Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas |
|
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML. |
|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
NÓS, NO ESPELLO DO HISPANISMO LINGÜÍSTICO |
|
 Cando eu era neno existía un programa da TVE chamado 300 millones; viña sendo aquel espazo, unha sorte de magazine con ínfulas de late night emitido en prime time.
Presentado polo galego Pepe Domingo Castaño, 300 millones emitíase para todos os estados hispanófonos, facendo constante alarde cuantitativo dos trescentos millóns de persoas que, naquela altura, falaban castelán no planeta. Non obstante, a cifra facía referencia á suma ?en bruto- dos habitantes de canto país cadrara, administrativamente, baixo o paraugas oficial do castelán, xa que logo, a conta proporcionaba un número cuestionábel, pois deses trescentos millóns de censados non todos mantiñan como lingua principal a castelá, e mesmo algúns xamais foran alfabetizados neste idioma.
Hoxe, aqueles famosos e optimistas trescentos millóns experimentaron un incremento nada fácil de cuantificar, pois intereses e chauvinismos deseñan un arco de posibilidades que vai desde os 337 millóns até os 577, pasando por unha gama de opcións para todos os gustos.
E a teoría da burbulla continúa a vernizar cifras cun oportunismo hispanófilo que parece obviar certos factores socioculturais.
É preciso recordar algo que non sempre se matiza convenientemente á hora de tratar a realidade lingüística do continente americano: Desde o Río Grande até Tierra del Fuego, unha infinidade de linguas sobreviven desde hai séculos á predominancia de dous xigantes idiomáticos, o castelán e o portugués, e ao mesmo tempo ao influxo ubicuo do inglés.
Outro tanto acontece desde o Bering até a terra Tex-Mex, onde, con moitas máis dificultades, as linguas amerindias continúan vivas. Así e todo, debemos sinalar que o síux vén de ser recoñecido como idioma oficial nun dos estados dos USA. Do mesmo xeito, cómpre non esquecer que en Alaska existen vinte linguas oficiais á parte do inglés, ou que no leste do estado canadense, o francés é empregado por sete millóns de québécois.
De tal xeito, non podemos caer na inxenuidade de pensar que na América latina existen dúas grandes linguas vehiculares e o resto son vestixios residuais acantoados na selva, nada máis lonxe dunha realidade que cobra vigor día a día. As reivindicacións vinculadas cos trazos culturais indíxenas viven un momento de esplendor, e o rexurdimento das falas vernáculas obtén hoxe alta consideración nas sociedades latinoamericanas.
Vaiamos aos exemplos prácticos: O guaraní posúe rango de oficialidade no Paraguai ?onde é comprensíbel para o 90% da poboación-, en Bolivia e en territorios da Arxentina -tamén se fala en áreas do Brasil-, a lingua do pobo mapuche (440000 falantes entre Chile e Arxentina) é oficial en territorios chilenos, a lingua maia acaba de introducirse no ensino mexicano, e así poderiamos continuar falando do quechua (ao redor de oito millóns de falantes), do aimara (máis de dous millóns de falantes) ou dos diferentes patois do Caribe.
Mais existe un caso paradoxal que abanea os alicerces do soño hispanófilo. As famosísimas comunidades hispanas asentadas nos Estados Unidos de América (o lobby latino, o voto latino, o spanglish?) representan o gran motivo de orgullo para a hispanofilia militante, porén, a colectividade latinoamericana dos iuesei non está proporcionando ultimamente grandes alegrías aos apóstolos do "español".
Como pode ser, pregúntanse os medios de comunicación menos sensacionalistas, que o número de mexicanos e centroamericanos medre sen cesar nos EUA e no entanto, o índice de castelanfalantes sufra un estraño estancamento? Porque as xeracións máis novas, contéstanse os redactores limpando as bágoas coa bandeira, substitúen decontado a lingua familiar polo inglés.
Non imos elaborar aquí e agora un tratado sobre a diversidade lingüística de América, tan só avivar memorias e recordar que un inxente número de linguas precolombinas manteñen vixencia, falantes e valedores, influíndo desde sempre nas cifras de censos fatuos.
Por certo, moi pouco escoito falar no eido hispanófilo do antiquísimo castelán dos sefardís, cando existen, segundo algunha estimación, máis de dous millóns de falantes diseminados polo planeta, non obstante, é o estado de Israel o receptor da meirande parte destes descendentes dos xudeus expulsados dos antigos reinos de Aragón e Castela.
Da prosperidade de calquera idioma me congratulo, e todo devalo lingüístico me contrista, pois toda lingua me resulta próxima, e a castelá en concreto, moito.
Existe un Instituto Cervantes que difunde a boa nova da lingua hispana polo mundo adiante, do mesmo xeito que existe un Instituto da Cooperaçao e da Língua Camoes con idéntico propósito para o portugués, calquera das dúas institucións representan magníficas iniciativas que deben ser contempladas pola cidadanía galega, pois que contribuímos ao financiamento da primeira e cadramos baixo o ceo protector de ambas as dúas (en maior ou menor medida, o Instituto Cervantes mantén o compromiso de difusión do galego, do catalán e do éuscaro).
Falouse, hai tempo, da creación dun Instituto Castelao para a divulgación da riqueza filolóxica da Galiza no exterior, mais, supondo unha magnífica idea, de nada serviría baixo o mandato de gobernos autonómicos a faceren o posíbel por limitaren o uso do galego dentro do país.
Resultaría moi útil que os galegos, como comunidade lingüística, nos mirasemos no espello da hispanofilia militante (a invocación continua da presenza latina en Norteamérica, o activismo institucional desde a Casa de América de Madrid, os premios Cervantes como nexo coas letras hispanoamericanas?) para ver como incluso as posturas máis xenófobas, son partidarias de robustecer o vínculo que une o castelán peninsular coa fala imposta no século XV ás terras que hoxe chamamos América.
A galaicofonía tamén pode ser transmutada nunha útil galaicofilia, non só desde un punto de vista eminentemente cultural ou romántico, senón considerando ao tempo vertentes económicas e sociais (interacción literaria, proxección da nosa riqueza e peculiaridade léxicas, atracción de congresos e simposios a territorio galego?), ou é que non temos nada que dicir desde a nosa Atlántida fundacional?
Imaxe: Lila Downs. Esta cantora oaxaqueña emprega o mixteco, o zapoteco, o maia, o perépecha e o náhuatl nas súas interpretacións.
|
|
|
|
2020: O ANO PARA DEBATER AS OPORTUNIDADES DA GALAICOFONÍA |
|
 A quen o exercicio da resistencia xa non nos colle novachos, quédanos, como consolo, a disidencia.
Nos anos noventa convivían na Galiza tres normas ortográficas (só unha estaba recoñecida pola RAG), a oficial ?deliberadamente afastada do tronco orixinario-, a denominada mínimos reintegrados ?confeccionada desde a AS-PG- e máis a de máximos reintegrados ?elaborada polo profesor Ricardo Carvalho Calero e abeirada pola AGAL e os numerosos grupos reintegracionistas existentes naquela altura-.
Eu escribín en mínimos reintegrados até que a suposta norma da concordia -promulgada pola entente ILG-RAG en 2003- me ilusionou como a tantos disidentes lingüísticos que, en aras da unidade, demos en desbotarmos as acentuacións e os vestixios léxicos que nos aproximaban ao código internacional empregado polo galaicoportugués.
O galaicoportugués é a orixe do actual sistema oral de todo o oeste peninsular, e por extensión, daqueles estados onde hoxe o portugués é lingua oficial.
Rexeitar, encubrir ou ocultar este feito, vai en menoscabo da cultura galega (non só da lingua), pois, independentemente da nosa orientación sociopolítica, debemos ter presente que a cultura coa que mantemos un parentesco máis directo, é coa portuguesa.
Sei que moitos compatriotas preferirían parentelas exóticas, no entanto, negar as evidencias avaladas pola ciencia, non só e cuspir para arriba, senón esgarrar na face dos nosos devanceiros, e tamén na dos nosos descendentes.
A demorada escolla de Carvalho Calero como persoeiro simbólico do próximo Día das Letras Galegas non pasará inadvertida, pois todo o que vimos de recordar será explicado reiteradamente desde determinadas entidades, e isto, necesariamente, suscitará debates e propiciará o xurdimento de adeptos, de reaccionarios e tamén de indiferentes.
Alén de sermos partidarios ou non da norma baseada no galegoportugués de Pessoa e de Nélida Piñon, debemos teren moi presentes as posibilidades que nos ofrece unha normativa ortográfica de ámbito internacional, nomeadamente nun momento en que se nos fai imprescindíbel, como pobo, mantermos vínculos coa globalidade (institucionais, culturais e mesmo afectivos).
Galego e portugués forman hoxe o que os lingüistas denominan un diasistema, é dicir, unhas variantes moi próximas esgazadas dun tronco común.
Mais, constitúe o noso un caso único? En absoluto, no resto do continente europeo podemos encontrar varios diasistemas lingüísticos. Sen irmos máis lonxe, o occitano e o catalán forman un, reforzado ademais pola variante aranesa e os seus 4500 falantes.
O escandinavo constitúe un diasistema gallado nas variantes faladas en Suecia, Noruega e Dinamarca. Do mesmo xeito, diversas variantes empregadas na rexión balcánica conforman o denominado diasistema eslavo, e poderiamos continuarmos citando exemplos, mais é de supor que o galegoportugués non precisa máis cartas de natureza ca as outorgadas pola propia historia e os seus 250 millóns de falantes.
É un caso único a nosa discusión normativa? Tampouco niso o galego carece de ?xurisprudencia?. Nos últimos anos, a lingua alemá abriu un debate ?non exento de polémica, de desercións e de detractores- no ámbito xermanófono (Alemaña, Austria, Suíza, Luxemburgo, Liechtenstein, leste de Bélxica, comunidades históricas asentadas en Romanía e Hungría?) á procura dunha simplificación ortográfica, e parece ser que as mudanzas adoptadas non acabaron de compracer a todos os interesados, polo cal, na actualidade aínda se alzan voces partidarias de desandar o camiño feito.
Os nosos veciños do ámbito castelanfalante teñen unha fronte aberta no sur da península, onde cada vez é máis frecuente ler ?e escoitar pronunciado á mantenta- Graná e Cai para facer referencia ás cidades de Granada e Cádiz, ou observar o xentilicio territorial escrito de maneira fonética, andalú. Non en van, o castelán de Andalucía é denominado no seu Estatuto de Autonomía ?Modalidad lingüística andaluza?.
Cando recibo mensaxes electrónicas desde Arxentina, non sempre me resulta doado ler aquel castelán enriquecido por centos de linguas de emigrantes e modismos propios do país austral, mais nunca o tomei como unha dificultade senón como unha oportunidade de aprendizaxe.
En definitiva, ningún idioma permanece alleo ao influxo das variantes dialectais nin libre das controversias sobre a normativa ortográfica.
Durante o 2020, preséntasenos a mellor ocasión para discutir, como colectividade lingüística, a conveniencia de continuar virando as costas ao ámbito galaicófono -o noso auténtico espazo idiomático- ou sumármonos a ese convoi cultural no que viaxan a morna, a bossa nova, a dozura de Carminho e de Salvador Sobral e tamén os familiares ritmos de Tanxugueiras, de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, d?A banda da loba, de Sabela Ramil, de Ezetaerre, de Ialma, de Caxade?
Non supón a actual norma ortográfica do galego unha boa ponte de comunicación e acceso cara ao exterior, nomeadamente con respecto ás outras variantes galaicófonas espalladas polo planeta.
Verbo do galego da Galiza, a elección das grafías ?e tamén a fixación do seu léxico- foi executada baixo unha especie de complexo de inferioridade illador, vernizado cunhas aspiracións de superioridade moi semellantes á dos candidatos a señores medievais, aqueles que ao mercaren títulos nobiliarios pretendían tinguir o seu sangue de azul.
?Temos umha língua mundial? proclama un mural deseñado a carón da estación ferroviaria de Burela, localidade onde mercé a iniciativas integradoras coma o Modelo Burela, o galego é falado por cidadáns oriúndos de diversas partes do mundo.
Grazas a esa lingua mundial estamos seguros de que o noso idioma nunca correrá perigo de desaparición, porén, por factores que temos exposto noutras ocasións, atópase en serio risco a variedade falada polo pobo galego.
Carvalho representou a liña ortodoxa á hora de normativizar o idioma galego, propondo a adopción do nh, do lh, do ç e doutros trazos propios da convención vixente. Hoxe, o galegoportugués escríbese universalmente cunha grafía unificada que facilita a comprensión e a comunicación a millóns de usuarios; en todo o mundo agás na Galiza, o territorio onde naceu un idioma empregado hoxe por 250 millóns de persoas.
Imaxe: Mural nunha rúa de Burela
|
|
|
|
|
|