Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas |
|
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML. |
|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
NO CENTENARIO DUN ANARQUISTA |
|
 Fernando Fernán-Gómez (Lima, 1921-Madrid 2007) tería cumprido cen anos o verao pasado. Con tal motivo, diversos actos andan a recordaren a figura deste persoeiro das letras, da escena e do celuloide.
Hai pouco, nunha reportaxe televisiva sobre a face oculta do mundo do cinema, díxose del que en contra do que moitos pensaban, don Fernando non era o mellor actor do sistema cinematográfico español (outorgábanlle tal título a José Luis López Vázquez) senón o segundo. Que materia lle apuñan suspensa a Fernán-Gómez? A súa incapacidade para transmitir tenrura á hora de actuar, pois, díxose no debate, que el explicaba o personaxe antes que interpretalo. Talvez.
Neste mesmo espazo que honra unha televisión cada día máis pedestre, citouse erroneamente La Puerta del Sol como derradeira novela do autor. Endebén, tal erro animoume a tomar da biblioteca persoal esta obra que aínda non lera.
La Puerta del Sol foi publicada por Espasa Calpe en 1995, é un texto denso e por veces errático, mais a pluma dun home de teatro respírase en cada páxina.
Nesta novela que nalgúns tramos é mera crónica sen concesión ao argumento, o autor fala directamente co lector, como se dun artigo xornalístico se tratase.
Reprodúcense polo texto adiante varios fragmentos de obras dramáticas, que sen dúbida don Fernando recordaba da infancia ou a mocidade (era “neto bravo” de María Guerrero); tal xogo non acaba de encontrar acomodo nun texto que de por si require unha atención exhaustiva. Con todo, pode supor La Puerta del Sol unha útil crónica dos inicios do século XX e por suposto, dunha guerra e unha posguerra que Fernando Fernán-Gómez soubo recrear desde o punto de vista intrahistórico á perfección, nomeadamente no seu drama Las bicicletas son para el verano.
Apúrase tanto a trama nos capítulos de desenlace que semellan escritos con urxencia, sobre todo ao narrar episodios políticos e consecuencias sociais. Isto contrasta cos inicios da novela, onde todo flúe cunha parsimonia considerábel.
Unha curiosidade: Nos diálogos (profusos porque o hálito teatral sobrevoa a obra toda) reprodúcese a fonética coloquial do castelán da Meseta.
Fai o autor tamén un repaso do ideario anarquista, e non deixa de ter lóxica nun home cuxo féretro foi cuberto coa bandeira negrivermella.
Era Fernando Fernán-Gómez un xigante da interpretación, e foino nunha época en que a escena bebía das letras mantendo un parentesco harmonioso.
Que opinaría hoxe don Fernando dese teatro “vanguardista” que considera superfluo o texto? Ben seguro, diría aquilo tan célebre de “¡A la mierda!”
|
|
|
|
UNHA SECCIÓN BIBLIOGRÁFICA CHAMADA PEDRO RUBAL |
|
 Para Pedro Rubal Pardeiro, profesor, ensaísta e pensador alfocés, cumprir noventa anos supón o momento óptimo para deterse a pensar no futuro da súa biblioteca particular.
O destino desta inxente suma de volumes habería ter, no seu momento, máis dun hipotético depositario, pois don Pedro conta con descendentes, integra varias sociedades culturais e mantén estreita relación con varias universidade, no entanto, a ponderada decisión tomada por este home de prol foi a de doar o seu fondo bibliográfico á biblioteca municipal do Alfoz do Castrodouro, localidade na que naceu e reside desde sempre.
A cesión xa se producíu e pese a ter carácter gradual, pois don Pedro atópase plenamente activo, na biblioteca da Granda de San Pedro xa contamos cuns cantos centos de volumes cedidos por este amigo do saber.
Tampouco podemos deixar de agradecer o xesto a dona Carmen García Lorenzo, a quen Pedro xamais esquece nomear á hora de facer inventario da súa existencia, pois sempre gabou o mérito dunha esposa que se ten convertido en alicerce basilar do seu traxecto vital.
A cerimonia tivo lugar o pasado 24 de setembro, nun acto no que amais de descubrirse unha placa conmemorativa alusiva ao feito, o autor presentou Fuxindo da saudade, unha extensa compilación de artigos publicados en Galicia Dixital, a web informativa impulsada polo xornalista Xulio Xiz, quen tamén acompañou o autor no citado evento.
A lección de responsabilidade e solidariedade que nos concede este profesor de filosofía vén representando unha sorte de conclusión do círculo docente, pois logo de se adicar durante décadas a ilustrar xeracións e xeracións a través do ensino regulado, de publicar innúmeros artigos e dous extensos ensaios, hoxe Pedro Rubal decide colectivizar a súa nutridísima biblioteca.
A implicación do ente municipal, a presenza do decano da Facultade de Filosofía da USC e mais a multitudinaria asistencia de veciños e amigos, deixaron ben claro que a filantropía de Pedro Rubal non deixou indiferente a ninguén. Agora, a mellor maneira de pagar a débeda da veciñanza co seu benefactor será a de empregar e dar conveniente uso ao tesouro compartido.
O amigo Pedro xa era fillo predilecto do concello alfocés, e eríxese agora de xeito tácito en pai do saber.
|
|
|
|
|
|