 A quinta edición do MONDOÑEDO É POESÍA pasará á historia, talvez, como a da consolidación definitiva dun evento que xa conta cunha crónica impresa, pois tal foi o agasallo que a organización tivo a deferencia de ofrecer ao público nesta ocasión. Trátase dun libro onde se recolle o currículo e mais unha breve mostra da obra dos autores que participaron no encontro desde 2014 até hoxe.
O costume de non deixar marchar os asistentes coas mans baleiras, vén sendo unha constante que cada ano engade valor e atractivo ao evento mindoniense, unha formidábel gala das letras rimadas que xa forma parte da axenda dos principais actos literarios da Galiza.
Cos anos, a parte desenvolvida no auditorio foi gañando protagonismo, de tal xeito, o roteiro urbano actual non supera as tres paraxes; quizais unha boa idea, nomeadamente se temos en conta que o clima do 1 de maio non sempre é primaveral e que a cidade anda en festas a tal hora.
É ben seguro que temos descrito o eclecticismo acostumado nestes encontros poéticos con anterioridade, e o criterio continuou sen variar.
Autores consagrados e con numerosas publicacións comparten cartel con nenos poetas, amadores do verso ou escritores no inicio do vieiro. Xa que logo, poesía con maiúsculas, ao vivo e en estado bruto por veces, ou puída até o requintamento outras.
Permítaseme que sinale un nome que descubrín neste quinto Mondoñedo é poesía: Juan Carlos Mestre.
A potencia, cadencia e calidade deste berciano con inclinación cara ao galaico, causoume unha grande impresión. Recomendo, alén de o ler, escoitalo.
O acto non quixo permanecer alleo á actualidade e antes do remate, A xusticia pola man resoou en boca de muller poeta, denunciando as inxustizas perpetradas pola Xustiza nas últimas semanas, porque o verso, se un día deixa de percibir o calafrío dos tempos, xa non se chamará poesía.
Desde que naceu esta calenda literaria mindoniense, fun explícito na miña ausencia de neutralidade á hora de valorar o evento, pois todo o que Mondoñedo celebra en torno ás letras provócame un entusiasmo especial, así que ninguén debe tomar ao pé da letra esta humilde crónica, senón pór en dúbida a miña subxectiva avaliación e acudir ao MONDOÑEDO É POESÍA do ano que vén, para constatar o lido ou tachar de tendenciosa a bitácora.
VASOIRAS DE XIBARDA acepta o reto, pois Mondoñedo, con poesía e sen poesía, nunca decepciona.
|