Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O DÍA QUE ELSINOR NOS TROUXO A CUNQUEIRO
27 de agosto: Xornada calma, mañá neboenta e tarde solleira. Contra o serán, un vento estraño envolve O Castrodouro. Chegou Elsinor.
É o segundo verao que o o Clube Teatral Elsinor visita o castelo do Alfoz, e no mesmo evento, recibimos a boa nova: en outono voltarán.
Celebremos pois, que o Teatro (si, con maiúsculas, porque non estamos a falar de calquera cousa), comece a ser habitual nun lugar onde se tiña enquistado o teatriño.
Xente de pálida pel, a obra adaptada por Manuel Lourenzo, é unha escolma de personaxes tirados (mantendo fidelidade aos monólogos e diálogos orixinais) de textos dramáticos de Álvaro Cunqueiro (O incerto señor don Hamlet, O demo elegante, A noite vai coma un río?), defendida por un elenco de cinco actores: Carme Martínez, Cristina Fuentes, Xosé Martínez, Xulia Miguel e mais Manuel Lourenzo, quen ao tempo é director.
Se teño que destacar un momento sublime da función, sen dúbida, supúxoo a interpretación de Xosé Martínez e Cristina Fuentes no diálogo extraído de O demo elegante. Unha alfaia dramática no medio do verxel de profesionalidade que indefectibelmente nos ofrece o CT Elsinor.
Coma case sempre, debemos queixarnos dun público que acode ao teatro deixando a educación na casa (sexamos optimistas, ou cando menos inxenuos); xa que puidemos escoitar sons de móbiles, irrupcións ruidosas e intempestivas ou murmurio ben audíbel cando a escena xa fora ocupada.
Non sei se haberá que ofrecer cursiños de ?Público civilizado?, tipificar o delito de ?molestia durante o decurso de espectáculos?, ou, crear unha escuadra secreta para a eliminación de pailáns no patio de butacas; sinceramente, ningunha destas medidas me resulta antipática.
No entanto, congratulémonos de poder ter gozado de Xente de pálida pel na torre dun castelo, de percibir os actores a menos dun metro (falamos de teatro de cámara stricto sensu) e por riba de todo, de que o Teatro (si, outra volta con maiúscula, a ver se os popes do teatriño se dan por aludidos) teña visitado O Valadouro.
Cesou o vento, marchou Elsinor. Endebén, seica en novembro, un vento estraño zoará polo eido alfocés; benvido sexa de novo, o Teatro.

Na imaxe Xosé Martínez, Cristina Fuentes e Carme Martínez.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-08-2016 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
NOVAS "PONTES LITERARIAS" EN 2016
Aquela experiencia literaria nada o pasado ano na Ponte Vella de Frexulfe (O Valadouro), tivo continuidade neste verao.
Os fundadores convocaron unha primeira Ponte Literaria organizativa para artellar os vindeiros encontros; mais, xa na primeira xuntanza do verao, a literatura gurgullou a carón da Ponte Vella.
Aquel 13 de xullo naceu un hábito saudábel e pleno de azos para que a lectura, o pracer da tinta impresa e a solidariedade literaria se reproduzan nun val que foi e é, berce de autores e letras.
Demos en chamarlle doazón espontánea ao xesto sabio de Manuel Lourenzo. Consiste en espallar na mesa de reunión, un abano de libros que por unha razón ou outra (volumes repetidos, libros lidos?) estean abocados a deixar espazo libre nas bibliotecas domésticas. Alguén virá máis tarde para ofrecerlles un novo fogar.
Falouse da opaca existencia dunha boa cantidade de mulleres poetas no Valadouro; autoras con escasa repercusión local e cunha obra que non transcendeu alén dalgún opúsculo conmemorativo ou dun folleto das festas patronais.
Unha antoloxía de poesía en feminino supón, xa que logo, unha das débedas culturais que as terras do Douro deben saldar coa posteridade. Idea esta, que o lúcido Isaac Ferreira ten ofrecido en varios ocasións, nas Pontes Literarias e fóra delas.
Segundo Manuel Lourenzo, un novo xénero ou xeito de escribir pode estar a nacer no Valadouro, o dramaturgo denomina ?rarismo? a certo estilo e temática que por veces agroman nas letras do val.
Cantos valecos saben que un exemplar de Contos do Valadouro estivo nas desaparecidas Torres Xemelgas de Nova Iorque?
Destes temas e de moitos outros se fala nestes encontros de persoas vinculadas (por activa, por pasiva ou por simpatía) á literatura.
Na segunda Ponte Literaria de 2016 -celebrada o 21 de xullo- a novela, como xénero, foi vítima dunha crítica feroz.
Varios dos presentes afirmaron que tal formato continúa mantendo vixentes as fórmulas do século XIX, que non houbo innovación nin evolución e que se trata, pois, dun xénero caduco.
Xurdiron voces valedoras da novela, aínda que recoñecendo o contedor de refugallos no que se converteu por culpa das estratexias comerciais. Díxose en defensa do devandito xénero que a canseira e apatía que se aprecia nunha parte da novelística, non ten por que ser allea, desgrazadamente, a poetas e dramaturgos.
De novo, no tempo adicado ás lecturas, os clásicos gregos visitaron o encontro na Ponte Vella: Medea 2 é o título do poema dramático lido por Xesús Pisón, divulgado por primeira vez nun acto público.
A oralidade (parte fundamental e fundacional da arte literaria), gozou de protagonismo nesta segunda edición grazas a unha narración de Lionel Rexes, inspirada por unha misteriosa quinta da parroquia de Lagoa. Trátase dunha mansión ornada cun posíbel monumento funerario.
Desde a descrición literaturizada dunha imaxe local, o narrador deu un chimpo a un relato de Robert Bloch intitulado Festa na abadía, pois que no ano 1934, o mestre Bloch describiu algo ben semellante ao que unha ollada soñadora pode observar en terras valecas.
E o ensaio abriuse espazo, por fin, nunha Ponte Literaria. Foi da man de Marco Candia, quen está a traballar no estudo dos antigos curtidoiros do Valadouro.
Tivo, o ensaísta, a deferencia de adiantar unha riola de interesantes datos ao respecto. Toda a información sobre estas desaparecidas infraestruturas fabrís ficará reflectida nunha futura publicación.
Outra volta, varios libros cambiaron de mans grazas á práctica da doazón espontánea.
O mes de agosto regalounos unha Ponte Literaria o día 11, adubiada cuns refachos de Nordés que obrigaron a comitiva de letraferidos a se internar na Casa da Cultura do Alfoz. Alí, ao abeiro do salón de actos, nove autores leron as súas creacións ante un pequeno auditorio de calidade e autoridade.
Fran Bouso, un dos organizadores do evento ?Mondoñedo é poesía?; Iolanda Aldrei, do colectivo poético compostelán A porta verde do sétimo andar; Vera Reges, valadouresa de Madrid e viaxeira incansábel;
Paco Rivas, o erudito do mar mariñao; Ramom Reimunde, o descubridor dos tesouros do monte e, coma sempre, os impulsores destes encontros (Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes), leron arroupados por un feixiño de veciños e lectores amigos.
Lonxe do río e da ponte matricial, a anoitecida foi chegando sen que a convención fose consciente; embebida nun Manuel Lourenzo cultivando a narrativa, nun Xesús Pisón fero e decote xenial ou nun Isaac Ferreira exhumando textos confeccionados hai 25 anos.
Se as lecturas resultaron interesantes o coloquio rebelouse rotundamente arrequecedor.
Regueifas ?enchoiadas na poesía de Paco Rivas-; as antigas estirpes de acopladores do Alfoz do Castrodouro ?unha información que ofreceu Isaac Ferreira-; a función social dos grupos e círculos poéticos ?Iolanda Aldrei atendeu cuestións arredor d?A porta verde do sétimo andar- e moitas outras temáticas, foron esvarando entre a tarde e un serán estival, xa coa luz minguada.
Mesmo a Gesta Danorum en versión dramática gozou dun espazo no encontro, pois que Manuel Lourenzo amentou un dos seus recentes proxectos escénicos.
Cando os participantes na Ponte Literaria abandonaban o salón de actos, os integrantes dun grupo de teatro chegaban para ensaiar; foron os actores ?tamén amigos, tamén autores algúns- os beneficiarios da doazón espontánea de libros dese tarde.
A Ponte Literaria fíxose adulta aquel 11 de agosto, grazas á presenza dos convidados e mais á continuidade dos iniciadores.
A culpa, coma sempre, tívoa a paixón polas letras, enfeitada decote pola amizade que fixo medrar o proxecto.

Imaxe: Paco Rivas lendo; na fila dianteira Vera Reges e Isaac Ferreira.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-08-2016 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
MAR, DEBUXO E POESÍA -E MESMO BENEDETTI!- NO ROTUNDO VERAO FOCEGO
Chegar ao Centro de Interpretación da Mariña, un sábado de verao coas festas do San Lourenzo ás portas, achegarse á exposición de debuxos Memoria do mar de Foz e encontrar a Juanel ?o autor- na sala custodiando a súa obra, supoñen os prolegómenos perfectos ?mesmo soñados!- para acceder ao evento que nos levou até unha vila ateigada de visitantes nesta altura.
O recital ?Poesía do mar? resultou unha singradura calma por momentos e axitada pola realidade brava en ocasións; nomeadamente cando Iolanda Aldrei (mantedora do acto) adicou versos á ameazada Cova Eirós e ao seu defensor, ou cando María José Fernández nos arrebatou o acougo evocando os zapatos abandonados nas praias de Lesbos.
E aínda puidemos gozar doutro poeta, Xosé Iglesias, un voluntarioso trobador da andaina mariñeira e autor do poemario Transfusión oceánica.
Lembroume, este mariñeiro nado en Cee, a Xurxo Souto, non só pola recorrente temática salgada, nin sequera pola buguina que soou no recital, senón por un lema que se está a estender coma un ensalmo contra rumbos desleigados: Medre o mar!
A crónica de terra transmitíunola a poeta da Pontenova María José Fernández, quen se axudou dunha voz cálida e acolledora para nos levar até O Cebreiro extinguido, até a infancia petrificada ou polos camiños desandados.
Resultoume especialmente conmovedor o seu último poema; nomeadamente cando a autora deseñou bolboretas no ar coas súas mans, pois que se auxiliou da xestualidade na declamación. Sinxelamente soberbia!
Da vella Cortegada e dos territorios perdidos falounos ?con poemas fermosos e nostálxicos- a compostelá Iolanda Aldrei, voz que escoitei recitar por primeira vez na Frouseira hai tres veraos, no marco dunha conferencia de Manuel Lourenzo.
As composicións de Iolanda non permaneceron alleas ao litoral destruído pola cobiza, factor que todos tivemos presente mentres observabamos os debuxos de Juanel, un ronsel de imaxes que nos transportan á Foz enxebre de comezos do século XX, nada semellante á vila que hoxe ?tras rautos varios- se reflicte na ollada.
O parte meteorolóxico da BBC interpretado por mariñeiros non anglófonos e os rituais dos navegantes gozaron dun espazo privilexiado na voz vibrante do Xosé, un creador entre amuras.
No exterior do edificio con fasquía de barco, centos de postos ambulantes aboiaban nas rúas bañadas polo sol vespertino; e entre brinquedos inimaxinábeis, obxectos máxicos, bixutería, prendas andinas e auténticas pizzas italianas; xurdiu, humilde e accesíbel, un libriño de Mario Benedetti.
Transparencia y outros cuentos (unha modestísima edición de 2006 do selo H Kliczkowski-Onlybook) mora xa na miña biblioteca, achegando eses alustros de xenialidade cos que don Mario (creo que a el non lle prestaría tal denominación mais é costume desta bitácora) nos avezou.
Continuos vagallóns de beleza en hora e media.
Medre a poesía!

Imaxe: Iolanda Aldrei, mantedora do recital.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-08-2016 15:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0