VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

NO FESTIVAL GRECOLATINO DE LUGO

Como todos os anso este curso tamén asistimos ao Festival Grecolatino de Lugo. Fomos ver dúas obras que traballamos e lemos previamente e que curiosamente, a pesar de ser de autores distintos gardan entre si certa relación como se verá. Como se aprecia na foto gustounos a versión que fixeron das Troianas o grupo "El ruiseñor" de A Coruña.
As obras en cuestión son TROIANAS de Eurípides e TESMOFORIANTES de Aristófanes. Ademais puidemos ver o Museo Provincial de Lugo, paseamos pola Muralla romana da cidade e vimos s exposición itinerante que a Fundación "La Caixa" presenta nesta cidade ata o 28 de marzo e que titula "Romanorum vita" sobre a vida cotiá nunha cidade romana de hai 2000 anos.

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 19-03-2012 07:01
# Ligazón permanente a este artigo
AS ORIXES DO TEATRO
DIONISIO E O TEATRO.
Dionisio é o deus grego ?amigo das danzas? porque as danzas e mesmo o chamado ditirambo (canto ritual en honor a Dionisio) interpretado por un coro eran algo esencial no seu culto. Foi Pisístrato quen institucionalizou as Grandes Dionisíacas no ano 545 a.C. e, con ese motivo mandou construir na ladeira sur da Acrópole unha ?orchestra? ( é dicir, un espazo circular destinado para a danza cun altar no centro). Non tardou en erguerse un graderío semicircular ao seu redor ?para poder ver? (theaomai: contemplar) que lle chamaron ?theatron.?

O culto de Dionisio invadeu Grecia cara o século VII asociándose a ritos antiquísimos da fertilidade. Por iso posiblemente os sátiros (identificados cos machos cabríos) estean no cortexo do deus da máscara, do desenfreo e do viño).
Moitas eran as festas agrarias nas que se festexaba a este deus. En primeiro lugar as Oscoforias eran as festas da vendima (outubro-novembro) pois a el se lle relacionaba coa introdución da vide en Grecia. Un culto rural a Dionisio que se celebraba en decembro ?xaneiro consistía nunhas procesións portadoras de ofrendas propiciatorias da fecundidade acompañándose de cantigas burlescas. Un mes máis tarde eran as Leneas nas que as rúas da cidade de Atenas eran tomadas polas mulleres (as lenas, ménades ou bacantes) bailando e cantando en honor de Dionisio. O mes febreiro- marzo recibía o nome das Antesterias, que eran como o noso Entroido e o Mércores de cinza. En todas estas festas había lugar para certos ritos para-teatrais que darán orixe ao teatro. Pero a festa das Grandes Dionisíacas celebrada en Atenas na primavera, instituida polo tirano Pisístrato, sería a que dará lugar á representación da primeira traxedia entendida como tal no ano 535. Neste momento se engade fronte ao graderío unha caseta para os cambios de vestiarios chamada ?skene? diante da cal aparecerá o ?proskeion?, plataforma sobre a que actuaban os actores, mentras o coro ocupaba a orchestra.
Pouco a pouco esa festa vai secularizándose coa introducción de coros en honor de heroes locais sen chegar a facer desaparecer por completo elementos do rirual relixioso.
As representacións comezaban tras unha breve celebración relixiosa e o sacerdote de Dionisio, ocupaba un asento de honor. Iso si, a temática heroica adoptada despraza os cultos aristocráticos que ensalzaban aos seus antepasados, fomentando así unha temática máis popular.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 28-02-2012 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
O TEATRO Un gran invento grego







O Teatro naceu para honrar a Dionisos imos investigar sobre o seu nacemento e sobre o seu culto, tamén sobre a súa relación tan especial co ano vexetal.

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 27-02-2012 06:55
# Ligazón permanente a este artigo
Dos tempos da escuridade Doria á construcción da Grecia Clásica

Imos ir avanzando na nosa viaxe pola Cultura da Antiga Hélade cara a Grecia Clásica. en primeiro lugar temos que saber que supuxo a entrada dos Dorios (o último pobo indoeuropeo que entra no territorio grego) para aquela sociedade micénica ou aquea, que pelexara en Troia.

A época Escura coa perda da escrita dos silabarios permitirá para empezar a entrada do alfabeto, o que á vez vai permitir desenvolver a literatura o xénero épico que xa estudamos e novos xéneros como o Teatro que agora estudaremos.
Temos que ter en conta que as migracións das distintas tribos configurarán de xeito definitivo o mapa da Grecia Arcaica das cidades estado ( as polis) darán paso a unha actividade comercial e colonizadora polo mediterráneo que situará a Grecia dun xeito ben distinto no conxunto do Mediterráneo, unha grecia que está dividida en numerosos estados pero que mantén unha forte cohesión interna como demostran o fenómeno das Olimpíadas e a súa relixión ou o propio idioma común para todos eles.
A diversidade política xera a evolución das formas de goberno dende unha sociedade baseada na linaxe onde a aristocracia deriva en Tiranías ata unha sociedade aparentemente máis igualitaria como podeser a da Democracia Ateniense que mantén no seu seo un atroz escravismo e unha tremenda segregación das mulleres e dos estranxeiros do mundo da política.

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 24-02-2012 07:01
# Ligazón permanente a este artigo
OS REGRESOS DE TROIA: A ODISEA
Ademais e Odiseo, hai outros heroes gregos dos que nos interesa falar, como por exemplo o ancián sabio Néstor, rei de Pilos, unha cidade micénica da a arqueoloxía, como Troia ou a propia Micenas tamén contribuiu a ofrcernos unha imaxe máis completa dese mundo que relata Homero.

Por outro lado é interesante coñecer o destino dos dous Aiax, o Telamanio co seu irmán Teucro e o Aiax o menor, o Oileo, o que acompañara a Neoptolemo, o fillo de Aquiles no interior do cabalo de Troia.
Saber máis de Neoptolemo tampouco está demais pois foi el quen mata ao rei Príamo.

Xa comezamos a traballar coa Odisea imos facer pois unha lectura selectiva dos seguintes cantos VIII- XII deste segundo libro de Homero.
Logo dun traballo cos textos iremos ao visionado dalgunhas secuencias da película que máis recentemente recreou a viaxe de regreso dende Troia do astuto Ulises, rei de Troia.
Aquí tedes outra versión da Odisea

Estes son os primeiros versos da obra:

Cóntame, Musa, a historia do home dos moitos camiños,

que andou errante moito despois de asolar Troia sagrada;

viu moitas cidades de homes e coñeceu o seu talante,

e dores sufriu en gran núrero no mar tratando

de asegurar a vida e o retorno dos seus compañeiros.


E unha recente versión cinemátográfica para ver e analizar

Notas de comprensión lectora dos Cantos VIII e IX

CANTO VIII

1- En que lugar se encontra Odiseo, como se chaman os seus habitantes? Lembra que o epíteto ou fórmula con que son nomeados varias veces por Homero é : "os amantes de manexar os remos".
2- Como se chama o rei deste lugar?
3- Que deusa lle axuda baixo apariencia mortal?
4- Que xogos contempla Odiseo? Participa nalgunha competición persoalmente?.
Neste canto Homero lembra por boca dun aedo os amores adúlteros de dous deuses. Narra a historia e logo procura os cadros mitolóxicos de Velázquez asociados a este curioso relato.
5-Que agasallos recibe ademáis dunha nave disposta para o refreso a súa patria?
6-Despois do baño con que personaxe feminino se atopa e fala? Que lle agradece?
7-Logo canta o aedo relatos sobre Troia Onde se fala de Teucros e Dánaos. Que levan os teucros a súa agora?
Alcínoo observou a Odiseo chorar ao escoitar semellantes relatos e suplícalle que lle diga que cousa?

CANTO IX
"Que cousa relatarei en primeiro lugar, cal en último termo, sendo tantos os infortunios que me enviaron os celestiais deuses? O primeiro, quero dar conta do meu nome para que o saibades, e en diante, despois que me libere do día cruel, sexa eu o voso hóspede, a pesar de vivir nunha casa que está moi lonxe. Son Odiseo Laertíada, tan coñecido dos homes polas miñas astucias de toda clase."
1- Que relata a continuación? Que pasa cos cicóns e cos lotófagos?
2-Cal é a terceira aventura? Quen é Polifemo?
3-Cantas naves ían con Odiseo? De onde sacaran o viño?
4-Cando aparece Polifemo, que desastre provoca antes de quedar durmido? Por que nese intre non o mata Odiseo?
5-Ao día seguinte, que ocorre? Como di chamarse Odiseo ante Polifemo? Como saen finalmente da cova?
6-Cal é o designio final que augura Polifemo a Odiseo e os seus compañeiros?


Agora debes seguir ti lendo os cantos X, XI e XII. Ánimo.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 06-02-2012 07:04
# Ligazón permanente a este artigo
REMATAMOS, ARDE TROIA
Na cuarta sesión

Estamos xa no final da película. Esta materia xa non se debe á Ilíada de Homero que remata cos funerais de Patroclo e Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.

Por un lado, está a gran estratexia do grego máis astuto. Cal é a ocurrencia e quen é o heroe de tan gran inxenio? Sufriron os gregos segundo a mitoloxía unha peste nas praias de Ilión como aparece na película?

A morte de Aquiles é un dos centros de interese. A película sitúanola dentro de Troia, coincide cos relatos da mitoloxía máis coñecidos?

Aquiles e Paris resultan no final desta historia, como no principio da mesma, transcendentais.

Aínda que non están na obra de Homero, varios mitos posteriores relatan acontecementos dos últimos días de Aquiles como os seus amores por Polixena, a filla máis nova de Príamo, que non se cita na Ilíada, pero que podería ser confundida coa Briseida da película de Hollywood e que levaría ao heroe a unha cita nun templo de Apolo, onde agochado Paris e guiado polo deus, asestaría un frechazo no talón do Aquiles que lle causaría a morte.

De Paris contan estes mitos posthoméricos que morreu tamén ferido por un arco que usaba Filoctetes e que a súa antiga namorada Enone, que abandonara por Helena, sabedora de remedios contra os velenos da frecha que o ferira, inicialmente negouse a salvalo. Os remorsos fixeron que esta ninfa se arrepentise, chegando tarde pois o cadáver de Paris xa ardía nunha pira funeraria. Din que aquela muller suicidouse botándose ao lume onde ardía o corpo inerte do seu amado.


Debemos chamar a atención antes de rematar sobre outras mortes. Morreu Agamenón en Troia?

Finalmente, salvouse alguén da toma de Troia? neste punto a película distánciase do que as fontes gregas nos transmitiron, especialmente no referente ás troianas como Andrómaca ou mesmo a Helena o que provoca sen dúbida confusións, tendo en conta que nós imos ler dentro de pouco o drama de Eurípides As Troianas. Nesta recta final dos relatos da caída de Troia aparece tamén a figura do fillo de Ulises. Procura unha información básica sobre este rapaz que mesmo vai estar con Ulises dentro do cabalo de Troia.

E para rematar podemos ir repasando os datos fundamentais que debemos saber con este xogo didáctico sobre a Guerra de Troia. (detectamos neste xogo no terceiro nivel na pregunta nº 6 un erro grave de redacción relacionado coa morte de Aquiles) ou este outro xogo sobre a Ilíada que ademais nos obriga a practicar o inglés.(Son moitos os xogos deste tipo que hai no mercado cargados de violencia, violencia que tamén está presente en boa medida no texto orixinario de Homero).

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 01-02-2012 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
Comparando a ILÍADA coa película de TROIA
A Guerra de Troia do mito, a de Homero e a do cinema
Estamos vendo na aula a película de Wolfgang Petersen titulada Troia, pero á vez imos ir procurando semellanzas e diferenzas co mito e co relato de Homero.
Comezamos coas primeiras escenas que son a introdución do filme, onde destacan o rapto de Helena e o logro do astuto rei de Ítaca, Ulises, ao convencer a Aquiles que se embarque cos gregos.

Sobre os personaxes que se nos presentan axiña botamos en falta aos deuses, omnipresentes na Ilíada e que aquí desaparecen como personaxes activos, tan só aparecerá dun xeito moi sutil a nai de Aquiles, a deusa mariña Tetis, imitando aqueles diálogos que Homero introduce no seu relato en distintas ocasións.

Botamos en falta en Troia á raíña Hécuba, esposa de Príamo, unha lamentable simplificación, e tamén chama a atención a inexistencia da princesa profética troiana Casandra, aínda que alguén pode pensar que a Briseida da película é, en parte, Casandra. Sobre Briseida logo falaremos.

Imos lembrar algúns pormenores previos aos combates en Troia. Procura pois as respostas axeitadas:

1º Que soño tivo Hécuba?
2º Que facía Aquiles no xineceo, ou dependencias das mulleres? Quen o descobre?
3º Quen é Ifixenia e que ten que ver con Aquiles?

Logo seguindo coa película TROIA do ano 2004, imos na procura de semellanzas co texto básico da mesma Ilíada de Homero:
Propoñemos estas cuestións para resolver cos textos de Homero diante:

NA PROCURA DE PARECIDOS
1- As razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia aparecen claras na película?

2- A cólera de Aquiles é o tema inicial da Ilíada. No filme aparece Briseida, pero na Ilíada de Homero Briseida e tamén Criseida.
Le o Canto I. e intenta explicar que semellanzas atopas entre a personaxe do cine e as orixinais de Homero.

3- Paris enfróntase a Menelao. Morre alguén neste singular combate? Como conta este asunto Homero consulta os cantos III e IV da Ilíada?


CONTINUARÁ

Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 24-01-2012 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
DE DOUS DEUSES IRMÁNS E A GUERRA DE TROIA
Hai dous deuses que son ademais irmáns xemelgos, que nacen dunha coñecida historia amorosa de Zeus cunha Titánide, Leto (chamada Latona, en latín).
1- Investiga pois os problemas que tivo esta divindade unha vez que Hera, a que é esposa oficial de Zeus, terá con ela.

Sobre ARTEMISA: Esta deusa virxe da caza estará moi presente na partida dos gregos cara a guerra de Troia.
Esta deusa foi ofendida en certa ocasión por Agamenón, o poderoso rei de Micenas, irmán de Menelao e caudillo dos gregos.
2-Cal foi esa ofensa? Cal será o castigo que a deusa solicita para Agamenón? Como engana Agamenón a súa filla neste asunto? Con quen di a súa muller, Clitemnestra, que a vai casar?.
3- Outra deusa, nai dese heroe grego co que queren casar a Ifixenia, intentara por todos os medios que o seu fillo non fose a Troia, pero de novo Ulises descubriría o seu agocho, como o fixo? En que consistía esta trampela e como se chamaban o heroe descuberto pola astucia de Ulises e a súa nai?

Sobre APOLO: Deus da beleza e arqueiro (coma a súa irmá). Vai ser confundido con frecuencia co deus solar, Helios. Pero os seus dons teñen que ver máis coa adiviñación.
3-Que ten que ver Apolo con Delos? Que lle pasou en Delfos?
4- Cal é o conflito que se relaciona con este deus descrito no canto 1 da Ilíada de Homero, no noveno ano do asedio de Troia?
5-Que relación ten Apolo cunha princesa troiana, filla de Príamo e de Hécuba, e polo tanto irmá de Paris e de Héctor? Repara nos detalles dos problemas que ten o deus con esa princesa troiana Casandra?
6-Fíxate na representación destes deuses, que elemntos representn a Apolo?
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 19-01-2012 23:49
# Ligazón permanente a este artigo
Do Xuízo de Paris ao rapto de Helena
Imos entrar nos detalles do Xuízo de Paris xa que nos interesa saber os motivos polos que comeza esa relación tan transcendente entre o príncipe troiano Paris e Helena de Esparta, que como xa sabedes estaba xa casada con Menelao.

Sobre PARIS:
1-Que debemos saber sobre o seu nacemento Paris?
De quen era fillo? Que problemas tivo para acabar como pastor de ovellas se en realidade era un príncipe?
2-Por que motivo foi escollido el para ser o xuíz das tres deusas que querían ser as agraciadas coa mazá da Discordia? Cales son as promesas das deusas e cal foi a agraciada coa mazá?

Sobre HELENA:
3-Por outro lado, de quen vén sendo filla Helena?
Quen son os seus irmáns e como se chama a súa irmá?

4-A beleza de Helena sempre causoulle problemas, xa antes de casar, pero sobre todo á hora de casar. Como foi seleccionado o seu marido entre os moitos pretendentes que tiña? Que promesa ataba a todos os que desexaban casar con ela? Tivo algo que ver con tal xuramento o astuto Ulises?

5- Os problemas despois de casada non remataron, cal foi o maior dos problemas que tivo e debido ao que se fixo máis famosa?.

6-Que ten que ver a ilustración que acompaña esta entrada con Helena? De quen é este famoso cadro. Investiga os detalles deste mito.
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 13-01-2012 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
A VERDADE SOBRE TROIA

Na clase xa visualizamos un documental sobre o tema elaborado por National Geografic.
Intenta respostar a tres dilemas:

1º Existiu realmente Troia? Como foi localizada esta antiga cidade no século XIX, tras perdérselle a pista durante séculos e crer que era unha cidade ficticia inventada por Homero? Quen levou a fama desta reaparición de Troia foi H. Schliemann. Pero como o logrou? Que outras excavacións de importancia fixo? O tesouro que el chamou de Príamo ou a máscara de Agamenón pertenceron realmente a estes personaxes?



2º Tivo lugar realmente a guerra de Troia? Foi Helena o seu motivo? Parece ser que outro arqueólogo, Carl Blegen nas súas excavacións de 1932-1938 axudou a respostar á primeira pregunta ao atopar os niveis VI e VII de Troia. Pero serían excavacións máis recentes as dos anos 1993 as que aporten datos máis clarificadores sobre unha posible guerra de Troia de dimensións máis grandes e acordes coa que aparece nos textos de Homero. Lembra os datos do documental visto para responder a estas dúas preguntas.

3º Existiron realmente Helena, Menelao, Agamenón, Aquiles, Príamo ou Paris? Parece ser que os estudos dos textos Hititas xunto con datos arqueolóxicos ofrecen información sobre algúns destes personaxes ao aparecer neles tanto a cidade de Troia baixo a denominación de Wilusa que transcrito ao grego daria Ilios ou Ilión, nome co que se denomina Troia ( lembra que o poema homérico chámase precisamente A Ilíada, porque narra unha parte da guerra de Ilión). Tamén aparece un rei denominado Alaksandu, que ben podería ser Alexandre, é dicir o outro nome de Paris. Mesmo citan aos seus inimigos o rei de Ahijawa (que podería ser Acaia, é dicir os aqueos, unha das denominacións dos gregos).

Finalmente no documental aparecen tres hipóteses sobre o cabalo de Troia:
1- A que fose certo o mito, unha trampa de Odiseo.
2- A que sexa unha metáfora dun terremoto, Poseidón era o deus do mar e dos terremotos, cuxo animal é o cabalo.
3- A que sexa unha arma de asalto en forma de cabalo que permitira entrar en Troia aos gregos.

Para saber máis podes ver este documental: a verdadeira historia sobre Troia ou se o prefires este outro, menos interesante e centrado máis no contido da Ilíada de Homero e titulado: Troia, mito ou realidade?
Comentarios (0) - Categoría: 4º 2011/12 - Publicado o 12-01-2012 23:33
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0