Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

DE QUE COR É A LINGUA GALEGA?
Hai quen a fala por costume, por necesidade (ao non posuír competencia noutro idioma), por militancia, por respecto aos devanceiros e cariño á tradición, e quizais por causas das que non somos conscientes.
Sei que en días coma o de hoxe, moitos cidadáns, galegofalantes e non galegofalantes, terán observado con curiosidade as mobilizacións en prol da nosa lingua. Unha boa parte destas manifestacións están convocadas por entidades próximas ao galeguismo ideolóxico, factor que non debe retraer a ninguén, pois a lingua galega pertence, non vou dicir ao pobo galego, pois é unha obviedade, senón á Humanidade toda, coma o resto de códigos lingüísticos que nos afastan da animalidade.
Do mesmo xeito, a exhibición de simboloxía partidaria e comprometida debe ser vista como un feito normal nun país cuxa historia padeceu diversas e crúas anormalidades.
Que os galeguistas luzan os seus estandartes e siglas non debe afastar ninguén das manifestacións do 17 de maio, pois é tan lícita esta actitude coma acudir ao chamamento sen insignia nin adhesivo ningún.
A festa das Letras Galegas non é de ningunha formación política nin central sindical, non exclúe (todo o contrario!) a quen aínda non deu paso de pronunciar “boa noite”, “grazas”, “se fai o favor”… non; nin sequera nos representa máis aos implicados por oficio ou posición ideolóxica. O Día das Letras Galegas celébrase en Buenos Aires, en Lausanne, en Bruxelles e por suposto en Compostela, onde un día coma hoxe as rúas se tinguiron de azul e branco, e moitas estrelas refulxiron en pleno mediodía.
A quen pense que certas conmemoracións culturais se mostran innecesariamente politizadas, recordarémoslle que houbo séculos e décadas (ben recentes) en que o azul e o branco, cores do amencer, houberon de agardar tras longas noites de pedra para ondearen en liberdade, e que as estrelas tan só podían brillar na alta noite.
Da prohibición xorde a exhibición e a reiteración, talvez tamén o exceso, mais non esquezamos que a normalidade cultívase desde a habitude, nunca desde a reticencia.
Sigamos celebrando os Días das Letras Galegas dos mellores xeitos posíbeis: continuando a falar e transmitir o galego, tomando a decisión de o empregar por primeira vez, escollendo as firmas comerciais que ofrecen a opción de nos atender nesta lingua, consumindo lecturas en galego e facendo gala do orgullo de conservar a lingua que nos une por riba de cores, filiacións e sensibilidades.
LR

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-05-2023 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
MADRID, COSTA FLEMING
Este é o críptico título dunha obra sarcástica e mordaz que reflicte, á perfección, unha época e mais un sector da mencionada cidade. Nunca lera nada do toledano Ángel Palomino, e debo dicir que fiquei con ansia de lle coñecer algunha outra obra.
Trátase dun texto divertido, áxil e non exento de crítica social. Ao longo de 273 páxinas, o autor vai expondo unha relación de personaxes que non necesariamente xorden entrelazados entre si, agás por compartiren morada nuns edificios de novísima construción, que, realmente, exercen como auténticos protagonistas da trama.
Talvez Madrid, Costa Fleming non é outra cousa ca unha colección de contos ben enfiados, o retrato fiel daqueles anos en que a Ditadura comezaba a mostrar síntomas de esgotamento e tempos novos pugnaban por se abriren paso.
A corrupción e o lenocinio, convenientemente encubertos polo verniz dun réxime podre, acadan o máximo expoñente na cotiandade dunhas pílulas encabezadas por personaxes absolutamente diversos.
Ángel Palomino é un autor hoxe caído no esquecemento, no entanto, a obra que nos ocupa debería ser relida como exercicio memorístico, sobre todo para botar contas e preguntarnos canto mudou a situación en determinados distritos e estamentos sociais.
Por outra banda, resulta interesante a visión do sexismo ofrecida na obra, inevitabelmente afectada polos tics propios da época.
Luxo casposo, individuos fuxidos de barrios humildes ou do eido rural, edificios que caen polo peso da irresponsabilidade, ouropel e calamina, refulxen co seu resplandor de imitación entre existencias bañadas en míseras mentalidades. Isto, grosso modo, vén sendo Madrid, Costa Fleming.
Recomendábel lectura para quen venera a gran cidade e cre que é ouro todo o que reloce.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-05-2023 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
DA PANTALLA AO LIBRO E NON AO CONTRARIO
Non é frecuente que unha obra cinematográfica dea orixe a unha publicación literaria, pois o proceso sempre adoita darse á inversa, mais existen casos en que unha película, logo dun éxito sen precedentes, acaba plasmada nas páxinas dunha novela, tal é o caso que nos ocupa.
Acabo de ler El último tango en París, unha adaptación literaria de Robert Alley vertida ao castelán por Marcelo Covián; na miña opinión un conto sen máis transcendencia (desde o punto de vista literario), mais que a ninguén deixará indiferente.
Estamos ante á recreación dun contemporáneo complexo de Electra onde a protagonista, filla dun militar racista curtido nas campañas coloniais francesas, exhibe unha enfermiza fascinación polos homes dominantes, e ao tempo un absoluto desdén polos tolerantes.
Sometemento, brutalidade, hedonismo e desprestixio do sentimento amoroso son ingredientes presentes no texto todo, sen máis obxectivo que ir describindo unha serie de prácticas sexuais tan extremas como escatolóxicas. Aviso: lectura non apta para estómagos delicados.
A Electra parisiense, encarnada na tenra Jeanne, móstrase profundamente marcada pola personalidade dun proxenitor que lle aprendeu a disparar (este pormenor encerra certa importancia na trama), e en consecuencia, verase incapaz de se afastar do maduro Paul, un tipo desaxido e sucio que goza, en todas as ordes da vida, aldraxando mulleres.
O argumento, máis propio de “peli porno” ca de novela erótica, preséntase adornado con algunha outra subtrama non menos sórdida. Con todo, asistiremos a algunha metáfora brillantemente exposta, tal é a vinculada co compartimento secreto que xorde baixo a alfombra mentres se consuma o coito forzado que fixo famosa a película.
Unha curiosidade: o volume que manexei (publicado en abril de 1978) pertence a unha tiraxe de dez mil exemplares para Mundo Actual de Ediciones, o selo da extinta Discolibro, aquela distribuidora de venda por correo de hai catro décadas.
Sen entusiasmo, animo a coñecer a experiencia dunha obra que deu o chimpo dunha disciplina artística a outra, impulsada por un guión cinematográfico que marcou unha época e escandalizou pola súa crueza.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2023 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0