Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
O CAIXÓN DOS LIBROS LIDOS - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O CAIXÓN DOS LIBROS LIDOS
A comezos deste inverno, durante a pausa imposta polo solsticio e as nadaliñas, visitei un mercado semanal coa intención de adquirir produtos de tempada. No entanto, o primeiro posto que xurdiu ante os meus ollos non exhibía caiotas nin rabizas.
Xa non era a primeira vez que me detiña naquela tenda balizada co rótulo de “Antigüidades”, malia non ser o seu xénero primario o que adoita chamar por min, senón o caixón dos libros lidos.
O xestor de tan romántica tenda é Xacobe, un poeta anticuario que coñezo de ocasións anteriores.
Por motivos obvios, aquela tenda ambulante tamén ofrece libros, volumes de segunda man á procura dun adoptante, mais, sobre todo, de alguén que os volva ler. Debo dicir que se trata de exemplares impecabelmente conservados, pois boa parte deles non mostran sinal algunha de uso.
Como teño contado nesta bitácora, acostumo a mercar libros nas feiras, e recordo ter adquirido o poemario do propio Xacobe o pasado verao, mais desta volta non me decantei por unha obra da súa colleita, senón por Os sonetos a Orfeu, de Rainer Maria Rilke, vertidos ao galego por Lois Tobío, e mais por Génesis y catástrofe, de Roald Dahl.
Ao mesmo tempo que me entregaba o libro do escritor galés, o meu colega de letras confesoume que aquela colección de relatos non lle enchera o ollo, con todo, a narrativa curta do autor que escribía nunha táboa fincada sobre as pernas, espertara o meu interese.
Logo de obter a prebenda dun desconto por solidariedade gremial, marchei cos meus libros baixo o brazo.
Os sonetos a Orfeu encerra para min unha historia curiosa. Esta obra, relanzada pola colección Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia en 2005, xa nutrira a miña biblioteca no seu día, mais acabaría por regalala a unha amiga que reside fóra da Galiza, unha fiel lectora de Rilke que unicamente coñecía as versións en castelán.
Sempre me quedara a congoxa de terme desprendido daquel libro, por iso me compraceu facerme de novo coa obra.
Como á poesía rilkiana xa accedera hai anos, comecei polos contos de Roald Dahl, e debo dicir que fiquei gratamente abraiado.
Salvo dous ou tres, os relatos comprendidos en Génesis y catástrofe resultáronme estimulantes en alto grao. Fai gala este escritor dunha proverbial ausencia de pudor á hora de introducir a truculencia nos argumentos, suscitando inquietantes e descarnadas atmosferas.
Cando volva cruzarme co poeta dos mercados, comentareille que me prestou moito ler a Dahl, e por suposto, aproveitarei o encontro para adquirir algún libriño.
Fiquei, desta volta, coa gana de lle mercar unha antoloxía poética de Lord Byron. Oxalá aínda habiten os versos do autor londiniense no caixón dos libros lidos.
Nunca deixen de se deteren ante os tesouros do anticuario Xacobe, o poeta do cobre, do ferro e do bronce, mais tamén das reliquias literarias rescatadas do esquecemento.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-01-2023 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0