Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas |
|
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML. |
|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
UNHA EVOCADORA ENCARGA DESDE ALMERÍA |
|
 Recibo a chamada dunha amiga desde o denominado Poniente almeriense;
resulta que foi convidada a participar nun acto en prol da memoria, e esqueceu introducir libros na valixa cando preparou a estadía temporal en Al-Ándalus. A cuestión é que unha das súas funcións na citada conmemoración, será a de ler un poema, evocando determinados acontecementos e á sombra dun monólito.
Ao non estar habitando o seu domicilio habitual, a miña amiga non se pode valer da biblioteca particular, e ante tal nudez libresca, optou por me demandar unha axudiña.
Exercerei de conselleiro de poesía (pode haber oficio máis fermoso?) e mais de correo con gusto, pois nestes tempos escuros en que todo o mundo exixe castigos e escarmentos para os seus semellantes, que alguén che demande versos, vén supondo un bálsamo esperanzador.
O poema en cuestión debe facer referencia a quen se opuxeron á tiranía e responderon con braveza á represión; e por desgraza tales poemarios, alimentados coa dor e o sangue dos mártires, non son raros.
Remexo na miña biblioteca e decátome dunha eiva que me avergoña: Lorca non se prodiga moito entre os meus volumes; imperdoábel.
Continúo a procura e extraio Poesías Completas de Antonio Machado, unha edición de 1988 de Espasa Calpe para a Colección Austral, no entanto, non encontro o que desexo enviar.
Na mente teño un libriño de Alberti (un opúsculo poderiamos dicir) que non dá aparecido, porén, continúo a cata.
A encadernación rosácea da publicación xorde por fin entre outros volumes de lombo magro, e unha presa de versos da xeración do ?27 aflora nas miñas mans. O volume en cuestión intitúlase Poemas escogidos e foi editado hai dúas décadas pola Biblioteca El Mundo, un deses selos creados ad hoc para as promocións de revistas e xornais.
Acho tres poemas absolutamente acaídos: Fustigada luz, Hace falta estar ciego e mais uns versos das Coplas de Juan Panadero.
Por suposto, no sobre que saia cara a Almería irá algunha creación do colosal Mario Benedetti, concretamente a composición intitulada Por qué cantamos, un canto que eu teño por lección maxistral, non só de poesía, senón de TODO.
Como hai que ir cos tempos, non deixei de pescudar na Rede algunha adealla ocasional, daquela tecleei o nome de Miguel Hernández e gocei da sensibilidade do infortunado poeta, chegando á conclusión de que non debo ofrecer un abano moi extenso, pois a encarga falaba de tan só dous poemas.
Resulta desmoralizante nesta altura, andar a refrescar unha poesía inspirada nos anos aciagos do século XX. Moito nos equivocabamos ao crer que todo aquilo fora superado? Non obstante, cada día a realidade fustriga teimosamente a nosa inxenuidade.
Represión, fascismo, ladroízo institucionalizado, fanatismo, complicidade ou pasividade dos mass media, conculcación do dereito de expresión, supremacismo hispánico? E os resistentes xulgados como delincuentes? Canto nos soa todo isto.
?Hace falta estar ciego,
tener como metidas en los ojos raspaduras de vidrio,
cal viva,
arena hirviendo,
para no ver la luz que salta en nuestros actos,
que ilumina por dentro nuestra lengua, nuestra diaria palabra.?
Xaora, deixóunolo dito Rafael Alberti.
|
|
|
|
A LITERATURA COMO INDUSTRIA |
|
 Hai poucos días, os narradores orais da Galiza celebraron un congreso (o primeiro da historia dos contadores galegos) para xuntarse e falar das cousas do seu oficio.
A localidade escollida para a convención foi Mondoñedo, e o lugar de encontro a Casa da Penela (unha facenda rural ben literaria); non desaproveitaron a ocasión para actuar ante o público mindoniense, e o auditorio Pascual Veiga exerceu de lareira da oralidade.
Non sei exactamente por que escolleron a cidade de Mondoñedo, mais intúo que a tradición literaria ?a antiga e mais a actual- obrou en prol da terra dos fabuladores e dos poetas.
Xa sabemos de quen foi berce Mondoñedo e a boa cantidade de obras literarias que inspirou, mais debemos ter en conta que esta urbe, é o lugar onde primavera tras primavera se desenvolve ?Mondoñedo é poesía?, e non habemos esquecer que en pouco tempo abrirá as portas (parece ser) a Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, e mais porase en andamento (tamén parece ser) a fundación vinculada ao devandito autor.
É dicir, Mondoñedo tiña moitos puntos gañados para se converter na sede da narración oral, ese riquísimo xénero que forma parte da literatura con maiúsculas, pois todos vimos de aí.
É seguro que xa o dixemos, mais convén recordalo; o potencial económico máis poderoso que posúe Mondoñedo, é a literatura.
Non estamos inventando nada, pois outras localidades de dimensións iguais ou menores, convertéronse en vilas do libro, logrando atraer cada ano miles de visitantes e considerábeis ingresos.
Mondoñedo podería aspirar a afillar unha desas vilas do libro, ou cando menos, a orientar a súa actividade turística e comercial cara ao universo das letras.
É coñecido o exemplo da vila galesa de Hay-on-Wye (trinta librarías e menos de 2000 habitantes), o mesmo lugar onde naceu o ?Hay Festival?, un evento que xa se exportou a outros lugares do mundo.
A moitos soará o caso de Urueña (menos de douscentos habitantes), unha localidade castelá que presume de ter máis librarías ca bares. Esta vila do libro acolle a sede do espazo para a lectura e a escritura ?Miguel Delibes?, e conta, entre outras infraestruturas vinculadas ás artes, con cinco museos.
Tampouco debemos permanecermos alleos á portuguesa Óbidos. Esta localidade, integrada na rede de cidades creativas da UNESCO, explota os seus atractivos co lema Pura ficçao, deixando claro que o seu tecido comercial xira en torno ás letras; non en van, unha das súas librarías acubíllase baixo o teito dunha igrexa, e un dos seus estabelecementos hostaleiros promociónase como hotel literario.
Son exemplos de vilas que transmutaron a literatura nun inmenso e coidado parque de atraccións, encontrando no mundo da creación literaria e das súas ramificacións, unha canteira inesgotábel de recursos turísticos.
A literatura é unha industria, tamén; e Mondoñedo conta cos elementos precisos para se converter nun referente literario ?xa o é a nivel formal- no eido que escolla (galego, europeo ou internacional). A cuestión radica en asumir o compromiso desde todas as instancias: Oficiais, comerciais e individuais.
No entanto, non debemos deixarnos cegar polos alustros do éxito alleo e consolidado, ben o sabemos; por iso cómpre traer á luz algún exemplo de erros instrutivos.
Adoita falarme un amigo dramaturgo, dunha localidade onde se celebra un festival de teatro desde hai décadas, porén, a vila en cuestión non dá tirado rendemento do evento máis alá das datas programadas. Como clarificador exemplo, coméntame con mágoa que tal poboación carece de librarías. Sirva como lección para nos advertir da necesaria concorrencia dun factor determinante: A implicación dos particulares.
Todos sabemos que ?Ben pode Mondoñedo desde agora? (Leiras Pulpeiro dixit), polo tanto, o obxectivo de tornar a literatura nunha industria local, é factíbel.
Teñamos en conta uns datos que nos han axitar o maxín: Cataluña conta con tres vilas do libro (Bellprat, Cervera e Montblanc), e Andalucía, Portugal e Castela gozan de cadansúa vila literaria, en cambio Galiza, aínda non ten ningunha. Velaí a nosa oportunidade.
|
|
|
|
|
|