimpíadas. Os gregos clásicos contaban contaban os anos por períodos de catro anos, é dicir, por Olimpíadas a partir do 776 a. C. data da 1ª Olimpíada documentada.
Pois ben, en 1896 Grecia aínda usaba o calendario xuliano (que lle impuxeran posteriormente os romanos) polo que houbo problemas para que certos países entenderan cando debían presentarse en Atenas paraestas Olimpíadas modernas. O calendario xuliano ou romano, pensando que o ano solar duraba 365 e 6 horas, introduciu un día a cada catro anos no denominado ano bisesto. Pero o ano solar realmente duraba algo menos de seis horas (5h 48´46´´). Isto provocou que na Idade Media ían polo día 11 de marzo en lugar do 25 fixado por Xulio César para a entrada da primavera no ano 46 a.c. Entón, cal eran as datas nas que, segundo o calendario dos gregos, se celebraron estes primeiros xogos modernos?

2- AS OLIMPÍADAS CUESTIÓN DE HOMES? Dise que as Olimpíadas antigas que se celebraban en Olimpia as mulleres non podían participar, nin sequera como público agás unha sacerdotisa de Demeter. Que peculiaridade presentaban os 241 deportistas que participaron nos primeiros Xogos Olímpicos modernos? A que países pertencían?
3- Quen foi o vencedor do primeiro maratón da historia? Sabes por que esta competición leva este nome? Quen era Fidípides? Procura unha resposta.
4- Despois de 1500 anos e grazas aos esforzos dun home que non era grego volveríanse a realizar uns Xogos Olímpicos. Como se chamaba este home? de que nacionalidade era?
5- Unha cerimonia coa que se inauguran hoxe os Xogos Olímpícos e que comeza en Olimpia días antes da inauguración no país anfitrión lévamos a reconsiderar as orixes dos antigos Xogos Olímpicos. A que ritual nos estamos a referir? Investiga e argumenta esta hipótese de que as Olimpíadas en orixe non eran unha cousa exclusiva dos homes e que parece ser a tese máis estendida.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 06-04-2016 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Erinias e Euménides de Esquilo
As Erinias ou Furias da mitoloxía sofren unha curiosa evolución grazas á reinvención do mito que Esquilo introduce na súa obra "As Euménides", a terceira das traxedias da Orestíada que segundo parece se representaron en 458 a.C.

As Erinias para Hesíodo naceron das pingas de sangue que caeran sobre Gaia(a Terra) no episodio coñecido da castración de Urano.Serían tres irmás que residen coa Noite no Érebo ou no Tártaro dende onde se dirixen á Terra para cumprir o seu cometido: a vinganza dun asasinato, torturando ao seu causante e provocando nas súas vítimas a tolería. Son deusas antigas ás que deuses novos como Zeus deben obedecer. O seu aspecto produce pavor, de cor negra, cabelos mesturados con serpes e na man levan antorchas ou látigos que poden ser tamén serpes, son comparadas con cadelas (en ocasións representadas con cabeza de can) porque producen un gruñido ao poñerse a perseguir ao humanos que cometeron un homicidio, esa é a súa principal función.

Non é raro logo que foran chamadas tamén Maniai, é dicir, "as que volven tolo" ou maniáticas nunha das denominacións que recibían nun dos templos dedicados a elas na Arcadia. O nome de Euménides (Εὐμενίδες), que en grego significa «as bondadosas», utilizábase en Atenas como eufemismo do das Erinias que significa "deusas airadas vingadoras, furias", como para así impedir pronunciar o seu nome verdadeiro, é dicir, un tabú.

Este nome eufemístico sería utilizado por Esquilo para dar solución á terceira das traxedias na súa triloxía sobre Orestes tras ser convencidas por Atenea a converterse en deusas benévolas, Euménides. Esquilo reinventou en parte o mito para lograr deste xeito un dos seus obxectivos políticos e didácticos. Quería nas súas traxedias louvar as institucións da Atenas democrática que estaban en pleno proceso de formación e asentamento.


Para o filósofo Epiménides, un filósosfo cretense (do que se di coñecían os rituias de chamáns asiáticos) quen ao parecer colaborou no século VI a.C. con Solón na reforma do estado ateniense, as Erinias eran irmás das Moiras coas que aparecen confundidas ou con frecuencia solapadas, así como con outras deidades antigas e escuras pois fían o destino dos humanos.

Tamén son confundidas coas Gorgonas, aínda que segundo Esquilo non tiñan ás, hai quen as describe con ás de morcego, negras e con ollos inxectados en sangue.

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 03-04-2016 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
Das Troianas ás Asambleístas
No día da muller imos quedarnos cuns 25 nomes da muller da GRECIA ANTIGA e un pequeno grupo complementario de ROMA, unha proposta para investigar e desenvolver:

1- TROIANAS: Hécuba, Casandra, Andrómaca...



2- AMAZONAS: Pentesilea...

3- NA ODISEA: Penélope versus Circe, Calipso...

4- EN MICENAS: Ifixenia,Clitemnestra, Electra...

5- ENTRE OS ARGONAUTAS: Atalanta, Medea...

6- EN TEBAS: Antígona e Ismene...

7- AS MULLERES ANÓNIMAS DA HISTORIA: Escravas e estranxeiras...

8- EN ATENAS: Aspasia, Lisístrata e as asambleístas...

9- NA GRECIA HELENÍSTICA: Hipatia

10- EN ROMA: Das Sabinas e Lucrecia ás mulleres dos emperadores Livia ou Teodosia, anónimas nas lápidas ou peregrinas como Exeria.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 07-03-2016 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
PROBA DA ÉPICA
Para preparar esta segunda proba escrita da 2ª Avaliación debemos saber ler a Homero e ter certo hábito de lectura da Ilíada, un dos textos máis antigos de Europa (na proba aparecerán textos seleccionados).

A Historia da Grecia da escuridade á Grecia Arcaica, Clásica e Helenísrtica. Características que definen cada unha destas etapas.

A verdade sobre Troia: A Troia da Arqueoloxía.

Os espazos da guerra de Troia.

Lendo a Homero: o tema e o contido da Ilíada.

As diferenzas coas versións cinematográficas.

Como remata a Guerra de Troia?

A Odisea de Homero ( comezo das aventuras de Ulises).

A Eneida de Virxilio (de Troia a Roma)

O calendario: Marzo, primeiro mes do ano.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 04-03-2016 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
MARZO, O PRIMEIRO MES DO ANO
Marzo é o mes de Marte, un deus etrusco que pouco a pouco foi asociado como deus da agricultura ao da guerra que os gregos chamaban Ares.

Iniciemos pois unha pequena reflexión sobre o cómputo do tempo tempo moi presente que o calendario tal e como o coñecemos hoxe, débelle moito aos romanos.

Deamos unha resposta ás seguintes cuestións:

Por que escollerían os romanos e outros pobos o mes de marzo para comezar o ano?

Por que este mes se lle dedica ao deus Marte?

Como é que o mes de xaneiro pasou a ser logo o primeiro mes do ano? Cando ocorreu tal cambio?

Cal é o significado do nome de febreiro? Que festas realizaban os romanos neste mes? Con que outras festas da nosa terra poden ter relación?




LER PARA SABER

1.Calendarios solares e calendarios lunares:
Os problemas dos calendarios nacen de que nin no ano solar(365 d., 5h., 48´ , 46¨ )nin o ano lunar(354 d., 8h., 48´) son divisibles sen residuo entre 12 meses ou lunacións, nin tampouco equivalentes entre eles, de xeito que faciliten unha medida única para os dous fenómenos astronómicos que tanto inflúen na actividade humana:Sol e Lúa.

Os exipcios seguían un calendario solar.Os musulmáns o lunar. Os gregos usaban un calendario lunisolar(ano lunar de 345 días,pero adaptado ó sol, engadindo periodicamente un mes 13º.para agaedaren polo sol.Na Grecia clásica ese mes engadíase cada 4 anos e deu orixe ás Olimpíadas).

2.O ano romano:
Os romanos tiñan un ano inicialmente lunar que empezaba en marzo, como demostran os nomes dos meses derradeiros:DECEMBER(mes 10º), NOVEMBER(9º), OCTOBER(8º), SEPTEMBER(7º), SEXTILIS(6º), QUINTILIS(5º).

Os demais meses estaban adicados a IANUS(Iahuarius"xaneiro"), FEBRUA e Febres(frebarius"febreiro"),a MARS(Martius"marzo"), a APRILIA, unha dubidosa etrusquización de Afrodita ou ás festas parilias(Aprilis"abril"), á parella MAIUS-Maia (Maius "maio") e a IUNO (Iunius "xuño").Marzo,maio,quintilis e outubro levaban 31 días,febreiro 28 e o resto 29.Para concordaren este ano lunar co curso do sol,o Pontifex Maximus cada dous anos engadía o mensis intecalaris de 20 días.

3.A partir de cando se contan os anos:
Como sabes,hai moitas eras a partir das que conta-los anos,segundo as diversas culturas ou acontecementos.Hoxe contamos pola era cristiá.No mundo clásico usáronse sobre todo a das Olimpíadas e a romana.

Era das Olimpíadas:sistema usado polos gregos, de períodos de catro anos empezando pola primeira Olimpíada(776 a.C.) en que saíu vencedor Corebo de Elea.

Era romana.Tiveron varios sistemas:
*AB VRBECONDITA(A.V.C.): dende a fundación da cidade(753/754 ou mesmo 750 a.C.).
*POST REGES EXACTOS:dende a expulsión dos reis (509 a.C.;era menos usada).
*CICERONE ET ANTONIO CONSULIBUS"sendo cónsules Cicerón e Antonio" (63 a.C.);polo nome dos dous cónsules que ese ano gobernaban:a máis usada.A lista dos anos ordenados así eran os fasti consulares.
*ANNO QUINTODECIMO IMPERII TIBERII CAESARIS "no ano 15º. de goberno de Tiberio César"(29 d. C.);polos anos que o emperador levaba no poder.O exemplo é do evanxeo de Lucas (3,1).

4.¿Como se contan os días do mes?
Xa vimos que os 12 meses son unha reminisciencia das 12 lunacións que aproximadamente ten o ano.Hoxe contámos os días polo número de orde a partir do 1º.Mais non sempre foi así.
Os romanos tiñan no mes datas fixas(Kalendae,Nonae e Idus) e contaban os días que faltaban para chegar ó próximo deses feitos temporais,coa particularidade de contaren ó xeito romano (incluíndo día de partida e día de chegada).
KALENDAE:día 1.Antigamente o rex sacrorum convocaba (kalare) a unha xuntaza na que anunciaría cando ían ser ese mes as Nonae e os Idus e outras festas.
NONAE:oito días antes dos Idus (noveno,polo sistema romano).Eran o 5,non sendo en marzo,maio,xullo e outubro (mar-mai-iul-oct) que caían o 7.Adornaban o lar con flores.
IDUS: Iduare é un verbo arcaico que significa "partir en dous", é dicir,dividían o mes. Eran o 13 de cada mes anon ser nos meses de marzo, maio, xulo e outubro que eran o 15. Parece ser que os días do idus eran os de lúa chea, mentres os das Kalendas os de lúa nova.

5.Saberías poñer a data do teu nacemento á romana?
Aplica estas cinco normas:
-Se naciches o primeiro día porás "Kalendis" e o mes que sexa, por exemlo "Februarii".
- Porás "Idibus" se naciches o día 13 de todos os meses agás do de marzo, maio, xullo ou outubro que porás "Idibus" se naciches no día 15 do mes.
- Se naciches nas Nonas porás "Nonis" ( xa sabes o día 5 a non ser en marzo, maio, xullo ou outubro que coincide no día 7.
-Pero se naciches calquera outro día tes que contar cantos días faltan ben para as nonas, ben para os idus, ben para as kalendas do seguinte mes, sempre como o facían os romanos o día de partida(o do teu aniversario) e o día de chegada a data fixa que corresponda(nonas, idus ou kalendas). Por diante debes colocar estas palabras " ante diem ". O día 17 de febreiro sería no cómputo á romana "ante diem XIII kalendas martias" , é dicir que faltan 13 días segundo contan os romanos para o día primeiro de marzo.
- Só queda un detalle importante se naciches o día antes de calquera desta datas sinaladas das kalendas , nonas e idus debes poñer tan só "Pridie kalendas, nonas ou idus" do mes que corresponda. Por exemplo o que naceu o 31 de decembro á romana sería "Pridie kalendas ianuarias".
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 01-03-2016 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
DOS TEMPOS DA ESCURIDADE Á GRECIA CLÁSICA

Imos ir avanzando na nosa viaxe pola Cultura da Antiga Hélade cara a Grecia Clásica. en primeiro lugar temos que saber que supuxo a entrada dos Dorios (o último pobo indoeuropeo que entra no territorio grego) para aquela sociedade micénica ou aquea, que pelexara en Troia.

A época Escura coa perda da escrita dos silabarios permitirá para empezar a entrada do alfabeto, o que á vez vai permitir desenvolver a literatura o xénero épico que xa estudamos e novos xéneros como o Teatro que agora estudaremos.
Temos que ter en conta que as migracións das distintas tribos configurarán de xeito definitivo o mapa da Grecia Arcaica das cidades estado (as polis) darán paso a unha actividade comercial e colonizadora polo mediterráneo que situará a Grecia dun xeito ben distinto no conxunto do Mediterráneo, unha Grecia que está dividida en numerosos estados, pero que mantén unha forte cohesión interna como demostran o fenómeno das Olimpíadas e a súa relixión ou o propio idioma común para todos eles.
A diversidade política xera a evolución das formas de goberno dende unha sociedade baseada na linaxe onde a aristocracia deriva en Tiranías ata unha sociedade aparentemente máis igualitaria como pode ser a da Democracia Ateniense que mantén no seu seo un atroz escravismo e unha tremenda segregación das mulleres e dos estranxeiros do mundo da política.
Imos adentrarnos na historia da Grecia Histórica. O camiño que imos percorrer é o da Grecia Arcaica, esa que comeza á vez que os Xogos Olímpicos, esa que comeza coa expansión colonial, esa que en Atenas, especialmente, provocará unha evolución política que xa na denominada época Clásica ve nacer a Democracia escravista, motor do seu imperio e á cidade-estado na que se vai ver florecer o teatro como unha das manifestacións culturais máis duradeiras desta civilización.







Destes dous vídeos imos tirar algunha conclusión:
1- Con que acontecemento podemos fixar o comezo da Grecia Arcaica no 776 a. C.?
2- Cales son as características das polis gregas?
3- Quen eran os Dorios? con que cidade da Grecia Arcaica podemos relacionalos?
4- Con que cidade podemos asociar aos Xonios?
5- Que diferenza había entre as cidades máis importantes deste período?
6- Que as fai semellantes? Son iguais a democracia ateniense que a actual? Por que?
7- A filosofía, a literatura, a arte gregas deste periódo clásico en que tema se centra?
8- Quen loitaba nas Guerras Médicas? Quen gañou?
9- Quen eran rivais na Guerra do Peloponeso? Como remata e que consecuencias ten para a civilización grega?
10- Como definirías o período helenístico?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 29-02-2016 06:48
# Ligazón permanente a este artigo
As 7 diferenzas entre a Ilíada e a película de Troia (2004)
Homero,lembrada, narra a cólera de Aquiles, razón pola que deixa de pelexar ata que volve a guerra e mata ao principe troiano Héctor.
A Ilíada de Homero remata cos funerais de Patroclo e de Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.

Outro libro de Homero, A Odisea e outros como A Eneida de Virxilio, autor latino, saberemos como foi conquistada Troia.

Para a gran maioría dos alumnos/as que viron a película e para evitar confusións relatamos a seguir as 7 principais diferenzas entre a versión do cinema e a que a mitoloxía tradicionalmente ofrece:

1ª Aínda que se basa na Ilíada na película o asedio parece durar varios días, Homero di que foron 10 longos anos.

2ª Na película faltan todos os deuses agás Tetis.

En Homero apoian aos gregos:
Atenea
Hera
Poseidón
Hermes
Hefesto
Tetis
Cos troianos:
Afrodita
Ares
Apolo
Artemisa
Leto
Escamandro


Morren personaxes que Homero nunca matou como Menelao ou Agamenón. Ver o que se dixo sobre os cantos III e IV ou o que sabemos de Agamenón: Non morre en Troia. Volve a Micenas con Casandra, a filla de Príamo, como escrava troiana.


4ª Faltan personaxes femininas como Criseida, escrava de Agamenón ou Hécuba e Casandra, a raíña de Troia e a súa profética filla.

5ª Patroclo non era curmán de Aquiles.

6ª O Paris da mitoloxía morre na guerra, na película sálvase.

7ª Aquiles na mitoloxía nunca estivo no cabalo de madeira, e morre antes de que os gregos entren en Troia.

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 29-02-2016 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
OS REGRESOS DE TROIA (II): A ENEIDA
A ENEIDA DE VIRXILIO
Esta historia non se trata dun regreso realmente. A Eneida do autor latino Virxilio relata a fuxida do heroe troiano Eneas, na procura dunha nova terra onde asentarse. Esta última obra vainos levar ás orixes de Roma, outra das cidades clásicas por excelencia.

Eneas era, según a mitoloxía latina, un príncipe Troiano, fillo de Anquises e a deusa Venus. O seu pai pertencía á familia real de Troia, e un día mentres coidaba aos seus rebaños, no Monte Ida, Afrodita veuno e namorouse del pola súa beleza. Únense e teñen un fillo, Eneas. Pero no momento en que Anquises lle di ao seu fillo o nome da súa nai, este é alcanzado por un raio e queda cego.

Cando Paris rapta a Helena e se desencadea a guerra de Troia, Eneas loita nela.

Eneas é avisado pola súa nai Venus. Esta dille que debe escapar, que non debe quedarse en Troia, pois outro futuro está reservado para el. Nese momento co foxe co seu pai Anquises, o seu fillo Ascanio (tamén coñecido como Iulo) e a súa muller Creúsa. Pero debido ao caos esta úlñtima pérdese e non consegue escapar con Eneas.

Fuxiu cun grupo de troianos en vinte naves polo Mediterráneo, e tras moitas escalas e un amor desgraciado coa raíña Dido de Cartago, chegaría finalmente ao Lacio, onde casaría con Lavinia.

Un dos poetas máis destacados que narrou a aventura de Eneas, A ENEIDA trala guerra de Troia foi Virxilio, poeta oficial do emperador Augusto.

"Nesta escultura de Bernini vemos como tras ser avisado pola súa nai, a deusa Venus, Eneas carga co seu pai para escapar da Troia que arde e co seu fillo, chamado Ascanio ou Iulo, tras eles. Xa non aparece Creúsa que, muller de Eneas que se perde no caos da fuxida. Vese como Anquises leva na man os penantes na man, é decir, as figuras dos deuses protectores da casa."


ALGUNHAS CUESTIÓNS SOBRE A ENEIDA

Quen é Eneas? Con quen foxe de Troia? a quen deixa atrás antes de escapar? Cara onde foxe en busca dunha nova terra? ver vídeo

Grazas a que deusa sae de Troia Eneas? Quen era Anquises?

Con quen marcha? Que lle pasa a Creusa?

A que costas chegan logo de 7 anos? Como se chama a raíña que alí goberna?

Que relata Eneas á raíña?

Que lles pasa a Eneas e raíña logo?

Cara onde se encamiña logo Eneas?

Tras a visita aos Infernos que vai pasarlle a Eneas?

Con quen se vai desposar Eneas? Por que vai pelexar con Turno?

A DESCENDENCIA DE ENEAS e a FUNDACIÓN DE ROMA

O seu fillo era Iulo, Ascanio, desta linaxe van nacer os fundadores de Roma. Investiguemos como ocorreu.
Podes facelo a través dunha árbore xenealóxica da descendencia de Eneas no seu reino de Alba longa.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 25-02-2016 21:44
# Ligazón permanente a este artigo
OS REGRESOS DE TROIA (I). LENDO A HOMERO (II):A ODISEA
Tras anos dunha guerra interminable os gregos conseguen tomar a cidade de Troia mediante a famosa idea do cabalo de madeira, idea de Odiseo, deixando na porta simplemente un cabalo de madeira no que todolos gregos se escondían, finxindo que abandoaran a guerra e que o cabalo era un regalo, símbolo de rendición. Cando os troianos se emborrachan e se durmen trala celebración do seu suposto triunfo, os gregos saen do cabalo e matan a todolos troianos, destrúen e incendian a cidade.

Tras da caída de Troia na épica grega, en Homero e noutros relatos mitolóxicos teñen gran presenza os regresos da guerra entre gregos e troianos. O regreso de Agamenón e de cada un dos heroes que remataron vivos a contenda, mesmo de Helena e de Menelao. Unha gran parte dos relatos mitolóxicos axiña van ser obsecto de diversas versións que logo servirán para darlle pulo aun novo xénero que vai nacer na Grecia Arcaica, pero que se desenvolverá plenamente na Clásica. Falamos do Teatro.

Mais antes de ir na procura das orixes deste xénero e das creacións máis espectaculares dos autores gregos debemos rematar esta parte do curso dedicada á Épica traballando con dúas obras universalmente coñecidas e de gran repercusión na literatura posterior. Referímonos á Odisea de Homero que fala do dilatado regreso de Ulises a Ítaca e, por outra banda, a Eneida do autor latino Virxilio que relata a fuxida do heroe troiano Eneas na procura dunha nova terra onde asentarse. Esta última obra vainos levar ás orixes de Roma, outra das cidades clásicas por excelencia.



A NOSA ODISEA PERSOAL

Unha cuestión previa sobre o seu cabalo é saber quen era Laoconte e por que unha serpe mariña lle vai atacar. Procura unha imaxe deste adiviño desafortunado.

1- Vaiamos logo informándonos da razón pola que Odiseo non chegará ao seu reino canda os outros caudillos gregos. Quen ocasiona o seu retraso? Por que motivo?

2- A Odisea de Homero pode dividirse en tres partes:

-Telémaco na procura do seu pai (cantos I-IV)
-Odiseo no país dos Feacios (cantos V-XII)
-O retorno a Ítaca.(cantos XIII-XXIV)

A primeira parte da Odisea transcorre en Ítaca, quen a protagoniza? Procura redactar o teu propio resumo destes primeiros cantos.Estas preguntas poden axudarte:

Quen é Telémaco? Que deusa lle convence para ir na procuar de novas sobre o seu pai?

Quen mantiña retido ao seu pai nunha illa?

Que problema había en Ítaca ante a ausencia prolongada de Odiseo?



3- Entrando na segunda parte da Odisea, enumera as aventuras de Odiseo antes de residir na illa de Calipso e que son narradas por el mesmo estando no país dos Feacios. Consulta os cantos VIII ao XII da Odisea.
Quen é Nausícaa? ver canto VI

4-Sobre o CANTO VIII

En que lugar se encontra Odiseo?
Como se chaman os seus habitantes?
Cal é o epíteto ou fórmula con que se acompaña a este xentilicio?
Como se chama o rei deste lugar?
Que deusa lle axuda baixo apariencia mortal?
Que xogos contempla Odiseo?
Participa nalgunha competición?

Neste canto Homero lembra por boca dun aedo os amores adúlteros de dous deuses (narra a historia).

Que agasallos recibe Odiseo?
Despois do baño con que personaxe feminino se atopa e fala? Que lle agradece?

Logo canta o aedo. Que levan os teucros a súa agora?

Alcinoo observou a Odiseo chorar e lle suplica lle diga que cousa?

5- No canto IX Odiseo di:

"Que cousa relatarei en primeiro termo e cal en último lugar, sendo tantos os infortunios que me enviaron os celestiais deuses? Primeiro, quero dicirvos o meu nome para que o saibades, e en adiante, despois que me librar do día cruel, sexa eu o voso hóspede, a pesar de vivir nunha casa que está moi lonxe. Son Odiseo Laertíada, tan coñecido dos homes polas miñas astucias de toda clase."

Que relata o heroe a seguir?
Que pasa cos cicóns e cos lotófagos?

Cal é a terceira aventura?
Quen é Polifemo? Cantas naves había?
De onde sacaran o viño?
Cando aparece Polifemo e que desastre provoca antes de quedar durmido?
Porque nese intre non o mata Odiseo?
Ao día seguinte que ocorre?
Como di chamarse Odiseo ante Polifemo?
Como saen finalmente da cova?
Cal é o designio final de Polifemo?




6 -Sobre o Canto X
Quen é Eolo? Resume os encontros con Eolo e o seu resultado diverso.
Quen é a maga que coñece a continuación?
Que lle ocorre a algúns dos compañeiros de Odiseo?
Como consegue o noso heroe saír desta difícil situación?

Quen lle di estas palabras?

«"Fillo de Laertes, de linaxe divino, Odiseo rico en ardides, non permanezades máis tempo no meu palacio contra a vosa vontade. Antes tedes que levar a cabo outro viaxe; tes que achegarte á mansión de Hades e a terrible Perséfone para pedir oráculo á alma do tebano Tiresias, o adivino cego, cuxa mente aínda está inalterada. Pois só a este, incluso morto, concedeu Perséfone ter conciencia; que os demais amósanse como sombras."

7-Sobre o canto XI.
Cara a que lugar se encamiña?
A quen busca neste lugar?
Este personaxe dálle dúas opcións ao futuro da súa tripulación? cales son e de que depende un resultado ou o outro?

Odiseo que lle pregunta a súa nai naquel lugar?

Tamén está alí Agamenón, que é o que este lle narra a Odiseo?

E Aquiles, que lle conta ao rei de Ítaca?



8- Sobre o canto XII
Unha aventura moi coñecida de Ulises é a das sereas. Procura saber como sucedeu.
Neste canto se contan catro aventuras máis que deberás relatar brevemente.



9-Como logra Penélope dilatar a elección dun novo esposo entre os pretendentes que a rodean?

10- Que deusa lle axuda a Odiseo a non ser recoñecido polos seus en Ítaca?
Pero que tres personaxes e que animal o recoñecen e como lle axudan na súa vinganza?

11- Como remata finalmente cos pretendentes de Penélope?



Un enlace cunha versión de película da "Odisea" Outra versión documental




12- Finalmente repara no tema dun poema do século XX do poeta grego Kavafis titulado Ítaca:

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 25-02-2016 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
ARDE TROIA !!
Para saber máis do final da guerra de Troia, de como morre o divino Aquiles e como tamén morre Paris, o príncipe troiano podes consultar: ARDE TROIA.
Tras da toma de Troia as máis de mil naves regresan aos seus países de orixe.

E para rematar podemos ir repasando os datos fundamentais que debemos saber coa visita aos gráficos da Ilíada con este<b> xogo didáctico sobre a Guerra de Troia. (detectamos neste xogo no terceiro nivel na pregunta nº 6 un erro grave de redacción relacionado coa morte de Aquiles) ou este outro xogo sobre a Ilíada que ademais nos obriga a practicar o inglés.(Son moitos os xogos deste tipo que hai no mercado cargados de violencia, violencia que tamén está presente en boa medida no texto orixinario de Homero).


Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 22-02-2016 08:14
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0