Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A PROFÉTICA VISITA - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A PROFÉTICA VISITA
“Ás veces a dinamita ole tan ben coma o incenso”
BASILIO ÁLVAREZ (Ourense, 1877-Florida, 1943). Crego agrarista

Hai unhas semanas, fun facer unha visita que debería ter cumprido cando A raíña das velutinas chegou ás librarías.
Considero que un dos episodios máis vivamente recreados no devandito texto é o percorrido polo templo de Vilanova de Lourenzá. Todo sucedera dun xeito casual e espontáneo.
Todo comezara cando no grupo de participantes se pensou en tomar unha fotografía colectiva na vila do Conde Santo, daquela, pedíraselle ao primeiro transeúnte que xurdiu exercer como fotógrafo. Resultara ser o solícito viandante don Xosé Miguélez, párroco da vila.
Afábel e xentil, este crego non deixou pasar a ocasión de invitarnos a visitar a igrexa.
Accedéramos uns poucos, talvez non máis de media ducia, e seguramente aquel factor, un número moderado de visitantes, favorecera o feito de poder chegar até unha das xoias do templo: o relicario.
O que veu despois, premio de novela no Grove e publicación da obra por Xerais, xa o temos tratado aquí no seu momento. No entanto, aínda nunca dera co momento preciso para ir agradecerlle a don Xosé a súa contribución ao corpus da novela.
Por todo isto, o sábado 18 achegueime a Vilanova de Lourenzá co propósito de lle regalar un exemplar d’A raíña das velutinas a don Xosé. Grazas a esta visita coñecín tamén a Juan, voluntarioso custodio e informante do templo, e mais a dúas comprometidas activistas do colectivo Patrimonio Laurentino.
Mais Xosé Miguélez non permitiu que me viñese coas mans baleiras. Antes que eu lle fixese entrega do volume que debía terlle levado hai tempo, recibín das súas mans o agasallo xeneroso dun exemplar da súa obra poética Profecía dun capitán Trono, título lanzado pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT) no ano 2000.
Durante a conversa mantida nun elegante café de Vilanova, descubrín que este crego, nado en Lugo e criado en Barcelona, ten sido un pioneiro no ámbito da tradución, pois no seu día fora o escollido pola Editorial Galaxia para verter do catalán ao galego as primeiras novelas de noir xuvenil.
Tamén souben das súas rudimentarias estratexias para se mergullar no galego unha vez retornado á terra nai, facendo gala dunha férrea vontade por manter a competencia idiomática que o factor migratorio lle restara.
Do poemario que veño de ler despréndese unha finezza que acaba envolvendo a lectura como se dun recendo se tratase, posto que a delicadeza baña cada composición, mais tamén a sinxeleza precisa para que a todo lector lle resulte accesíbel a obra.
Tamén hai algo de metaliteratura n’A profecía dun capitán Trono, nomeadamente cando a teoría da poesía é empregada para, digámolo de maneira prosaica, explicar a Deus.
Por certo, no poemario, Deus é El, mais tamén é Ela en moitas ocasións, algo que nos resultará moi avanzado, sobre todo tendo en conta que estamos a falar dunha publicación con vinte e dous anos ás costas.
Que ninguén imaxine A profecía dun capitán Trono como a típica obra de carácter panexírico ou haxiográfico, aquí, amais de honrar ao “Deus de Xesús”, enaltécense conceptos como a xustiza, a liberdade e a querenza pola terra inmediata, a que nos fornece de identidade.
Moito me congratula ter aceptado aquel convite en setembro de 2016, cando, apuxados polo horario, quedáramos sen ver o sartego do Conde Santo. Desta volta, expresei o meu desexo de completar a visita de hai case seis anos; xentilmente Juan, o voluntario do templo, abriume a capela onde repousan os restos de Osorio Gutiérrez nun sarcófago romano.
Hai días en que un se reconcilia co sagrado espírito da boa xente.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-06-2022 18:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0