 Restan uns poucos días do verao e iso supón o final das feiras do libro e a chegada das novidades editoriais.
Que medre o número de feiras no país é unha boa nova (a de Mondoñedo entrou na nómina de citas libreiras o pasado mes de xullo), porén, que a literatura en lingua galega acabe por se converter nunha estraña no seu propio fogar (revísense os artigos publicados por Eli Ríos, Ledicia Costas ou Manuel Bragado con respecto á programación da Feira do Libro da Coruña), é, por riba dunha manobra miserábel, unha pailanada propia de ignorantes acomplexados.
Por outra banda, os selos editoriais xa comezaron a divulgar os títulos que ateigarán os trinques das librarías coa caída da folla.
Verbo disto, vimos de saber que Anagrama está a reeditar algunhas obras de Francisco Casavella, un autor do que temos falado recentemente nestas páxinas, evocando o décimo aniversario daquel verao en que Francis redactou Lo que sé de los vampiros sobre chan galego, concretamente nun retiro ao Alfoz do Castrodouro. Conviría recordar tamén que 2018 significará outro décimo aniversario con respecto a Casavella, o da súa morte.
Dise que a época estival é o momento idóneo para encarar con tempo as lecturas adiadas ou os volumes de tamaño considerábel; mais non foi por ese motivo polo que Fiódor Dostoievski se pousou na miña mesiña de noite, senón por mera casualidade.
Posúo dúas edicións da novela O xogador, a que editou Sarpe en 1984 na colección Novelas inmortales e mais a que lanzou Gredos hai dous anos xunto a Crime e castigo. Decidinme pola primeira por resultar máis manexábel.
Que difícil se nos fai xulgar a novelística do XIX desde a óptica actual? Pouco máis podo dicir; agás que me tardaba rematar a aventura daqueles buscavidas de casino.
Outras lecturas que me chegaron nestes meses por casualidade, foron as creadas por un xenio do conto, don Guy de Maupassant.
Resultou que na Ponte Literaria celebrada en xullo, Maupassant foi amentado, gabado e referido profusamente, e aos poucos días, fun agasallado cun regalo magnífico, os dous volumes que Páginas de Espuma publicou baixo o título de Cuentos completos en 2011; xa que logo, Maupassant entrou na miña biblioteca.
Nunha das feiras do libro que visitei, dei cos exemplares dunha fermosa colección denominada Os minilibros de Galaxia, uns libriños minúsculos editados en 2000 que semellan xoguetes e, no entanto, non deixan de conter obras importantes; tal é o caso de O catecismo do labrego, exemplar que merquei alumeado polo bo asesoramento do libreiro. De seguro, estes volumes de 9 por 6 cm. resultan ideais para realizar un agasallo simpático. Debo dicir que xa atesouraba a miña biblioteca a devandita obra de Lamas Carvajal, mais apetéceme unha ?relectura diminuta?.
Remata a caloriña e chegan os días cativos; coma Unamuno, abriguémonos con follas.
|