VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

IN VERITATE, CRESCES...AUDE SAPERE
Xogando cun coñecido lema latino, ocorréusenos iniciar o curso co lema "In studio veritas" (a verdade está no estudo), pero logo foisenos ocorrendo outro lema un pouco máis completo: "in veritate, cresces... aude sapere" (na verdade crecerás, atrévete a saber).
Nesta frase, a primeira parte está relacionada co lema central que escoñemos no centro e a segunda evoca outro dos proverbios máis sonados da Cultura Clásica que nos leva á Grecia Arcaica e ao santuario de Apolo en Delfos,("coñécete a ti mesmo", ademais de deixar entrever o espírito olímpico da procura da verdade do que sen dúbida este curso falaremos en profundidade, por ser o 2012 ano de Xogos Olimpicos.

Imos logo con esta primeira reflexión da nosa unidade cero do curso na que comezaremos por preguntarnos sobre a relación dos deuses e os mortais, a orixe e sentido do mito na Grecia Antiga.
Fíxate na fotografía desa estatua grega que acompaña esta entrada. Podería ser un home, pero se trata dun deus, seguramente Zeus, aínda que hai quen di que é Poseidón. Esta escultura é produto dunha fonda reflexión que protagonizou a civilización grega na antigüidade na fermosa travesía na procura do saber, no descubrimento da verdade do ser e a súa relación coa natureza e cos deuses que eran concibidos como homes ou mulleres perfectos, de aí o gusto polo espido na escultura grega.

Comezamos o curso facendo caso do lema e botando unha ollada cara o que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e orixinal das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, as olimpíadas, a arte...

A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo. Por iso preguntámonos inicialmente:
Que debemos saber antes de ler mitos?

UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO

A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.

Este espazo e os que o habitaron nun longo proceso de accións e reaccións seculares, pola orografía (Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa)e outras circunstancias provocaron a creación de numerosos estados independentes (con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...)pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades-estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas elas que permiten falar desa unidade eran: a Lingua e a Relixión.

Reparemos moi rapidamente en dous Santuarios aos que acudían todos os gregos, ben en caso de conflitos ou problemas de todo tipo, o santuario de Delfos, (considerado o embigo do mundo e onde estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa "a pitonisa" en transo pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban) ou ben cun sentido máis pacífico o santuario de Olimpia( para celebrar os Xogos na honra de Zeus, deus do raio, pero sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo do pai dos deuses).

Na seguinte entrada seguiremos afondando sobre a relixión da antiga Grecia no noso camiño de achegamento á mitoloxía.
Comentarios (0) - Categoría: AULA MITOLÓXICA - Publicado o 18-09-2011 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0