Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
O ESCURO RESPLANDOR DO FANATISMO - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O ESCURO RESPLANDOR DO FANATISMO
Logo de trinta e tres anos padecendo persecución, o escritor Salman Rushdie vén de sufrir o ataque violento dun fanático. Cómpre ter presente que varios tradutores da súa obra xa foran asasinados.
Nunca lin a este autor, polo que non pretendo hoxe gabar os seus textos, outramente, avogo polo dereito á liberdade de expresión do escritor (e por extensión dos creadores todos) para plasmar nas súas obras o que crea oportuno.
Considero que o único factor que pode reprobar ou impulsar unha creación, é a súa calidade.
Quen se sinta ofendido polo contido dun argumento literario, debería deterse a pensar nas motivacións que apuxaron o autor a recrear, denunciar, ou sinxelamente empregar como recurso narrativo, aquelas situacións que o incomodaron como usuario.
Con todo, hoxe, 19 de agosto, o que me move a recordar que no mundo moitos escritores padecen as consecuencias da súa valentía, é que tal día coma hoxe de hai oitenta e seis anos, centos de libros foron queimados na Dársena da Coruña por orde dos fascistas sublevados. Tales episodios non se vivirían exclusivamente na cidade herculina, pois, tristemente, iríanse reproducindo ao ancho e longo do Estado.
Non esquezamos tampouco, que nesa mesma xornada eran fusilados Federico García Lorca e Ánxel Casal. O poeta e mais o seu editor en lingua galega, morrerían o mesmo día en latitudes distantes, mais irmandadas pola barbarie dos valedores da incultura.
Moito se especula, aínda hoxe, polas causas que conduciron a Lorca até o barranco de Víznar: a ideoloxía, a orientación sexual, o compromiso artístico… e eu creo, modestamente, que o feito condenatorio tivo moito máis que ver coa súa condición intelectual que con ningún outro factor. O peor inimigo do fascismo é a cultura, a formación e a información. En definitiva, a civilización.
Coido que un dos deberes do escritor actual é reflectir o crítico momento que atravesa, xa non o país ou o continente, senón o mundo todo. E tal labor debería poder desenvolvelo con absoluta normalidade, especialmente á hora de describir todo aquilo que contravén a orde natural da Civilización.
Teñamos en conta que a emerxencia de fanatismos de toda índole (supremacismo, imperialismo, aculturación deliberada, fascismo…), conculca esa orde natural que, instintivamente, pula pola concordia, a diversidade, o pluralismo, o respecto, e de maneira basilar pola LIBERDADE.
Cando nos enfastíe unha lectura e a antipatía cara ao autor aniñe no noso ánimo, teremos a potestade de deixar de consumir as súas obras, no entanto, a nosa sensación non nos outorgará, xamais, o dereito ao asedio, nin sequera no nome do sagrado status de lector.
Non hai castigo máis primitivo e irracional ca o perseguimento, e convén recordar, cantas veces faga falla, que a tal hora deberiamos ter ben superados os atavismos da Prehistoria.

Imaxe: Queima de libros na Coruña o 19 de agosto de 1936

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2022 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0