
Cada verao, o Clube Teatral Elsinor visita as terras do Alfoz do Castrodouro coas súas novidades. Tal privilexio, témolo grazas a que o seu patrón é do val; un lugar coma outro calquera, mais, xa o dixemos, privilexiado.
Trátase da sexta función que Elsinor trae ao municipio en tres anos, e seguramente, tal porcentaxe supón unha rara avis fóra do ámbito coruñés.
Nesta ocasión, a obra intitulábase O palco e as lúas, quizais un título pouco esclarecedor, aínda que as nomenclaturas nada importan cando se trata de pezas independentes, pensadas para unha necesidade imposta polos tempos que corren, velaí o microteatro.
Microteatro non significa teatro pequeno, microteatro non é máis ca unha aproximación ao público, non só física, tamén aos seus salarios e intervalos de lecer.
Por iso, ese novo teatro urxente e veloz se cultiva nos cafés, nos locais socias e nas torres medievais, poñamos por caso.
O castelo do Castrodouro supón un escenario magnífico para que os actores e o público non manteñan distancias, para que se coñezan e se recoñezan como se todo, realidade e drama, non contasen con liñas divisorias. Existe tal?
O palco e as lúas é un compendio de obras curtas, estáticas, con escaso texto; unha proposta para suxerir o pacto coa atención do espectador. Aquí non podes fiarte do ouvido, cómpre estar alerta; cada xesto substituíu un parágrafo. Estades avisados, e ademais, unha actriz pode sacarvos a bailar; segundo aviso.
A quen teña lido Nunca paraíso (Xerais, 2016), hanlle soar estas pezas breves, e quen non o teña lido, sentirá o impulso de correr á libraría. Isto non é un aviso senón un consello de irmán letraferido.
Os argumentos do monllo de pezas que puidemos gozar o sábado 25 foron tiradas da actualidade máis cruel, dun telexornal en estado bruto, si, e mais do que contemplamos na rúa, ou nos camiños veciñais.
Manuel Lourenzo respira e reflicte o cotián, renunciou a ficar ancorado nos mitos clásico, aínda que, ao cabo, todo o que nos contaron os gregos é o mesmo que estamos a ver hoxe no telexornal, isto si é un aviso.
O palco e as lúas é unha comedia crúa, non para chorar de risa, máis ben para chorar de realidade.
Polo medio da obra (obras en realidade), Manuel Lourenzo sairá narrar unhas reflexións domésticas, non só por interactuar; tamén, e sobre todo, para que as actrices cambien o vestiario. Non é que o perspicaz público o colixa, non será preciso, vaicho contar o propio director. Porque este xenio da escena domina a avinza entre patio e escena á perfección. Non teñas medo que rompa o encanto; non, el acabará de avivalo.
O dramaturgo valadourés é un señor do teatro, xa o dixemos. Non o dixemos? Mellor, daquela rectificamos. Manuel Lourenzo é O SEÑOR DO TEATRO GALEGO.
|
 Cantas veces se dixo dun libro que precisa dúas lecturas?
Un autor (sei do que falo) non sempre resultará indemne de tal xuízo. Quizais, cando se di dunha narración longa, se insinúe que algún cabo ficou desanoado durante a redacción. Porén, cando a mesma afirmación se fai acerca dun poemario, é seguro que tal valoración está convidando a gozar da carne pegada ao óso, accesíbel soamente cando a tallada é domeada polo devorador. Falemos hoxe de carne de balea.
Baleas e baleas (Galaxia, 2018), é unha obra amiga de preliminares; por iso debemos deternos na faixa que nos informa de que se trata dunha edición conmemorativa (o poemario publicouse por vez primeira en 1988) dun ?clásico contemporáneo?, escrutar a nota da autora e gardar as claves ofrecidas, pois sen elas, estariamos a desbotar a sazón oportuna para unha lectura proveitosa.
Luisa Castro ideou esta obra con vinte anos, mais a autora focega xa non era unha descoñecida no ámbito literario, xa que logo, falamos dunha poeta precoz; ou todos os poetas o foron dalgún xeito?
Baleas ?como lle gusta denominalo á autora- é unha declaración de adolescencia, mais de adolescencia superada e reflexiva, quizais un chisco melancólica, ou se cadra co alarde da satisfacción polo traxecto vencido.
Tamén encontraremos en Baleas unha boa proba de madureza profesional e bagaxe literaria, por iso cómpre tripar con calma estes versos, para apreciar o oficio da autora e non se contentar coa codia do cetáceo.
Este poemario do desacougo emana sensualidade e cultura oral, máis nunca resultará inxenuo o tratamento da materia.
Que elemento emparenta esta obra coa gran familia da poesía? A presenza do onírico como salvoconduto cara á liberdade temática.
Trinta anos despois, as baleas regresaron ás costas da poesía galega.
|