 Comezarei polo final, recomendando esta obra a todo lector interesado na mitoloxía e a literatura oral, alén diso, os dramatófilos acharán en Alborada de Edipo, de Xesús Pisón (Edicións Laiovento, 2020) un magnífico manual de uso.
Non hai moitas semanas que falamos aquí doutra obra do dramaturgo valadourés, e é que o pasado ano resultou prolífico para este autor namorado da oralidade.
Achegar unha noción sobre este ensaio resulta complexo pola contundencia da obra, posto que non deixamos de estar ante un tratado filosófico en boa parte do texto, e sempre asistidos por un colosal labor de documentación.
Os mitos, coma as narracións tradicionais, non foron anovados desde a fundación da arte de contar (aínda que si alterados e suavizados); personaxes e tramas filtráronse polo xirgo de diferentes civilizacións, pobos e linguas, mais transmitindo sempre a mesma mensaxe, a mesma advertencia, idéntica pedagoxía.
Tal é a conclusión á que nos fai chegar un ensaio onde a materia edípica se revela fundacional, xa non do drama e a oralidade, senón dunha considerábel parte da materia lendaria legada polos predecesores.
Mais, á parte de concienzudas e profundas reflexións, Alborada de Edipo é un libro preñe (coido que resulta a metáfora máis acaída atendendo ao contido), pois que o último apartado ofrécenos un bo feixe de narracións tiradas de diversas épocas e culturas. Cómpre salientar que encontraremos a “versión príncipe” dos relatos,
é dicir, o conto primixenio e non as sucesivas versións edulcoradas para públicos tenros e morais estreitas.
Xa dixemos que estabamos empezando polo final, así que tornemos ao inicio. Encontraremos nesta obra unha fermosa alegoría da máscara, unha aceda crítica ao país de noso, unha avaliación social que acaba alcanzando a todo sector e sensibilidade ideolóxica, unha interesante lectura crítica do Poema de Xilgamesh e por riba de todo, moito simbolismo desencriptado.
E é que a narración tradicional non foi sempre tan concisa e básica como a coñecemos hoxe. As razóns, amais das xa expostas, pode ser que noutrora o receptor (escoitador, espectador) gozaba de máis tempo e ansia por recoller historias.
Desta obra existiu unha semente, un dignísimo ensaio de moito menos contido intitulado Memoria da esfinxe, obra auspiciada en 2002 polos históricos Manuais Casahamlet; o mito de Edipo comezara a ser desentrañado con tento de cirurxián naquela obra. No entanto agora, Alborada de Edipo representa o grande inventario de simbolismos e claves agochadas nos clásicos. Unha boa chave para a aprendizaxe vital.
|