 Tal é o título orixinal do conto do cortador de bambú, a considerada primeira obra literaria en lingua xaponesa.
Pese a tratarse dun pequeno volume, esta edición a cargo da profesora Kayoko Takagi resulta ben completa, pois consegue aproximarnos a unha distante tradición oral, cando menos xeograficamente falando.
Tan interesante coma o propio conto, resultaranos o breve ensaio sobre oralidade nipoa ofrecido na primeira parte do libro, introdución ben oportuna á hora de abordar o relato.
Iníciase El cuento del cortador de bambú como calquera lenda que nos resulte familiar: un ser sobrenatural xorde inesperadamente, o descubridor humano sérveo, e desde ese momento, a fortuna en forma de ouro capitaliza a existencia do solícito mortal. Non nos recorda isto os contos de mouras e encantos da mitoloxía galaica?
A partir de aquí, o relato familiarízase co conto medieval europeo, cortesán e cabaleiresco.
Polo medio da narración asaltarannos de novo as reminiscencias atlánticas, nomeadamente cando na illa máxica se deixe ver unha estraña muller recollendo auga nun cunco de prata, para, a seguir, desaparecer misteriosamente. Inevitabelmente, a evocación das aureanas a peitearen as cabeleiras nas fontes xurdirá no lector galego.
Xa no remate da lenda, o tan contemporáneo estudo de mundos extraterrestres e aeronaves fabulosas cruzarásenos no camiño, no entanto, estamos ante unha narración tradicional datada entre os séculos IX e X. Nada novo baixo o sol.
Advertencia para lectores impetuosos: Até o derradeiro parágrafo non se desvela o senso do conto.
Na introdución desta versión castelá publicada en 2005 pola Unesco e a Editorial Trotta, fálasenos dunha antiga crenza nipoa denominada kotodama; trátase dunha sorte de superstición oral pola que determinados poderes máxicos son atribuídos a certas palabras. Se cadra, non está lonxe esta convicción da eufemística presente na tradición galega, fenómeno polo que determinados animais son chamados con sobrenomes. Moito leva falado Cunqueiro dos sabios raposos a quen os paisanos chamaban “García” por precuación, pois que, segundo o autor mindoniense, o golpe entende perfectamente a nosa fala.
Volvendo ao texto que nos ocupa, no ensaio previo aclárase que tal temor condicionou o nacemento da literatura xaponesa, posto que algúns conceptos e acepcións supuxeron tabús en certas épocas e momentos sociais.
Aprenderemos no Taketori Monogatari que a rebeldía e o amor, quen sabe se conceptos irmandados no Oriente, adoitan chegaren doutros mundos.
Non esquezamos que en ocasións os mundos descoñecidos, máis ca afastados, preséntansenos imperceptíbeis.
|