Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

OS MONSTROS INZAN A SEGUNDA PONTE LITERARIA
Quen ía pensar que os monstros visitarían a Ponte Vella de Frexulfe o pasado día 26? Ese mércores celebrouse a segunda Ponte Literaria, con Xesús Pisón como lector principal; foi no coloquio onde xurdiu a monstruosidade, literaria si, mais monstruosidade ao cabo.
O primeiro texto lido por Pisón intitulábase Peza de Frankenstein; dende logo ben interesante, mais a intensidade dramática chegou coa seguinte lectura, onde o autor recibiu o auxilio de Manuel Lourenzo para pór voz a un dos personaxe do diálogo. María e Flora é un texto onde os camiños da vida acaban cruzándose e batendo cos camiños físicos e lendarios.
Houbo aínda unha terceira lectura, feito que supuxo a estrea da poesía nas pontes literarias. O poeta Arturo Mogo (quen non puido participar no encontro) encargara a Pisón o recitado dun poema adicado ao cantor Miro Casabella; foi nese momento, coa música daqueles versos mestúrandose cos acordes do Douro, cando a natureza, a historia, a braveza e as arelas de liberación fixeron acto de presenza nun auditorio sensíbel, reducido e receptivo. Montesía lembranza é algo máis ca unha homenaxe, é unha declaración de principios.
Dato curioso e casual: Nesta Ponte Literaria estaba presente unha irmá do célebre cantor.
Nun coloquio vivísimo, cultísimo e respectuoso coas quendas de intervención; os monstros comezaron a chegar, abeirados en títulos como Frankenstein ou o moderno Prometeo, Drácula ou Moby Dick; xa que segundo Xesús Pisón, a monstruosidade atrae e repele ao ser humano, precisamente polas diferenzas que ofrece. Estes textos que o autor teima en chamar contos e non novelas, afondan na interioridade mental do ser humano, nos seus desexos secretos, nas súas teimas, nos seus medos, nas súas dúbidas? Mantén don Xesús que Moby Dick é un monstro, máis tamén o capitán Ahab o é, do mesmo xeito que o foi Nemo, illado nun submarino nas profundidades abisais.
Citou o dramaturgo protagonista conceptos que penetran e alimentan os seus textos teatrais dende sempre: Humanidade fonda, loita, lembranza da infancia? Como aquel enterro do fillo dos feirantes que supuxo o primeiro rito funeral para o neno que despois escribiría teatro, atormentado teatro.
Houbo espazo para lembrar o Poema de Gilgamesh, lectura recente de Pisón mencionada como exemplo de mensaxe alentadora: Non procuremos inmortalidade nin gloria, vivamos.
Acho extraordinariamente interesante a reflexión do noso dramaturgo sobre a presenza dos mitos na literatura de todos os tempos (Hamlet é unha revisión ou recreación de Edipo rei, mais Shakespeare non lera a Sófocles), presenza inconsciente!
Tamén apareceu Camus, Pinter, o existencialismo, o positivismo, o mito de Pandora, e moitos outros conceptos e referencias que somente son quen de abrollar nunha mesa coma a da Ponte Literaria, a carón da Ponte Vella de Frexulfe.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-08-2015 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
ERÍXENSE PONTES LITERARIAS SOBRE O DOURO

Falamos do Douro que nace no Cadramón e se mestura co mar en Fazouro, falamos do Douro que dá nome á Veigadouro, ao Castrodouro, ao Portodouro, á Grandadouro e mais ao Valadouro todo. Falamos do Douro que deron en chamar erradamente con nome de metal, mais o Douro é auga, avolta, escura e todo forza, tamén literaria.
Foi o 20 de agosto de 2015, ás seis da tarde cando se celebrou, a carón da Ponte Vella de Frexulfe, a primeira Ponte Literaria. Concibiron a idea un fatiño de escritores nun día calquera do enceto do verán, cando estimaron que a fermosa contorna da Ponte Vella de Frexulfe era o lugar acaído para render culto ás letras.
Abriu a Ponte Literaria unha lectura dramática de Manuel Lourenzo inspirada nos personaxes Jekyll e Hyde, a seguir Lionel Rexes leu varios relatos seus premiados en certames literarios, e rematou Isaac Ferreira pondo voz a varios contos tirados da xa mítica obra Contos do Valadouro; escolleu este último relator historias vinculadas á parroquia de Frexulfe e mais ás pontes, elemento arquitectónico que se está a tornar simbólico para estes activistas da literatura.
No coloquio foron evocados autores de todas as épocas e orixes xeográficas: Dostoyevski, Cortázar, García Márquez, Rómulo Gallegos, Rulfo, Roa Bastos? Citáronse obras diversas: O prisioneiro do Cáucaso, O Quixote, A Esmorga; e falouse da literatura escocesa de tradición oral, da brevidade na narrativa fronte á novela, da influencia da orografía e os factores sociais na escrita? Cómpre salientar que no medio de tantas referencias á alta literatura, ocuparon un espazo senlleiro os comentos acerca da recente publicación do IES Alfoz-Valadouro Contos, lendas e outras historias, auténtico testemuño da incesante pescuda valadouresa na súa riqueza oral.
Un potente sol e a maxestosa presenza do Coto de Montoxo abeiraron a experiencia, mentres uns poucos transeúntes fitaban con curiosidade o cenáculo literario departindo arredor dunhas mesas pétreas cubertas por libros, cartafoles e textos. A infalíbel métrica do Douro e a cadencia do leito fluvial achegaron milenaria musicalidade poética dende os ollos da ponte; antigos, francos, á espreita.
Longa vida á Ponte Literaria!

Imaxe: Lionel Rexes, Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira ao remate do evento.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2015 14:40
# Ligazón permanente a este artigo
DE COMO CHEGUEI A GORE VIDAL
Aquel libro de Gore Vidal levaba ben anos exhibindo o seu lombo rosa na miña biblioteca. Nalgunha ocasión sucumbín á tentación e tomeino nas mans. O deseño da capa non prometía unha grande obra no seu interior, o colorismo inducía a pensar nun mero entretemento, en literatura de consumo das categorías inferiores? Unha muller policía coa moca na man sobre un fondo urbano da Norteamérica opulenta e mais unha explicación do que atoparía o lector que se aventurase a entrar nas páxinas de Duluth convidaban máis a pousar cá ler.
Duluth é o título da obra que veño de coñecer. Mágoa que aquela intuición primixenia non fose corrixida polos feitos tras unha lectura que resultará intranscendente para este entregado bibliómano.
Trátase dunha edición de Plaza & Janés do ano 1984 (o autor publicara esta novela o ano anterior) na colección Gran Parada, traducida ao castelán por Adolfo Martín. Viana Fuentes é responsábel da capa.
Pracer intermitente é a sensación que este lector constatou ao rematar esta obra de dimensións importantes; non podo dicir que gozase coa lectura, que descubrise trazos, recursos ou técnicas interesantes; outórgolle o indulto a unha trama reveladora, iconoclasta e denunciante. Paga a pena achegarse a Duluth para coñecer a gran mentira americana, a burbulla de néboa autodestrutiva e cínica que mantén nunha nebulosa de pseudodemocracia e primitivismo político a millóns de poboadores, clasificados socialmente non só polo seu poder adquisitivo senón tamén pola súa orixe étnica. Mudou algo nas tres décadas que nos afastan da primeira edición de Duluth? Se cadra a única diferenza é un presidente negro que tenta falar castelán en determinadas ocasións.
Violencia e sadismo policial son unha constante nesta novela dos ?80 que ben podería reflectir a represión que vén padecendo nos últimos meses a poboación afroamericana na terra das oportunidades? Guerra sucia promovida por intereses políticos co obxectivo de criminazalizar os inmigrantes? As potentes corporacións de seguranza (FBI, CIA, DEA?) ao servizo dos axentes desestabilizadores? Institucións fomentando tensións interétnicas para evitar a aliaxe dos desfavorecidos?
É dicir, Duluth preséntanos a estratexia das ditaduras encubertas: O caos é un bo instrumento para inocular medo, e o temor garante o inmobilismo social.
Para quen moramos nas latitudes meridionais da Europa, a represión, intoxicación e posterior manipulación de movementos como o 15-M virannos á mente de xeito recorrente mentres Duluth estea diante as nosas pupilas.
Esta é parte interesante, os mecanismos que Vidal nos outorga para abrir os ollos ante a entelequia que a decadencia dos sistemas político-administrativos nos ofrecen como única solución de convivencia.
Atoparemos algunha outra cousiña de interese no medio dunha redacción caótica (como lembro sempre, estou a falar dunha tradución) e por veces ?moitas!- confusa:
Algo de metaliteratura sucia ?con descrición de actitudes miserábeis-, algo de surrealismo (pantasmas que se aparecen nas teleseries, extraterrestres especuladores, agoiro apocalíptico?), algo das cloacas da televisión? E unha bonitura achegada pola presenza da América francófona.
E moitas outras cousas interrompidas por uns diálogos tan prescindíbeis como imprecisos. A mestura de planos e situacións orixina unha complexidade nunca resolta polo autor.
Percíbese a deformación dun novelista que tamén era dramaturgo, mais nesta ocasión semella que está a fusionar xéneros con pouca fortuna, pois que a escrita teatral ousa penetrar nas páxinas dunha obra que dificilmente podería experimentar unha adaptación con destino á escena.
En non poucos momentos me vin asaltado polo aburrimento e o desconcerto tras esas páxinas nas que don Gore se ensarilla en diálogos imposíbeis (polo menos alén da dramaturxia) e non achega datos dabondo para que o lector non só manteña a atención, senón que poida continuar a trama cun mínimo nivel de cohesión, ou mesmo de interese.
Acho certos personaxes insuficientemente matizados ou perfilados, nomeadamente nunha novela onde o límite entre principais e secundarios non sempre se manifesta nidio. Trátase Duluth dun texto para ler dúas veces, mais non recomendo repetir a experiencia; eu polo menos non o farei, pois que non me paga a pena a perda de tempo que suporía. Non o recomendo especialmente mais estou satisfeito de ter lido este documento novelado sobre a grande alburgada ianqui.
Como decidín baixar do andel este libro de cor rosa que levaba anos insinuándose? A resposta é literatura pura!
Hai uns días, na casa dun amigo dramaturgo (con magnífica biblioteca) foime mostrado un libro deses que só atopan certos buscadores de rarezas, tratábase dunha biografía de Pepe Estruch, o director teatral nado en Alacant a comezos do século XX. Nas páxinas do devandito volume aparecía unha manchea de fotos históricas e moitos nomes, entre eles o de Gore Vidal. Pronuncieino en voz alta e afirmei que nunca lera nada deste autor, o meu amigo dramaturgo respondeu que existían obras do estadounidense con certo interese.
Estou seguro de que non se refería a Duluth.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-08-2015 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
Primeiro evento literario (contemporáneo) no Bar San Pedro
Parlamento de apertura da presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, no Bar San Pedro, en Alfoz, o 30 de xullo de 2015.

"Moitas grazas por estar hoxe aquí.
Coido que debemos comezar explicando porque se escolle o Bar San Pedro para a presentación dun libro; por certo, é a primeira vez que se celebra un acto desta caste neste local; polo menos na época actual.
Se cadra, hai sesenta ou setenta anos xa houbo algún acto literario, porque este inmóbel garda unha serie de referencias históricas que desexo comentarvos brevemente.
A historia deste local non figura en ningures, eu aprendina escoitando os veciños, e os veciños foron quen me falaron de que o Concello de Alfoz foi trasladado por un tempo a esta casa, e despois á casa do Caselo, aquí perto.
Que foi cárcere de mulleres durante a Guerra Civil, e que nela estiveron as fillas do mítico fuxido ?Gardarríos?. Aínda se conserva o fachineiro polo que lles subministraban alimento ás presas dende o exterior.
E xa no plano escénico, debedes saber que neste local tiveron lugar funcións teatrais. Foi famosa a actuación dunha contorsionista fermosísima que introducía o seu corpo coma unha serpe polos ocos dunha cadeira? Estamos a falar dos anos ?40, e aconteceu que un home rico se achegou a ela cun saqueto cheo de diñeiro e máis coa intención de mercala, daquela a rapaza, con toda a súa dignidade de muller galega, arrebolou os cartos e desprezouno.
Houbo proxeccións cinematógraficas. Os que hoxe contan máis de setenta anos lembran como cando marchaban os do cine quedaban tirados por aí anacos de celuloide, fotogramas que os nenos ollaban á luz do sol descubrindo a Chaplin diminuto.
Tamén houbo baile, eu preguntei quen amenizaba a danza e respostáronme con sinxeleza: Un acordeón. Hoxe tamén temos aquí un acordeón e máis un acordeonista.
Aquí foi a escola de Aurelio Veiga até ben cumprida a década dos ?70. Pasantía, escola do candil, escola ao cabo.
E xa chegando aos nosos días, lembremos que nos ?80 desaparece a Feira de Correlos e xorde o Bar San Pedro. O costume nos días de feira é que as tabernas de Correlos servisen tapas de callos, o Bar San Pedro aínda cumpriu co rito nas dúas ou tres derradeiras feiras.
É nos anos ?90 cando nace no bar a Peña Deportivista Pardo de Cela, e resulta que este colectivo garda un vínculo co Gran Sol? Mais diso non vou falar eu.
Diso falarán Xurxo e Emilio, e outros mariñeiros presentes entre o público.
Xurxo Souto, moitísimas grazas por estar connosco e por apadriñar o primeiro evento literario no Bar San Pedro.
Xurxo: Músico, actor, locutor, escritor, activista cultural e moito máis, dá a coñecer hoxe o seu traballo Contos do mar de Irlanda. Eu lino, porque xa acudín a unha presentación o mes pasado, e o tópico nesta altura sería dicir: Recoméndoo. Claro que o recomendo, mais eu matizo, esta obra debería estar nos centros de ensino, porque como dicia Castelao, ?Dende a fiestra máis pequena do mundo pódese admirar a grandeza do ceo?.
O que aprendemos en Contos do mar de Irlanda é algo moi semellante, pois que grazas aos mariñeiros galegos podemos coñecer a grandeza dos mares todos, a grandeza da identidade doutros pobos, e a grandeza de sermos nós; coa nosa lingua, coa nosa cultura e co orgullo de que o noso pobo sexa coñecido e recoñecido alén mar, grazas a ese corpo diplomático dos mares e das marés.
E falando de diplomáticos? É o momento de escoitar ao diplomático por excelencia de Montealto.
Xurxo: Avante toda!"

LIONEL REXES
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2015 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0