Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

VINTE ANOS DE CONTOS DO VALADOURO

Cúmprense vinte anos da presentación dunha obra que marcou o devir cultural dunha comarca enteira.
A finais do verao de 1998 presentábase Contos do Valadouro, unha xoia da literatura oral asinada por Xesús Pisón, Isaac Ferreira e Manuel Lourenzo.
Aquela primeira edición, presentada en Ferreira do Valadouro no mes de setembro, fora publicada polo desaparecido selo A Nosa Terra en agosto, e cinco meses despois, en xaneiro de 1999, a editora viguesa lanzaba unha nova edición.
Sería en outubro de 2005 cando Ediciós do Castro se fixese cos dereitos de publicación, realizando unha terceira, aumentada, e por agora, definitiva edición. Unha curiosidade: esta última tiraxe a cargo do novo selo, non gozou de presentación oficial. Tal eventualidade non repercutiu negativamente nas vendas, pois os exemplares desapareceron dos trinques nun breve espazo de tempo. Anos despois, ante a insistencia dos libreiros, Ediciós do Castro puxo en circulación as derradeiras ?e considerábeis- remesas arrombadas nos seus almacéns.
Xa que nos metemos en fonduras, lembraremos outra curiosidade, agora un sucedido vinculado ao traballo de recolleita.
Aconteceulle a Xesús Pisón nas proximidades dunha casa á que se dirixía en busca de información. Tras as presentacións e a xustificación da visita, unha aldeá con mal xenio proferiu a seguinte cuestión: ?Vostede é poeta, verdade? Os poetas foron os culpábeis da guerra e de todas as calamidades??, e o abraiado Xesús houbo de marchar sen obter máis testemuño ca as imprecacións da azourida muller.
Para que Contos do Valadouro chegase ás mans dos lectores, os autores houberon de interrogaren ducias de veciños en idade provecta, pescudaren centos de narracións orais e ?asaltar? memorias ancoradas en tempos recuados.
A angueira prolongarase durante anos, pois o labor compilador de Pisón, Ferreira e Lourenzo comezou moito antes de teren definido o destino da súa pescuda.
Fogares visitados, camiños tripados, horas de escoita e numerosos ?confidentes? esparexidos pola xeografía valeca, supuxeron os alicerces básicos da intendencia; máis tarde chegaría a redacción, a corrección lingüística, a estrutura da colectánea, o deseño de ilustracións por parte de Pisón, a confección do mapa máxico polos metódicos Isaac e Manolo?
Dunha volta, tiven a honra de conducir o amigo Xesús até unha fonte oral. Será na derradeira taberna de Correlos onde o investigador escoite o testemuño dunha ?vítima? da Zarrulada, e así nacerá un texto que reza: ?Á noite un rapaz de Lagoa voltaba para a casa na bicicleta, cando sentiu uns canciños camiñar á par del??
Van aló dous decenios e pese ao tempo transcorrido, os libreiros do val continúan a recibiren pedimentos de exemplares ?xa imposíbeis de adquirir- de Contos do Valadouro, xa que a obra gaña interese conforme pasa o tempo.
De seguro, conviría unha nova edición, outra volta aumentada ?cónstame que existe documentación inédita- e revisada por tres autores en plena vixencia creativa.

Imaxe: Mapa máxico do Valadouro


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2018 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
O LIBRO DO CAMPESIÑADO
Sei do Lunario perpetuo pouco máis do que me transmitiron os anciáns orixinarios do rural, e mais o que achega a Rede nuns concisos e reiterativos apuntamentos.
Teño escoitado aos maiores das parroquias do Alfoz do Castrodouro que noutrora, era común no fogar a presenza dun libro onde se podía achar a data de morte de calquera persoa; velaí unha das utilidades desta célebre publicación.
O Lunario perpetuo tiña que ser moito máis ca un libro esotérico; enténdese, polo título, que se trataba dun manual para coñecer con antelación as distintas fases da lúa. Tales informacións eran precisas para botar as colleitas ou intuír a chegada dos partos, tanto en animais coma en humanos.
Era polo visto, o Lunario perpetuo, un libro pensado para as facendas campesiñas, mais os testemuños que me chegaron non falan dos consellos destinados a labregos e gandeiros, nin das propiedades medicinais de certos vexetais silvestres, senón do poder do libro para sinalar a data do pasamento.
Sábese que á Inquisición non lle pasou inadvertida esta publicación (falamos dun texto publicado profusamente desde o século XVI), seguramente polo seu contido astrolóxico, malia que a materia maioritaria non tivese relación algunha co alén.
Cantas casas labregas contarán aínda cun Lunario perpetuo arrombado no faiado, entre huchas e escanos de levante? Ben seguro, aínda se podería artellar unha exposición de lunarios perpetuos en moitísimas parroquias galegas, ou en calquera lugar da Península (foi traducido para o portugués no século XVIII, converténdose en libro ?sagrado? nos sertoes do nordeste brasileiro), demostrando que os nosos vellos xa coñecían un primitivo ?e precursor- libro de autoaxuda.
O hábito de empregar almanaques para se valer das predicións, é un hábito que se mantivo vixente nas áreas rurais até non hai moitos anos; O Mintireiro Verdadeiro e o Calendario Zaragozano supuxeron dous manexábeis opúsculos en que coñecer o tempo e os días de feira en cada localidade, amais de contos e curiosidades varias. Hoxe, ben seguro, os espazos meteorolóxicos da televisión e por riba de todo a Internet, desprazaron uns libriños inelutábeis noutra época.
Poñámonos a remexer no faio dos avos (tamén no da memoria) e cismemos na posibilidade de artellar exposicións nos centros culturais dos nosos barrios e municipios? imaxinemos: ?Exposición temporal de libros do faiado. Agradécese a colaboración da veciñanza polas súas inestimábeis achegas. Os volumes serán devolvidos ao remate da mostra?.
Se se fai coas fotografías de antano, por que non cos libros de sempre?


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-06-2018 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0