Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

QUEN CHE REGALA LIBROS ALGO CHE QUERE
É un exceso regalar libros a unha persoa que ten manifestado o seu desinterese pola lectura?
Redondamente, non.
Se non resulta vulgar entregar diñeiro a un neno ou flores cortadas á persoa que amas, dar un libro como presente, pode ser a maior declaración de amizade, ou quen sabe se de algo máis.
Un libro atesoura cultura, lingua, entretemento e tamén elegancia.
Moitas veces, cando debemos facer un agasallo, miramos moito de non caermos en paifocadas, de seren libros os obxectos en cuestión, estariamos libres de tal risco.
Tamén para un casamento? Porque non, existen coleccións encadernadas a todo luxo cun valor económico considerábel.
Tamén para un nacemento? Que mellor agasallo que os primeiros contos infantís para a crianza que acaba de vir ao mundo.
A quen non debemos regalar libros baixo ningún concepto? A quen desexemos ofender. Se desbotas a literatura como obsequio para unha determinada persoa, estás a declarar a cualificación intelectual que che merece. Teñamos sempre en conta que moitas persoas cun baixo nivel académico, posúen respectábeis bibliotecas, pois o hábito da lectura está presente en todos os estamentos sociais.
Hai moito tempo que unha boa parte dos agasallos que recibo están constituídos por libros, e desde logo, os meus seres agasallados obteñen libros.
Existen títulos para mostrar agradecemento, para expresar unha declaración de amor, para realizar unha manifestación de intencións e mesmo para transmitir unha mensaxe oculta. Non me refiro só aos argumentos ou ás temáticas, as páxinas dun volume resultan un agocho perfecto para introducir esa nota que nunca ousaches entregar en man, esa tarxeta postal da praia en que todo aconteceu, esa felicitación de aniversario que pretendes orixinal, ou esa fotografía que quere dicir tantas cousas? e ningunha doada de expresar.
Non temos por que agardar ao Día do Libro (23 de abril), nin ao Día de Rosalía (24 de febreiro), nin ao Día das Letras Galegas (17 de maio), nin sequera ao Día das Bibliotecas (24 de outubro) ou á chegada do Apalpador (noite do 24 de decembro), celebremos e conmemoremos a mutua simpatía sen máis; hoxe é o día acaído, e mañá tamén.
Ninguén que che queira ben deixará de che regalar un libro nalgunha ocasión; ninguén que che queira mal optará por depositar nas túas mans un artefacto tan completo como unha novela, un poemario, un ensaio, unha obra dramática, un cómic, unha antoloxía de relatos breves?
Cando arda o postremo sentimento do derradeiro ser humano, ficará un libro a narrar o acontecemento. Quen recibirá tal galano?


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-09-2018 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
CRUZANDO A LONGA PONTE LITERARIA DO VERAO DE 2018

Foi diferente, superior e numerosa, alén de se estender no tempo durante tres horas. É verdade que se puxo a proba a resistencia do xeneroso ?en todos os sensos- público, mais foi un público que nos comunicou aquilo que sempre quixemos escoitar.
Díxosenos que tal evento supuña unha illa no medio da paifocada dominante, facendo referencia explícita ás festas da inercia coa súa música groseira. Cando alguén cae nesa conta, é porque un dos obxectivos foi logrado.
Xa celebráramos unha Ponte Literaria a cuberto, e a experiencia resultara ben positiva, mais a tradición falaba de pontes e cursos fluviais, e aos activistas das letras, tan metódicos coas cousas do romanticismo, cústalles caro prescindir das liturxias.
Así comezou a transformación: A comezos do verao recibimos un ofrecemento moi tentador, organizar algún evento no local social da parroquia da Laxe (O Valadouro), pois é desexo do colectivo veciñal inzar o espazo de actividades.
O ?local?, vén sendo un flamante centro social acabado de estrear, con todas as comodidades e prestacións.
Daquela, non tivemos dúbidas, a Ponte Literaria celebraríase en Tanín, o barrio que noutrora se fixo célebre polo seu salón de baile.
Sendo rigorosos, deberiamos dicir que o número de participantes resultou elevado de máis para unha única sesión, e sendo triunfalistas, diremos que a Ponte Literaria de 2018 gozou dun éxito rotundo.
Foi un encontro anovado en case todos os aspectos. Por primeira vez un texto chegaba a través dunha gravación (o de Pepe Peinó), tamén por vez primeira, unha participante puña voz ás creacións dunha autora de alén mar (Rita Geada), e dous letraferidos (Margarita Bermúdez e Xulio R. Leiras) lían ?a dúo- un relato de Maupassant? Unha escritora chegaba desde Lugo (Adela Figueroa), un escritor desde Abadín (Manuel Regal), e desde o parnaso galaico xurdía Luz Fandiño; si, a poeta Luz Fandiño, a que conta con oitenta e sete anos e unha traxectoria vital de novela.
Mais tampouco deixaron de asistir á cita quen levan anos participando no encontro: Iolanda Aldrei, Isaac Ferreira, Lionel Rexes, Manuel Lourenzo, Paco Rivas e Xesús Pisón.
Produciuse, durante as lecturas, unha casualidade das que alimentan a literatura con chispazos de maxia inspiradora. Isaac Ferreira (o que fora director da Revista de Teatro Casahamlet), leu O cerco de Vilanova, unha peza dramática ambientada no derradeiro día de vida do guerrilleiro O Gardarríos; tal texto foi escollido polo autor por un motivo evidente, acaban de se cumprir setenta anos da morte do activista.
Mais o Isaac non soubo, até rematar a lectura do seu texto, que o público fora nutrido cunha presenza sobranceira, a de Fernanda Cedrón Trigo, neta do Gardarríos. A entrañábel Fernanda ilustraríanos máis tarde cunha ampla bibliografía sobre a temática guerrilleira.
A mesa disposta para a doazón espontánea de libros nunca presentara tan elevado número de exemplares, e grazas a iso, os asistentes puidemos contar cunha amplísima oferta de títulos para gozarmos na casa.
Todo mudou, todo medrou; a PL comeza a ser un encontro de referencia a nivel galego, superando, definitivamente, a súa natureza eminentemente local.
Aquela iniciativa nacida ao pé do Douro perdeu carácter bohemio conforme foi adquirindo sona e difusión. O río xa non é un elemento indispensábel, mais permanecerá na denominación e na memoria, sempre obrigados á metamorfose sen esquecer de onde vimos.
Quizais, o seguinte chanzo, sexa a celebración dunha PL de inverno? Quen sabe, agora que deixamos de sermos poetas nómades para nos afacer á caloriña dos teitos, é posíbel que calquera día os letraferidos nos xuntemos de novo, vendo felepar (voz local que significa nevar) desde as vidreiras dalgún centro social.
Non esmorecerá a nosa literatura mentres se lles tendan pontes aos guerrilleiros das letras.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-09-2018 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
A VELLA ESCOLA DE OLLOMAO
O grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, está a pór en escena Enciclopedia Álvarez, unha obra que inevitabelmente, traerá á nosa memoria El florido pensil (adaptación realizada pola compañía Tanttaka Teatroa a partires dunha publicación homónima de Andrés Sopeña), mais non imos estabelecer comparanzas, por seren odiosas e acotío inxustas.
A recreación da escola franquista elaborada por Ollomao ?ben oportuna hoxe en día- non goza do lucimento e mestría que nos engaiolara coa posta en escena de Os vellos non deben de namorarse. Se cadra, a estrutura escollida para Enciclopedia Álvarez non é a máis acaída para manter a cadencia dramática.
Sobran as continuas prolepses aclaratorias e falta o recurso á metáfora, ese tropo salvífico para o texto literario.
O fío condutor da comedia, malia estar omnipresente desde o mesmo título, mostra unha febleza que se arrastra durante toda a función, favorecendo a sensación de dispersión argumental.
A actual proposta podería chegar a evocarnos o microteatro, grazas á referida autonomía duns actos consumíbeis por separado, mais isto, lonxe de supor unha eiva, pode devir nunha virtude, sobre todo nunha época en que o teatro entrou con forza nos espazos mínimos (cafés, pubs?).
O espectador experimentado ou curtido, botará de menos a mensaxe indirecta, a incitación á reflexión provocada e tamén esas pingas de sarcasmo recomendadas en toda comedia. Xaora que Enciclopedia Álvarez é unha obra sarcástica, mais esta montaxe devora espazo de máis á matinación individual, introducindo uns continuos ?pés de páxina? que poden chegar a resultaren monótonos.
Con todo, Ollomao non defrauda e sae vitorioso do lance, continuando a supor unha garantía nos habituais ciclos de teatro auspiciados polas institucións municipais, nomeadamente, nun panorama inzado de grupos estancados na comedia fácil e inocua.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-09-2018 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0