Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
20 ANOS DE CAMIÑO. CARA A ONDE? - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

20 ANOS DE CAMIÑO. CARA A ONDE?
Recuperar os sabores tradicionais dos produtos da horta e a pumarega, vén supondo, por parte de produtores e consumidores, unha das teimas dos últimos anos. Así, castes de antano e variedades consideradas extinguidas, representan hoxe o mascarón de proa dos horticultores máis comprometidos coa calidade.
É posíbel que o sector comercializador, nomeadamente o vinculado ás grandes cadeas multinacionais, non contemple como un avance tal novidade, senón como unha pexa á hora de introduciren a súa mercadoría, industrial e uniforme.
Fálase moito dos tomates insípidos, das mazás cunha aparencia tan perfecta como artificial, ou desas hibridacións en loita contra toda peculiaridade e “imperfección” da natureza; con respecto a isto, ninguén ousa defender a predominancia dun xénero marcado polo vestixio da feroz globalización mercantil.
No entanto, se falamos de lingua, e en concreto da nosa, o camiño cara ao canon máis achegado á orixe non parece gozar de simpatías maioritarias.
En 2023 fai vinte anos a entrada en vigor da chamada normativa de consenso, aquela que, en teoría, acabou pondo de acordo os sectores oficialistas (ILG-RAG) e mais as entidades que durante anos empregaron a denominada normativa de Carvalho Calero, esencialmente as orientadas idiomaticamente pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.
Na miña opinión, aquel “consenso” soamente logrou desactivar a discrepancia lingüística das organizacións (non só culturais) vinculadas aos chamados Mínimos Reintegrados, tal como o profesor Carvalho denominara o primeiro chanzo da norma por el deseñada.
Até 2003, convivía xunto á normativa oficial e a de Mínimos, a de Máximos Reintegrados, unha opción moi próxima ao portugués padrao, aínda que conservadora no respectivo á pronuncia galega actual.
De tal modo, nunha publicación da Xunta podiamos ler o termo eleccións, nunha do Sindicato Labrego Galego eleizóns, e nunha do Movimento Defesa da Língua eleiçons.
Tras o triunfo da normativa de consenso, tan comprensiva que nos permite dotar de mobles e mais de móbeis o noso común fogar, boa parte dos valedores do reintegracionismo optaron por viraren definitivamente cara ao Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa, adoptando como canon a norma vixente na Comunidade de Países de Língua Portuguesa.
Como podemos ver, as opcións intermedias, aquelas que estabelecían pontes entre o falado aquén e alén Miño, e polo tanto entre dous padróns con soporte oficial (o da RAG e mais o da Academia das Ciências de Lisboa) pereceron no proceso de pacificación, ficando sen usuarios nin entidades protectoras.
Pregúntome: logo destes vinte anos, aproximámonos ou distanciámonos da variante lingüística propia da Galiza? Fica esta cuestión para a reflexión.
Consonte á chegada das mudanzas traídas polo consenso, iría esmorecendo todo o tecido societario xurdido ao redor da reintegracionista Associaçom Galega da Língua,
e faríao ao tempo que a nova normativa amnistiaba disidentes, posto que empezaban a tolerárense de maneira “legal”, certas concesións antes tachadas de “lusistas”.
Considero que a estratexia do famoso consenso erixiu como gañadora á RAG, entidade que, cedendo á oficialización duns elementos lingüísticos que vinte anos despois non deron entrado maioritariamente no ámbito literario (e moito menos no social), logrou desactivar a oposición que a desautorizaba entre os sectores máis contestatarios, cientificamente falando.
Resulta curioso que algunhas cadeas foráneas de supermercados empreguen vocábulos como froitaría, perfumaría ou chacinaría, e en cambio as do país opten pola fórmula máis próxima ao castelán, e isto no caso de que contemplen o galego como opción á hora de rotularen os seus espazos comerciais.
O éxito da normativa da esperanza resultou tan discreto como desigual, pois os textos redactados desde as institucións (consellarías, deputacións, CRTVG…) prescinden daquelas posibilidades máis respectuosas co tronco orixinario, e tan só as organizacións vinculadas ao galeguismo político, e un medio como Nós Diario, empregan a terminoloxía máis próxima á raíz que nos emparenta coas variantes faladas en Portugal, Brasil, Cabo Verde, a chinesa Macau… e moitos outros territorios do mundo.
Outro galego (integrador e internacional) é posíbel!

Imaxe: Mural reivindicativo nas rúas de Burela

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2023 10:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0