Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
EXHIBICIÓN DE FERRAMENTAS POÉTICAS - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

EXHIBICIÓN DE FERRAMENTAS POÉTICAS
Existen moitas maneiras de chegar a un libro, mais que cho venda o propio autor nun posto de ferramentas e antigüidades, non resulta das máis comúns.
Camiñaba eu polo mercado semanal cando me decatei de que entre coitelos, engras, campaíñas e cataventos, tres libros destacaban sobre ferro e metal.
A disonante tríade compúñana un ensaio, unha novela e un poemario.
Tras comprobar os títulos e informarme sobre os prezos, recórdolle ao tendeiro que o libro usado adoita gozar dunha rebaixa considerábel no seu importe. Con naturalidade, el asegurarame que a novela de Stephen King que sosteño non presenta mostras de deterioración. É certo, mais eu aludía ao concepto do comercio de segunda man.
Non entramos en disquisicións sobre o negocio do libro de vello, pois fica claro que aquel posto non é unha libraría de lance, con todo, a predisposición do tendeiro convida á conversa.
Logo de conseguir unha rebaixiña en calquera dos tres volumes continúo dubidando, mais só até o preciso instante en que o solícito vendedor me participe que o poemario é da súa autoría.
Confésolle entón que eu tamén escribo, cavilando para os meus adentros que resultaría unha falta de camaradaría marchar sen adquirir a súa obra.
Pídolle que me asine o exemplar e accede cortesmente, anotando ao tempo os títulos das miñas publicacións.
De tal xeito me fixen con Delta, o poemario de Xacobe Sánchez Quintela.
Este libro, enfeitado con ilustracións e fotografías, foi publicado en 2014 pola Asociación Cultural Xermolos e mais a Irmandade Manuel María, ambos os dous colectivos guitiricenses de senlleira traxectoria.
Ao longo de Delta iremos apreciando técnicas, estilos e mesmo calidades desiguais, cruzándonos polo camiño con xoias como Aldea e outros versos dignos de seren esculpidos.
Percibiremos vestixios de lecturas de Díaz Castro e Manuel María, mais non se queda no ruralismo bucólico o Xacobe, senón que alanca tamén pola senda da poesía canalla e intimista.
Talvez, poderemos apreciar en Delta aromas do hilozoísmo de Amado Carballo, nada raro nun autor con moitas lecturas ás costas, como deducimos das explícitas e reiteradas mencións enunciadas na obra.
Distintas técnicas irán planeando sobre o poemario, e mesmo degustaremos unha narrativa poética dignamente lograda contra o final do volume.
Quédanos claro, e non só pola datación dalgúns poemas, que as composicións da obra pertencen a épocas ben diferentes, pois evidentes vivencias memorábeis houberon achegaren unha madureza ao poeta que o lector advertirá.
É dicir, non estaremos ante un libro de encarga nin elaborado á lixeira, senón descifrando un caderno de bitácora nutrido a partir de numerosas experiencias vitais.
O poemario estrutúrase en seccións nomeadas con termos fluviais, e será á metade do libro (xustamente ao iniciarse a parte denominada Meandros) cando a obra experimente un salto cara á alta calidade: é aí, xunto a algunhas composicións da sección Fervenza, onde Sánchez Quintela dá o mellor de si como poeta.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2022 11:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0