Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
COUSAS DE NENOS (E NON TAN NENOS) - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

COUSAS DE NENOS (E NON TAN NENOS)
Despois de moito tempo, regresei ás lecturas infantís.
Sucede, que chegaron recentemente á miña biblioteca particular uns inusuais volumes: un par de atractivos libriños pensados para o público infantil.
Non escoitara eu falar de Bala Perdida, un conto de Manuel Rivas publicado en 1996 por Alfaguara Obradoiro e ilustrado por Miguelanxo Prado, nin tampouco d’A Odisea contada aos nenos, de Rosa Navarro Durán con deseños de Francesc Rovira, unha obra vertida ao galego por Xavier Senín e Isabel Soto para o selo Rodeira en 2007.
Gocei extraordinariamente do primeiro, pois que a atmosfera creada por Rivas mergulla apropiadamente o lector na narración, até o punto de lle facer esquecer que se trata dun relato infantil.
Con todo, debo sinalar que a temática, pese a estar disfrazada de conto de piratas, introduce cuestións (o ouro nazi, o supremacismo racial, os sistemas despóticos e abusivos…) que se cadra hoxe renxerían á hora de nutrir unha obra infantil. Como mostra da liberdade empregada polo autor na súa redacción, reproduciremos unha das intervencións do personaxe principal: “-Estades tolos! Sádicos, asasinos, fachas! Nazis cabróns!”
Así a todo, debo dicir que o desenlace resulta un algo precipitado e vacilante.
Contra as derradeiras páxinas, algún cabo solto desloce unha miga esta narración desenvolvida, en case toda a súa extensión, de xeito sólido.
A Odisea, como era de esperar, resultoume máis árida, mais isto xa é “culpa” de Homero. Publicada dentro da colección Biblioteca Escolar-Clásicos contados aos nenos, esta adaptación da epopea de Ulises non dá perdido a condición labiríntica dos mitos gregos, tan poboados de deuses, semideuses e heroes atormentados polas súas retesías.
Lembro ter lido Odisea en castelán nos tempos do Bacharelato, e non conservo un recordo compracido, polo cal, accedín con gusto a esta versión para lectores neófitos. Mirei de achar a plenitude que a lectura primeira non me proporcionara e non me podo queixar; desde logo, certos lances gañan en nitidez ao estaren expostos para un público aínda tenro.
Ambos os dous libros son ben recomendábeis, mais non só para obsequiar pícaros, tamén para lérmolos nós, independentemente da nosa idade. Do mesmo xeito que algúns nenos acceden a lecturas para adultos, non temos por que os grandes desprezar a literatura infantil e xuvenil.
Agora que a cativada permanece retida polas pantallas e parece ter desbotado os xogos e xoguetes tradicionais, “esquecer” un libro (oportunamente ilustrado) a carón do móbil, da tablet ou da videoconsola, pode supor o inicio dun hábito san, reconfortante e altamente formativo. Non digo máis.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-01-2023 18:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0