VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Mulleres que non só fiaron lá.
Rematamos o curso coa representación dunha montaxe que dalgún xeito recolle nun nobelo o fío que fomos devalando ao longo deste ano.

Obra: MULLERES QUE NON SÓ FIARON LÁ.

Adaptación a partir de textos clásicos de Sófocles, Eurípides e Aristófanes, recreando ademais varios mitos gregos. Foi froito dun traballo sobre o sentido crítico na aula de Cultura Clásica de 4º ESO. Unha viaxe ao mundo feminino da Grecia Antiga visto cunha visión crítica dende o século XXI para aportar unha reflexión sobre a liberación da muller ao longo dos séculos.

Podedes ver os vídeos da representación completa na páxina do DACE

Tamén unha pequena reportaxe fotográfica da obra.

REPARTO:
Mulleres que non só fiaron lá:
ANSEDE GONZÁLEZ, LIDIA que será Pandora e Penélope.
ANTÓN FERNÁNDEZ, CARMEN que será unha Moira, Hécuba e Lisístrata.
GÓMEZ PEÓN, NEREA que será troiana e Ismene.
LOIRA HERMIDA, ÚRSULA que será outra Moira, Antígona e Calónice.
MALVIDO CURRÁS, DIANA que será a terceira das Moiras, troiana e ateniense.
PAZOS RIVERA, ALBA que será Andrómaca e Mirrina.
RODRÍGUEZ GARCÍA, AINHOA que será Ariadna e troiana.
SINEIRO QUIROGA, CRISTINA que será Casandra e ateniense.

No papel dos homes amigos das guerras:
COSTAS COUSO, EDUARDO que será Menelao.
PÉREZ LESENDE, FRANCISCO que será Ulises.
VILAS GESTIDO, ALBERTO que será Polinices, fillo de Edipo.
VILAS MARIÑO, IVÁN que será Teseo e Etéocles o outro fillo de Edipo.


Escenografía: DARÍO SUÁREZ E TERESA GONZÁLEZ E ALUMN@S DE 4ºESO.
Luces e son: JORGE GARCÍA e AITOR LOIRA.
Perruquería e vestiario: ANDREA VILLEGAS e ANDREA ARIAS.
Música: Guadi Galego: Matriarcas, Santa muller e Norte do norte.

Dirección: HÉCTOR M. SILVEIRO FERNÁNDEZ
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 18-06-2015 00:00
# Ligazón permanente a este artigo
CAUSAS E CARACTERÍSTICAS DA CRISE DA REPÚBLICA
CAUSAS e CARACTERÍSTICAS da CRISE DA REPÚBLICA:


Despois da Segunda Guerra Púnica que remata no 202 a. C. na batalla de Zama, morre Anibal. O xeneral vencedor, Publio Cornelio Escipión, que o venceu sería chamado dende aquela ?o africano?. Logo viría unha Terceira guerra (149-146 a.C.) na que outro dos Escipións, Escipión Emiliano arrasaría a cidade de Cartago.
Estas guerras puxeron de manifesto a contradición entre a nova política exterior romana de carácter imperialista ou de conquista e a orixe campesiña do groso do exército de Roma. Os pequenos propietarios de Italia mobilizados durante anos contra Anibal (218-202 a.C.) abandonaron as súas terras ou malvendéronas aos terratenentes. O problema agravouse porque pola competencia dos produtos importados máis baratos, grazas a man de obra escrava que as conquistas proporcionaran, provocou a forzosa emigración dos pequenos campesiños cara Roma onde ía facéndose máis e máis numerosa unha plebe empobrecida que subsistía coas reparticións gratuítas de cereais e os subornos e compra dos seus votos nas asembleas.

Os efectos que vai provocar na sociedade romana son:
- A violencia e os asasinatos políticos como principal solución dos conflitos.
-Paso da loita política e o debate á ambición persoal de poder (autocracia militar) na que importan pouco as ideas, pero si a militarización da sociedade.
-Profesionalización do exército que fará posible a creación de exércitos privados que seguen a un xeneral baixo a promesa de pagas e beneficios.
-Guerra civil enfrontamento de distintos exércitos de romanos contra romanos.
-Revoltas de aliados e de escravos. O caso máis coñecido e máis grave para Roma foi o de Espartaco.

A época dos Gracos (133-122 a. C.) Reivindicacións agrarias



A crise da República romana veu condicionada polo imperialismo de Roma e os seus primeiros síntomas, a mediados del século II a.C. entre os anos 133 a.C. (tribunado de Tiberio Graco) e 27 a.C. (instauración do réxime imperial).
O exército romano estaba integrado por cidadáns propietarios, pero as necesidades militares eran cada vez maiores e o malestar social na plebe urbana polo desemprego e a suba de prezos provocou a división do grupo senatorial en varios grupos o facciones, que intentaban lograr as súas metas políticas manipulando as asembleas populares e utilizando aos tribunos da plebe.

Tribunado de Tiberio Graco (133 a.C.)
Tiberio Sempronio Graco no 133 a.C. propuxo unha lei agraria (Lex Sempronia agraria) que prohibía posuír máis de 500 iugera (125 ha.) de ager publicus + 250 iugera por fillo (ata un máximo de 1000). A terra que debía ser devolta ao estado romano sería parcelada en fincas de 30 iugera (7,5 ha.) e asignadas a cidadáns pobres.

Esta lei agraria de Tiberio Graco prexudicaba aos grandes latifundistas da clase senatorial romana e beneficiaba á plebe, nese sentido era revolucionaria.

Tras da morte de Tiberio Graco as distintas faccións da nobreza senatorial romana aliñáronse en dous partidos contrapostos aínda que ambos tiñan patricios e plebeos nas súas filas:

- Populares: partido dos Graco, intentaba favorecer á plebe e recortar os privilexios do Senado e dos terratenentes.
-Optimates: opositores dos populares tendencia predominante no Senado, defensores dos privilexios dos senadores contrarios ao reparto de terras públicas e restinxir os poderes das asembleas onde tiña maioría a plebe.

O Senado obstaculizou a aplicación da lei e Tiberio Graco será asasinato polos seus inimigos optimates (Cicerón culpaba do asasinato aos Escipións (132 a.C.)

Tribunado de Caio Graco (123-122 a.C.)
Foi elixido tribuno no ano 123 a.C. Continuou coa política do seu irmán Tiberio (en contra dos abusos da nobreza senatorial terratenente), pero no 121 Caio Graco non foi elixido e quitouse a vida. Tras da súa morte a oligarquía urbana intentou acabar coa reforma agraria.



A época de Mario (107- 86 a. C.)

Con este xeneral de orixe humilde, vencedor en varias guerras de conquista, foi elixido cónsul no 107 a.C, cargo que logo ocuparía en varias ocasións. Emprendeu unha reforma militar consistente na profesionalización do exército, solucionando por unha banda o problema de empobrecemento dos pequenos campesiños e abrindo , por outra, a porta a que un xeneral, baixo a promesas de pagas e prebendas ao licenciarse, procurase a fidelidade dos seus soldados e que se utilizasen os exércitos con intereses particulares ditados pola ambición de poder.



Época de Sila (88-79 a.C.)

Revoltas de aliados e a guerra civil.
O descontento dos aliados itálicos ante a negativa de Roma de concederlles a cidadanía romana. Estas comunidades organizaron un estado paralelo ao romano. O estado romano acabou cedendo ás peticións dos aliados. A cifra global de cidadáns achegouse ao millón.

Lucio Cornelio Sila era un optimate descendente dunha familia patricia arruinada. Pero conseguira solucionar o conflito cos aliados e foi elixido cónsul polos conservadores. Mario organiza unha revolta e acaba expulsando a Sila da cidade. Pero Sila volverá vencedor ocupando militarmente Roma por vez primeira. Nestes momentos, Roma tiña problemas con Mitrídates VI rei do Ponto quen se apoderara da provincia de Asia e parte de Grecia. Sila foi o encargado de solucionar a guerra contra este rei, momento no que Mario volve a ocupar o poder. Á volta de Sila á cidade provoca unha guerra civil (84 a.C) cos partidarios de Mario, aos que elimina un a un, nomeándoselle logo ditator (con todos os poderes concentrados nunha persoa durante tres anos). Sila contaba cun exército leal ao que recompensara cos recursos obtidos de Oriente. Estableceu que as proposicións de lei dos tribunos da plebe debían ser aprobadas polo Senado antes de proceder á súa votación na asemblea do pobo.


- A rebelión de escravos de Espartaco 73 a.C.

Xa houbera varias revoltas no sur de Italia onde había maior concentración de escravos, pero un escravo tracio chamado Espartaco provocará o terror en Roma ao derrotar a varios exércitos. Despois dun tempo de incertidume, unha acción conxunta de Craso e de Pompeio rematará coa súa intención de abandonar Italia. Miles de escravos serán crucificados.


- A Conxuración de Catilina 63 a.C. contra Cicerón.

Un intento de golpe de estado por parte deste líder ambicioso dos populares chamado Catilina que estivo a punto de aniquilar ao cónsul electo Cicerón, dos optimates, que descubrirá a conspiración no propio Senado pronunciando un famoso discurso ?as Catilinarias?. Non sería o último dos disturbios nunha situación caótica.


- O primeiro TRIUNVIRATO 60 a.C. e morte de César

Tres homes (trium - viri) importantes personaxes van pactar en segredo repartirse o poder en Roma. Eran Craso(o home máis rico de Roma grazas aos negocios do comercio consecuencia das conquistas e vencedor de Espartaco), Pompeio (o delfín dos optimates con gran poder no exército) e César (sobriño de Mario, o único que escapara sendo un neno da persecución de Sila e que tras unha campaña na Gallaecia era líder dos populares).
Tras casar a súa filla, Iulia, con Pompeio, César logra o mando dunhas lexións para iniciar unha empresa cunha tripla finalidade (sona en Roma, diñeiro e un exército fiel).
Nace así a denominada Guerra das Galias (foi un escrito de César, unha crónica que vai editando por entregas en Roma mentres el está fóra durante os 8 anos que durou guerra de conquista do territorio celta, aproveitando as desputas internas e os conflitos cos xermanos). Pero en Roma, primeiro morreu Craso e logo a propia filla de César. Entre os senadores romanos foron medrando os temores a un novo Mario e deciden nomear cónsul único a Pompeio no ano 52. Este ordena que César, rematada a conquista volva a Roma, licenciando aos seus exércitos. Pero César decide cruzar o Rubicón, río do Norte de Italia como xefe das súas tropas pronunciando a frase ?alea, iacta est? (a sorte está botada), co que declaraba a guerra ao Senado e a Pompeio. De novo unha guerra civil na que vencería César no ano 48 a.C.




César aproveitou a situación inestable de Exipto para axudar a Cleopatra (coa que chega a ter un fillo, Cesarión).
No ano 44 a.C. no Idus de marzo, como xa comentamos César será asasinado no Senado, abríndose un novo período de guerra civil entre os seus partidarios Marco Antonio á cabeza e os seus asasinos Bruto e Casio, entre eles.



Segundo Triunvirato e Guerra civil.

Aniquilados os asasinos de César, Marco Antonio, Lépido (outro dos xenerais de confianza de César) e Octavio Augusto (sobriño de César) conforman un novo triunvirato para gobernar, pero axiña rachará o acordo e tras da morte de Lépido, Octavio e Marco Antonio,o novo amante de Cleopatra, emprenden unha guerra civil que rematará co triunfo do que será o primeiro emperador de Roma: Octavio, que gobernará co nome de Augusto (27 a.C.)
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 03-06-2015 06:03
# Ligazón permanente a este artigo
DA CRISE DA REPÚBLICA
Esta segunda etapa da República prodúcese como consecuencia de conformarse en Roma unha crecente sociedade escravista consecuencia directa das Conquistas fóra de Italia (a primeira das cales e, moi importante, será provocada polas Guerras Púnicas)



Roma, tras estas guerras, atopouse en poucos anos con moita riqueza, pero, en vez de distribuila, esa riqueza foi parar ás clases privilexiadas, terras e escravos para os terratenentes (agrupados no partido da nobilitas )o que provocou a ruína dos pequenos agricultores de toda Italia que se procuraron a vida na capital colapsada por indixentes.

Os tribuni da plebe e outros sectores progresistas (o partido do pobo) comezaron entón a reclamar o reparto de terras equitativo. Os seus contrarios poderosos puxéronse en acción matando primeiro a Tiberio Graco no ano 133 a.C. e dez anos máis tarde a Caio Graco, seu irmán, que tamén intentaba poñer en marcha leis de reparto máis xusto.

Comeza así a Crise da República, caracterizada entre outras cousas pola ambición de poder e os asasinatos políticos.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 31-05-2015 22:48
# Ligazón permanente a este artigo
DA MONARQUÍA Á REPÚBLICA

SPQR, non significa San Pedro Quere Rosquillas, senón o Senatus PopulusQue Romanum ( o Senado e mais o Pobo de Roma).

Foi efectivamente o Senado quen asumiu tras a expulsión do último Rei de Roma e dos Etruscos o poder efectivo na cidade que acababa de derrotar a unha civilización, a Etrusca, que en boa medida era parte do seu ser. Roma non era só a capital do Lacio, a zona central de Italia, viña de facerse dona dunha boa parte do norte da Península.

Os senadores, ese consello de anciáns, determinaraon escoller para gobernarse aos magistrati, cargos políticos e militares que tiñan unha duración limitada: 1 ano case todos eles, e eran cargos colexiados, é dicir, que o desempeñaban dúas ou máis persoas á vez.
Tamén repartiron os poderes nos distintos cargos dos maxistrados que non cobraban eran o cursus honorum.
Cargos CUM IMPERIUM ( os máis importantes e aos que se accedía despois de pasar polos outros de menor importancia) eran:

Consules (político-militar)
Praetores (xudicial)
Estes eran escollidos nos Comitia Centuriata.

Os cargos SINE IMPERIO son:
Aediles (goberno do municipio)
Quaestores (administración da facenda.
Estes eran escollidos nos Comitia Tributa.


Uns cargos especiais serían os Censores (que duraban 5 anos por ser os que nese período comprobaban os recursos económicos para elaborar o padrón de votantes ou censo). Escollidos entre os ex-consules, é dicir, entre os patricios.


As dúas etapas nas que se adoita dividir a República Romana, que durou do 509 ata o 27 a.C., son:
-Loita pola equiparación de dereitos patricio-plebea. Ao pouco de proclamada a República os Plebeos inician unha longa carreira pola obteción de dereitos políticos dos que estaban exentos.Comezou no ano 494 cunha Folga xeral. Os plebeos marchan ao monte Sacro ameazando aos patricios con segregarse de Roma. A cidade quedou colapsada e os patricios acordaron que os plebeos tivesen uns maxistrado spropios os "tribuni plebis" con dereito a veto sobre calquera actuación do Senado e dos outros maxistrados que serían escollidos nos "concilia plebis", unha asemblea só de plebeos.Tampouco serían feitos escravos polo impago das débedas. No 451 a reivindicación lévase ao terreo das leis, solicitan os plebeos que estas sexan escritas para evitar malas interpretacións que favorezan as irregularidades. O código de leis coñecido como "Lei das XII Táboas". Unha das leis inxustas era a de non poder casar entre patricios e plebeos, este dereito foi aprobado no 440. Finalmente os plebeos mellor situados economicamente foron accedendo a cargos políticos tradicionalmente nas mans dos patricios. No ano 342 por vez primeira dous plebeos foron cónsules. A equiparación de dereitos estará plenamente conquerida no 287 cando o Senado recoñece forza de lei ás decisións das asambleas da plebe e mesmo admite que prevalezan sobre as súas decisións. Os patricios e os plebeos ricos vanse entender xa e situación das clases sociais en Roma está xa cambiado o que vai derivar na segunda etapa a da crise que coincide no tempo co comezo das conquistas romanas fóra de Italia, outro factor desestabilizador da sociedade da gens, esta que caracteriza tanto monarquía como á primeira etapa da república.
- Crise da república(comezo da expansión de Roma fóra de Italia).
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 27-05-2015 05:56
# Ligazón permanente a este artigo
A MONARQUÍA ROMANA


A primeira etapa da Historia a denominada monarquía romana que navega entre capítulos pseudomitolóxicos e lendarios como o referido a Rómulo e Remo , por exemplo, ou ao Rapto da Sabinas. Pero debemso saber que en realidade hai unha diferenza substancial entre as clases existentes na primeira Roma fundada por pastores, posiblemente os patricios á beira do río Tíber e aproveitando as importantes rutas comerciais que facían do lugar un lugar estratéxico de interese onde se asentan tamén novos poboadores, posiblemente os plebeos. Os patricios contan con todos os dereitos políticos fornte aos plebeos que aínda que son considerados habitantes da cidade están desprovistos de dereitos políticos. Son os patricios os que gobernan e escollen ao rex. O rei que acaparaba todos os poderes o civil, o xudicial, o militar e o relixioso na súa persoa tiña carácter vitalicio e era escollido nunha asemblea só de patricios chamada "comitia curiata", deixándose aconsellar de cando en vez polos máis vellos e experimentados patricios, un consello de anciáns denominado Senatus ( senex en latín significa vello.
Do 753 ao 509 a.C. din que houbo 7 reis en Roma, catro de linaxe albano-sabina e tres de orixe etrusca.

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 25-05-2015 06:57
# Ligazón permanente a este artigo
Achegamento a historia de ROMA
Como podedes comprobar no apartado de IDUS E KALENDAS situamos a morte de Xulio César nos idus de marzo como introducción inicia ao achegamento á historia de Roma. pregunta básica Por que mataron a César? provoca unha reflexión sobre a historia romana centrándonos no momento álxido da crise da República no ano 44 a.C. Esta historia que agora ides reelaborar, tentará por unha banda lembrar a división tradicional da historia de Roma estudada en cursos anteriores aquilo de: MONARQUÍA, REPÚBLICA e IMPERIO, para acto seguido poñer en cuestión esta visión divindindo este período da Historia da Antiga non por sistemas de goberno, senon polo verdadeiro motor da historia, a socio-economía, é dicir, Roma pasou da sociedade da GENS (onde a linaxe era fundamental para a estrutura social de Roma)á sociedade dos SERVI (isto é ESCRAVISTA) pois vai ser o "servus", o escravo, o motor desta etapa (un de cada tres habitantes de Roma será un escravo).

O noso camiño seguirá os seguintes pasos:

- A fundación de Roma: Rómulo e Remo.
- A monarquía romana: Reis latino-sabinos e reis etruscos.Entre a lenda e a historia (753 a.C. a 509 a.C.)
- Ampliación:Os etruscos e Roma.
-SPQR: A república romana versus monarquía (o Senado, os maxistrados e o Populus ou asembleas para votar).
- Un proceso de democratización interno (loita pola igualdade de dereitos patricio-plebea 495 a.C.-287 a.C.)
- As guerras de defensa en Italia e as guerras Púnicas, de conquista no Mediterráneo Occidental (do 509 a.C ata o 146 a.C.) e finalmente expansión cara o Mediterráneo Oriental.
- A Crise da República:Trazos e protagonistas da mesma (133 a.C.- 31 a.C.) .Lembraremos nomes como os Escipións, Tiberio e Caio Graco, Mario e Sila, Cicerón e Catilina,Espartaco, Craso, Pompeio e, como non, a César, mesmo Marco Antonio, Cleopatra, Lépido e o que logo vai ser o emperador Octavio Augusto.
- Xulio César momentos e ditos da súa vida.
- A expansión do Imperio.
- Os doce primeiros Césares.
- A crise e a caída do Imperio no ano 476 d.C.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 22-05-2015 07:04
# Ligazón permanente a este artigo
Sobre a escultura
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 20-05-2015 06:55
# Ligazón permanente a este artigo
Preparando
Quen son as Moiras sabedoras do destino de homes e mulleres?
Foi culpable Pandora, a primeira muller, da chegada dos males ao mundo?
Ariadna, a do labirinto e a do fío, confiou en Teseo, pero...

Houbo homes na antiguidade que dicían pelexar por unha muller como Helena, pero o que lles interesaba era Troia, onde ademais de apoderarse das riquezas e de sementar destrucción, tras arraxala por completo,matando a todos os varóns, escravizaron as súas mulleres troianas.Como se sentiron elas? Coñezamos ese sentir de Casandra ou de Hécuba ou Andrómaca repetido tantas e tantas veces ao longo dos séculos.

Namentres Penélope non moi lonxe tecía e destecía lá á espera do seu home, un grego de regreso da Guerra de Troia. Cantas Penélopes seguen esperando hoxe esperanzadas nunha volta que non sempre se produce e que en moitos casos é síntoma dunha dependencia atroz? Por que elas non navegan?

Os homes da Helade, os de onte, Polinices e Etéocles, coma os de hoxe, protagonizan continuos enfrontamentos violentos e agresivos que os conducen irremediablemente a autodestrución e a morte. Iso é visto como algo natural e hai quen será logo soterrado cos honores debidos a un heroe morto pola patria e hainos que o seu cadáver, aborrecido por ser o inimigo, se deixará apodrecer sen máis para que feras e voitres o devoren. Entón a voz de Antígona, ante unha Ismene temerosa e submisa, rebélase contra tal inxustiza, dándolle pé a tantas mulleres a dicirlle non ao poder patriarcal cruel e inhumano.

Finalmente, na Atenas de Pericles,unha muller estranxeira, Aspasia, admiradora de Safo, será quen de procalmar unha existencia libre e independente sendo muller nun mundo de homes. Non tardaría en chegar a súa caricatura, Lisístrata, capaz de disolver exércitos de homes vencidos "miles gloriosus" por un puñado de mulleres pacifistas atenienses e espartanas unidas e conscientes do seu poder. Se cadra un bo argumento para unha comedia antiga, pero sen dúbida unha máis que interesante lectura para a época moderna: Elas non só fiaron lá!
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 12-05-2015 00:19
# Ligazón permanente a este artigo
Mitos de Primavera
Como contaban os gregos aos seus fillos o cambio das estacións, iso do paso do frío e infertil inverno a doce e fecunda primavera?

Procuremos a información sobre estes tres mitos:

O Rapto de Perséfone.
Bótalle unha ollada ao vídeo e responde:

1- Adivina a cal destas tres esculturas de Bernini corresponde ao mito do rapto de Perséfone.
2- Que historia de amor imposible recolle a segunda das esculturas? Relata o mito.
3- A terceira das esculturas corresponde á Mitoloxía Clásica? Por que?
Para axudarte na solución das preguntas podes ver as seguintes montaxes:



Apolo e Dafne:un amor imposible.



Orfeo e Eurídice.



1- Quen era Orfeo? A quen se ofrecen as danzas iniciais da tribo que trouxo a chuva na primavera, que deusa se presenta grazas a súa música? logo hai outra danza na honra doutra deusa no tempo das colleitas a que deusa se dedican?
2- Quen era Eurídice? Quen era o personaxe que a persegue polo bosque?
3- Por que morre Eurídice? Que fai entón Orfeo?
4- Que lle sucede no Mundo dos Mortos? Quen o transporta ata a corte de Hades?
5- Puido liberar a Eurídice do mundo das sombras?
6- Resume como remata a súa vida Orfeo.

7-Podes ver outra versión do mito:
- Que diferenzas atopas entre as dúas versións?
8- Que eran na Antiga Grecia os misterios órficos?

9- A que illa contan que chegaron os restos de Orfeo? Por que será famosa esa illa?

Adonis e Afrodita.

1- Quen son e que lles ocorre a Cinias e a Mirra. En que acaba converténdose Mirra?
2- De quen é fillo Adonis? Quen o coida de neno?
3- Como xorde o amor entre Adonis e Afrodita?
4- Que pinta Marte ou Ares nesta historia de amor?
5- Cal é o desenlace deste mito. Relata en detalle da relación de Venus e Adonis, mesmo a súa relación coa Primavera e con certas flores.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 27-04-2015 06:41
# Ligazón permanente a este artigo
Proba de abril
A proba de abril consistirá:

OS REGRESOS DE TROIA:
Ulises e a Odisea. As aventuras narradas por Homero. Estrutura da Odisea.
Eneida: a viaxe de Troia a Roma (Lembrade: árbore xenealóxica dos descendentes de Eneas ata chegar á fundación de Roma).

DA GRECIA ANTIGA Á GRECIA CLÁSICA:
Cadro das etapas da Historia grega
Os pobos de Helen (indoeuropeos)
Un mapa de polis gregas.
Da monarquía á democracia ateniense, un proceso evolutivo nas polis gregas.
Conceptos como Guerras Médicas, Guerra do Peloponeso...
Da desaparición da escrita ao alfabeto e dialectos gregos (colorea un mapa).
O centro da filosofía, arte e a literatura na Grecia Clásica: o ser humano.

AS ORIXES DO TEATRO
As festas de Dionisio (mito de Dionisio)
Pisístrato e a creación do Teatro.
Partes dun teatro.
Os mestres da verdade: Esquilo, Sófocles e Eurípides.
A evolución da traxedia: Evolución dos contidos dos textos e do coro e actores nas obras ao longo do século V.
A evolución da comedia.Da comedia de Aristófanes á de Menandro.

Obras coas que traballamos:
Edipo Rei de Sófocles.
As troianas de Eurípides.

Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2014-15 - Publicado o 17-04-2015 06:54
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0