Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
DE SEDICIÓNS E LEALDADES - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

DE SEDICIÓNS E LEALDADES
Evocoume a lectura de La guerra del general Escobar moito do acontecido hai cinco anos en Cataluña, cando, invocando unha lexislación tan vixente como emanada das derradeiras vontades de Franco, algúns defenderon e xustificaron a violencia policial contra os partidarios do referendo de autodeterminación. Curiosamente, moitos daqueles legalistas mantiñan (e manteñen) unha xenerosa aquiesciencia á hora de ponderar o réxime franquista, un réxime evidentemente sedicioso, fascista e excretado pola sublevación armada contra a legalidade democrática.
Cóntase no relato que veño de ler a historia de Antonio Escobar Huertas, un coronel da Garda Civil que se mantén fiel á II República, fai a guerra do lado da legalidade constitucional e acaba padecendo as consecuencias da súa lealdade.
O autor, José Luis Olaizola, non dubida (falamos dunha obra redactada nos anos oitenta do pasado século) en dilucidar a través da trama que o acontecido en 1936 foi un golpe de Estado. Mais iso non debe facernos crer que a imparcialidade ou a obxectividade inzan o argumento, non, pois a intencionalidade da obra déixase albiscar desde os primeiros parágrafos.
Reitérase a través do personaxe principal unha proverbial neutralidade da Garda Civil ante os conflitos sociais… e, inevitabelmente, xurdirán na nosa memoria certas imaxes das vésperas do un de outubro de 2014: axentes ondeando bandeiras, arengas de incitación ao odio e coches patrulla engalanados para a televisada partida cara a Cataluña.
Pese ás interesantes leccións ofrecidas pola novela de José Luis Olaizola, non deixa este de ser un relato interesado. O texto, galardoado co Premio Planeta en 1983, non aforra esforzos en deostar dúas ideoloxías concretas: o comunismo e o anarquismo.
Por outra banda, o encomio á Garda Civil faise constante durante a narración toda.
No entanto, tampouco considero que a motivación primeira do texto sexa inculcar a febre militarista, pois se hai algo que Olaizola tenta por riba de todo, é erixirse en propagandista do credo católico.
Entendo que a conclusión do autor é que Escobar Huertas, por riba da súa integridade persoal e o seu uniforme, viuse obrigado a actuar con rectitude en virtude da súa fe cristiá. Xa o anunciamos, esta novela non dá puntada sen fío e a sutileza á hora de mostrar a mensaxe non é afortunada.
Así a todo e evanxelizacións á parte, o documento pode resultar pedagóxico á hora de analizar un presente que parece recuar deixándose engolir polo rodopío da historia recorrente.
Non deixemos de achegarnos a este volume comercializado pola Editorial Planeta en diversas edicións (a que manexei é unha especial de 2004 para Planeta DeAgostini) para decatármonos, máis unha vez, de que tripamos camiños mal balizados á mantenta.
Por certo, Antonio Escobar Huertas era fillo dun galego de Sarria.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-08-2022 10:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0