Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

INÍCIASE A SINGRADURA D'O ALÉN DOS BARQUEIROS
Recibín novas do proceso de ultimado desta novela puntualmente. Souben dos momentos en que Anxo axustaba e recumpuña a anatomía do texto, aprontando xa o inminente parto, e agora, coa novela publicada, continúo a asistir aos primeiros pasos dunha crianza que naceu das augas.
Anxo Muíños (Taragoña-Rianxo, 1966) non é un acabado de chegar á literatura, tampouco é alguén que precise documentarse para falar de mares e ríos (como nos acontece a outros), non; o Anxo é home de mar e como tal vive. Exerce na actualidade como anxo da garda -permítase a redundancia nominativa- doutros mariñeiros, pois traballa como vixía e temoneiro no buque hospital Juan de la Cosa; estamos nesta altura, casemente a suscitar metaliteratura, pois de certo aquí hai outra(s) novela(s).
Diciamos que esta obra -publicada pola cántabra Editorial Fanes- xa anda polo mundo adiante, ocupando o seu espazo en trinques de librarías e fogares de lectores, e por suposto, non esquecerá A Mariña no seu calendario de presentacións.
A comarca mariñá non lle é descoñecida ao escritor mariñeiro, pois este coleccionista de temóns, achou en Foz unha das peza da súa colección, e nesa vila será presentada O alén dos barqueiros.
O evento terá lugar na emblemática Libraría Bahía o 28 de novembro ás oito e media da tarde, nese momento máxico en que o histórico estabelecemento pecha as portas e só os letraferidos ficamos no interior, rodeados de libros e custodiados polo tótem da tribo bibliómana, léase, Suso Fernández.
Considero, que un dos atractivos máis sólidos do texto confórmano as apreciábeis doses de etnografía e antropoloxía presentes, malia que debemos recordar que non estamos diante un tratado nin un ensaio. Por iso e por moito máis, eu arelo que esta novela chegue ao alumnado adolescente, para que a rapazada descubra ?ou redescubra- unha mitoloxía que paulatinamente foi perdendo o hábitat natural.
Tiven a honra de prologar esta novela, de recibir o manuscrito aínda a medio puír e de calibrar con Anxo as posibilidades dun texto dotado dunha estrutura inhabitual.
Conto naquela presiña de parágrafos redactada hai máis de medio ano, que se me vise obrigado a definir a experiencia lectora d?O alén dos barqueiros en poucas palabras, diría algo así como ?unha revelación no atlas de territorios conquistados pola psique da ethnos?. Mantéñoo, pois existen unhas patrias herdadas por vía lendaria, e conscientemene ou non, nelas moramos.
Mais ninguén debe fiarse das impresións alleas en algo tan persoal como a interpretación dun texto. Lean O alén dos barqueiros e xulguen; a indiferenza está descartada desde a primeira páxina. Palabra de letraferido.
A novela conta ademais cun atractivo plástico, tal son as ilustracións do artista Humberto Loureiro (tamén coñecido como Humber Jumber), por iso, non debemos deixar pasar a oportunidade de asistir ás presentacións e de gozar d?O alén dos barqueiros.
Vémonos, falámonos e lémonos o 28 en Foz.

LIONEL REXES
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-11-2018 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0