Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas |
|
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML. |
|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
LEONARDO, OS FONTANEIROS E AS CONFUSIÓNS FERMOSAS |
|
 Naceu 2018 e as letras do sistema literario de noso festexarán o legado de María Victoria Moreno, persoa chegada de fóra que acabou sendo máis de dentro que moitos galegos de nación, mais esa é outra cuestión que posibelmente xa teñamos tratado.
Aconteceu que dunha volta, cando o acceso á Rede supuña un soño case inalcanzábel, quen isto escribe soubo dun certame de microrrelato, porén, non resultaba doado facerse coas bases.
O interesado telefonou a un concello do sur; lembra que o pasaron cunha biblioteca e que falou cunha bibliotecaria ?de proverbial afabilidade-; tal persoa resultou estar vinculada directamente á entidade convocante do certame.
Até o domicilio do ilusionado narrador chegou ?e chega anualmente desde aquela- un cartel anunciador do evento.
Aquela bibliotecaria era a responsábel ?e é- do colectivo literario auspiciador, e durante a amena conversa telefónica, amais de suliñar a distancia lingüística no eido toponímico entre a Galiza xistraleira e a Galiza morracense, citouse unha obra de María Victoria Moreno, concretamente a que fai referencia a un tal Leonardo e mais a uns fontaneiros.
Isto sucedeu no instante de tomar os datos do interesado e toparse cun nome propio pouco común; ipso facto, varios nomes derivados do león abrollaron na mente da activa bibliotecaria.
Cando recibín o envío coas bases do certame en cuestión, achei tamén unha aclaración: ?O título correcto da obra amentada é Leonardo e os fontaneiros?.
Non foi naquela edición, senón mais adiante, cando o narrador foi premiado no veterano certame e puido coñecer aquela lectora de alto nivel.
E nunha edición non moi afastada no tempo, a voceira do colectivo convocante volveu chamarme para comunicar unha boa nova -daquela un accésit-, e outra volta, un fermoso motivo para visitar a terra das bateas e os canastros.
Souben non hai moito, que a miña amiga publicara un estudo sobre a toponimia da súa localidade; nada me estrañou.
Neste 2018 ando a evocar aquela conversa, aquela carta e o título dunha obra de María Victoria Moreno que aínda non lin. Chegou o momento.
|
|
|
|
MONDOÑEDO E O CELULOIDE |
|
 Proclamaba Fran Bouso na mañá do sábado 30, que resulta notorio o seu chauvinismo mindoniense. Eu matizaría, sen ánimo de corrixir a confesión dun devoto, que a pulsión do autor do barrio dos Muíños ten moito máis de militancia que de obsesión patolóxica. Mais certo é, que para un bo número de mindonienses, a reivindicación da presenza local no ámbito universal convertiuse xa nunha actitude vital e cotiá. Nada ten de mao.
A presentación de Cine Mondoñedo contou coa participación de Antonio Reigosa, Xulio Xiz e Manuel Curiel, e por suposto, coa intervención do coautor local; mais non pronunciou Bouso un discurso protocolario, senón unha conferencia en toda regra, auxiliada por un interesantísimo material audiovisual que ilustrou a disertación.
A obra é froito dunha coautoría a distancia, pois completa o tándem do estudo Emilio Carlos García Fernández, profesor da Universidad Complutense de Madrid e galego de Ribadavia.
O texto vén sendo unha crónica con boas doses de nostalxia e evidente intención, a de que un fértil pasado cinéfilo e cinematográfico teña continuidade e gañe adeptos en Mondoñedo, alicerzando a esperanza en mindonienses que hoxe traballan no eido do celuloide.
A publicación foi auspiciada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, de Lugo, e a presentación en Mondoñedo (na capital luguesa deuse a coñecer hai uns meses) tivo lugar nas antigas instalacións do Cine Pacheco, hoxe local municipal rebautizado como Casa da Xuventude.
Mais nada sucede por casualidade. O lector descubrirá que a cidade de Cunqueiro é tamén a cidade de Victoriano López García (Mondoñedo 1910-Madrid 1995), un dos próceres da sétima arte no ámbito estatal. E para saber máis, cómpre mergullarse nas páxinas de Cine Mondoñedo, obra que pretende por outra parte, honrar a memoria do desaparecido precursor.
Trátase dunha edición non venal coa que contribuíron diversas entidades (Xunta, Deputación, Concello de Lugo?) tanto públicas como privadas, ilustrada na capa por Antón Caxoto ?colaborador habitual de Bouso no traballo literario- e prologada polo cronista oficial de Mondoñedo Antonio Reigosa.
Alguén sabía que o escultor Caxigueiro participou como extra, sendo rapaz, nun filme de Adolfo Marsillach rodado en Mondoñedo? Por curiosidades como esta e por outros moitos datos de interese, Cine Mondoñedo supón unha magnífica e recomendábel lectura.
|
|
|
|
|
|