Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
ISAAC FERREIRA EN TRINTA CUESTIÓNS (e II) - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ISAAC FERREIRA EN TRINTA CUESTIÓNS (e II)
11. Mencionaches nalgunha ocasión a escola de “acopladores” do Castrodouro. Fálanos disto.
Certo, había unha cantidade de compositores de coplas no Castrodouro que superaba calquera outra zona da bisbarra do Valadouro. Agora lembro os Gallegos do Castrodouro... Indalecio do Gallego acoplaba moi ben (en 1999 aínda vivía, no Castro). Persoas que me / nos transmitiron coplas nos anos 80-90 considero que recitaban coplas vinculadas a esa “escola”, por estaren esas mesmas persoas relacionadas co Castrodouro; así Xosefa Rega Fernández (que me recitou coplas e me relatou contos e lendas en 1983-1984) era moradora da Granda (O Castrodouro) e Anxelina Uz Rega (en 1999), filla da anterior e casada con Antonio Pardiñas Souto, que tamén me recitou uns poucos versos populares por esas mesmas datas. Fóra do núcleo relacionado co Castrodouro, mais acaso non á marxe, quixera mencionar a Xosefa Palmeiro (Xosefiña do Encerado), de Vilaúde, que lle pasou a Manuel Lourenzo unha morea de coplas, tamén polos anos 90; na parte do Concello do Valadouro salientaría a transmisión de moitas coplas e contos por parte de Concepción Orol Mosquera (Concha de Mosqueira) a Xesús Pisón, na que foi unha relación moi enriquecedora con respecto á cultura de tradición oral, polos mesmos anos 90 e comezos dos 2000 (Concha faleceu en 2006, se é que estou ben informado). Dou por sentado que esquecerei algunhas persoas, coas que me considero inxusto de antemán, mais son xogadas que a memoria nos fai de cando en vez... Agora lembro a Jorge Rubal, xa ben maior, nunha xuntanza concertada precisamente nunha casa do Castro con dous ou tres veciños máis, á que asistimos Miguel Vila Pernas e mais eu (non lembro se alguén máis) e que, a efectos de coplas resultou infecunda.
12. No Valadouro dábanse interesantes formas parateatrais no transcurso de diversas celebracións. Que recordos tes?
Choqueiros no Antroido, as máscaras feitas de cabaza, os carros e outros útiles de labor que cambiaban de sitio (o mesmo costume que tiñan os santos do Valadouro, tanto nas lendas como na realidade), as procesións relixiosas, as Misións (tamén relixiosas) e pouco máis lembro por estes lares nosos por aquela década aínda escura dos anos 50. A partir do ano 1959, por razóns de estudos, xa non me tocou vivir ningún Antroido polo noso Val.
13. Ter sido o director de Casahamlet. Revista de Teatro supuxo un gozo ou un tormento?
Ufff, aí si que si!!! Esta 13 tamén dá para outro libro. Tratarei de resumir. Por descontado que supuxo un gozo, mais tamén un grande esforzo, nunca un tormento, agás precisamente o último número (núm. 14, 2012), pois a imprenta emitiu unha edición totalmente escordada, que se botou ao lixo e houbo que facer outra tiraxe. Casahamlet publicou 14 números da súa Revista de Teatro (de 1999 a 2012) e tivo dúas etapas: a primeira etapa dirixiuna Francisco Pillado Maior (Pancho Pillado) e formaban o Consello de Redacción Santiago Fernández, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón (a partir do número 5, maio de 2003, incorporeime eu tamén ao Consello de Redacción e fixen dúas traducións para este número); foron os números 1 (1999) (no que eu xa colaborei con dúas traducións) ao 9 (maio de 2007). A segunda etapa dirixina eu e formaban o Consello de Redacción Santiago Fernández, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón (na xuntanza de setembro de 2007, Pancho Pillado propúxome a min como director, aprobado por unanimidade, e renunciou a calquera cargo ou actividade na revista. Eu aceptei a dirección coa premisa de que Xesús Pisón se encargase de conseguir as ilustracións para cada traballo, responsabilidade que Pisón tamén aceptou e cumpriu con total esmero e acerto); foron os números 10 (2008) ao 14 (2012). Co número 10 (2008) publicouse unha separata: DEZ ANOS DE CASAHAMLET (1998-2008), de 78 páxinas, que escribín eu, e que recompilaba as actividade dos tres departamentos formaban Casahamlet (Casahamlet, Estudio de Teatro; Casahamlet, Compañía de Teatro e Casahamlet, Revista de Teatro). O deseñador da revista era Miguelanxo Varela, profesor da Universidade da Coruña (UDC), Campus de Ferrol, e publicábase na Imprenta Provincial da Coruña. Nin que dicir ten que a alma-pater da revista, como doutras moitas iniciativas, era Manuel Lourenzo. A revista estaba estruturada en catro apartados: Teoría, Creación, Documentación e Ilustracións. A dinámica era a seguinte: cada ano, en setembro-outubro, reuníase o Concello de Redacción co Director, decidíase o tema e título da revista e mais os posíbeis colaboradores; repartíanse os nomes cos que tiña que contactar cada un de nós; aos colaboradores explicábaselles a temática e pedíaselles a entrega dos textos para xaneiro-febreiro do ano seguinte. Unha vez recibidos os textos, (eu comecei a colaborar cunha tradución para o número 2, 2000), corrixíaos eu desde o número 4 (2002). En marzo-abril eu quedaba co deseñador, Miguelanxo Varela, en Pontedeume e entregáballe os textos dixitalizados en Word e as ilustracións en JPG. En abril-maio, de novo en Pontedeume, o deseñador entregábame un CD con todos os elementos da revista, maqueta incluída; levábase á Imprenta Provincial, que nos pasaba unhas ‘sábanas’ de corrección de probas (corrección que facía eu en dous ou tres días maratonianos); levábase o número corrixido en vermello á Imprenta e entre maio-xuño estaban publicados os 1.200-1.500 exemplares. Posteriormente introducíase cada exemplar nun sobre e púñaselle unha etiqueta previamente impresa co enderezo de cada destinatario: autores, revistas, xornais, institucións, bibliotecas, etc. Toda esta dinámica manual realizábaa eu, agás as etiquetas (que as imprimía Montserrat Modia); e por último levábamos os sobres en caixas, Santiago Fernández e mais eu, á Central de Correos da Coruña. O gozo foron os textos e as ilustracións, e mais o contacto cos colaboradores e colaboradoras, case sempre; (e despois ter nas mans a obra publicada). En total foron 187 as persoas que colaboraron nos 14 números, entre Teoría, Creación, Documentación, Ilustracións e Capas. O deseñador da revista tamén colaboraba como ilustrador, cuns debuxos preciosos que, en moitos casos, facían de fío condutor do tema ao longo do número correspondente. Daría para moito máis (os autores, os ilustradores), pero non me vou pasar. Por aí andan espallados os números da Revista para entrar en pormenores.
NOTA 1: O feito de ser eu o director da revista permitiume formar parte activa dun acontecemento de rango internacional que tiña lugar por primeira vez na historia das revistas teatrais que se publicaban na Península Ibérica: o 6 de xullo de 2008 correspondeume dar lectura da comunicación, escrita por min, “Teoría, creadores e documentación teatral. Casahamlet, Revista de Teatro (maio de 1999-maio de 2008)”. Ámbito: I Encontro Ibérico de Revistas de Teatro (no contexto da XXV Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas). Cangas (Pontevedra), Casa da Xuventude, 6 e 7 de xullo de 2008. Participaron directores de revistas de teatro de Cataluña, País Vasco, Madrid, Asturias, Galiza e Portugal. Esta comunicación de Casahamlet publicouse ao ano seguinte, en febreiro de 2009, na Revista Galega de Teatro, núm, 57, Cangas (Pontevedra), páxs. 25-33.
NOTA 2: O período das publicacións era anual e sempre se presentaba cada número no primeiro trimestre de cada curso, é dicir a partir de setembro, unhas veces no local do Estudio de Teatro Casahamlet, outras na Sala de Plenos ou na de Actos da Deputación da Coruña (que patrocinaba a revista. Mais o número 10, que leva por título TEATRO FANTÁSTICO, presentámolo no Salón de Actos da RAG cunha mesa formada por Xosé Ramón Barreiro Fernández (Presidente da RAG), Luz Pozo Garza (poeta e membro da RAG), que colaborou nese número da revista coa ilustración da capa e mais cun texto teatral, Manuel Lourenzo e Santiago Fernández (fundadores de Casahamlet), Chus Álvarez (profesora de Casahamlet, Estudio de Teatro) e mais eu (como director da revista). Foi na Coruña o 29 de xaneiro de 2009.
14. Es socio fundador do Seminario de Estudos do Valadouro e formaches parte dalgunha directiva. Ao teu xuízo está a cumprir o SEVA a función catalizadora para a que naceu?
Para min, está aí, que xa non é pouco. Fixéronse cousas, con maior ou menor acerto. Do que estou certo é de que se non existise o SEVA habería que “inventalo” de novo. E continúan a facerse e publicarse traballos (aí están os Cadernos). Non me considero moralmente con autoridade para dicir se está a cumprir ou non cos fins que nos propúñamos cando o fundamos. O SEVA é.
15. Cal foi o mellor momento histórico da literatura galega? Goza de boa calidade a literatura galega actual?
Meu rei, que pregunta!!! O mellor momento histórico puido ser a Poesía Trobadoresca medieval galego-portuguesa. Vouche nomear as miñas devocións: despois de Rosalía, Curros e Pondal (os chamados poetas do Rexurdimento, outro momento histórico), interésanme Cuevillas, Castelao e Otero Pedrayo (da Xeración Nós). Despois, Noriega Varela e Ramón Cabanillas (da xeración de Entre dous Séculos). A seguir, Manuel Antonio, Amado Carballo e Luís Pimentel (da Xeración do 25, paralela á española do 27, con García Lorca como ponte) e desta mesma xeración do 25 a narrativa de Blanco-Amor, Rafael Dieste e Ánxel Fole. Logo, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro (verso e prosa) e Celso Emilio Ferreiro (da xeración de 1936), este último publicará moito máis tarde o seu poemario LONGA NOITE DE PEDRA (1963), que marcará un cambio histórico na poesía galega. Acaso os anos 50-70 foron moi enriquecedores, con Uxío Novoneyra (do que moito gostei e gosto), Manuel María (máis populista) e Salvador García Bodaño (da Xeración das Festas Minervais, anos 50); Bernardino Graña e Méndez Ferrín (poesía e narrativa) (do grupo Brais Pinto, anos 60), é de salientar a incidencia do poemario CON PÓLVORA E MAGNOLIAS (1976), que marcou un verdadeiro cambio de ciclo. En poesía quédanme por aí Antón Avilés de Taramancos (próximo a Brais Pinto), Chus Pato (Ourense, 1955), grande e actual, que forma un río grande con Ferrín, e mais Pilar Pallarés (Culleredo, 1957). Para min, os anos 70 son os do teatro independente galego [onde temos a Manuel Lourenzo (con Teatro Circo, 1967-1978), Euloxio R. Ruibal e Roberto Vidal Bolaño como alicerces], coas Mostras (espectáculos) de Teatro e os Concursos de Textos Teatrais, en galego, de Ribadavia (1973-1980), organizados pola Asociación Cultural Abrente, que se disolve en 1980 (co precedente dos Concursos de Teatro Infantil promovidos pola Agrupación Cultural O Facho, da Coruña, desde 1965); e posteriormente do teatro profesional. Debo salientar, como autor e mesmo como artista, a Xesús Pisón, pola súa forza, riqueza e concisión. De Pisón é a frase “Hai relevo” cando leu os textos dos novos dramaturgos publicados en Casahamlet Revista de Teatro, Marcos Abalde, Eva F. Ferreira, Teresa González Costa, Jacobo Paz, Olivia Pena, Rubén Ruibal e Roi Vidal; e mais no Caderno Teatro Laiovento núm. 16 (xaneiro de 2010), Eva F. Ferreira, Olivia Pena, Vanesa Sotelo e Roi Vidal; Caderno con ilustración da capa obra de Xesús Pisón e do que eu fun antólogo, coordinador e prologuista. De narrativa prefiro repasar os meus amores da narrativa latinoamericana, comezando por Juan Rulfo (México, 1917-1986) e mesmo actuais como Juan Gabriel Vásquez (Bogotá, 1973); tamén leo e releo algún(has) en portugués como a brasileira Nélida Piñon (Rio de Janeiro, 1937) ou os portugueses António Lobo Antunes (Lisboa, 1942) e José Viale Moutinho (Funchal, 1945); mencionarei tamén narradoras e narradores de América do Norte, que lin traducidos, como Alice Munro (Canadá, 1931) e Margaret Atwood (Canadá, 1939) así como David Foster Wallace (EE.UU., 1962-2008), entre outros. De narrativa galega actual non ando nada ao día, de sacado Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956), Manolo Rivas (A Coruña, 1957) e Xosé Cid Cabido (Vigo, 1959). Non debo esquecer o libriño de narrativa de Manuel Lourenzo O HÓSPEDE ESCANDINAVO (2009) e os contos infantís de Xesús Pisón (A PORTA PROHIBIDA, 1985; O PINTOR DO VENTO, 1985; O DEMO PRESUMIDO, 1987;...) verdadeiras xoias literarias. Mencionarei algúns nomes dos que lin artigos e recensións, como Bieito Iglesias (Ourense, 1957), Miguel Sande (Arteixo, 1961), Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964), e Diego Ameixeiras (Lausanne, 1976). Ultimamente só lin Ollos de auga, de Domingo Villar (Vigo, 1971) e A Raíña das Velutinas, dun autor que me resulta moi meu: un tal Lionel Rexes (París, 1971). En galego agora hai de todo, mesmo literatura de cordel, como reclamaba o noso Basilio Losada desde a súa Barcelona de adopción; e como calidade, tamén de todo: bon, malo e regular (salientaría como novidades en ascenso a banda deseñada e mais o audiovisual). Acaso non respondín á túa pregunta, mais repasei un algo das miñas plumas e outras herbas favoritas.
16. Ofrécenos unha receita para que as letras galegas non entren en números vermellos.
Se eu o souber... O primeiro: esixir máis galego nas escolas e, a un tempo, máis compromiso coa nosa lingua de pais a fillos crianzas no ámbito doméstico. E crear grupos de persoas lectoras que convivan e contrasten opinións a través dos libros que len, nas Bibliotecas, nas Asociacións Culturais, nos Institutos, nas Universidades, etc. Despois virá esa minoría de persoas que escriben, pero se hai galego falado desde nenos hai galegos lectores cando adultos.
17. Dise que a pandemia transformará os argumentos literarios. Cres que chegará un momento en que todos os personaxes leven máscara?
Os personaxes xa levan máscara de por si (física ou non) e continuarán a levala. Por iso son personaxes.
18. Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), Centro PEN Galicia, Dramaturga-Asociación Galega de Dramaturxia, Academia Galega de Teatro, Colectivo de Narración Oral Galega (NOGA)… e mais diferentes sociedades literarias compoñen o activismo organizado nas letras galegas; consideras que o seu traballo repercute adecuadamente na realidade literaria do país?
É moi difícil loitar contra unha parte da clase dominante que sempre sentiu o galego como moito só para ser unha lingua secundaria ou ritual. Xa nin que falar dos que a rexeitan (rexeitar = rechazar con violencia) sen recato nin respecto ningún. Tamén nos poderes públicos, si, por moito que os seus inquilinos falen o galego no Parlamento ou nos medios de comunicación (ou de control de masas, que tamén), que son responsábeis, xunto con sectores do Ensino, de que a Normalización do galego vaia arrecúas.
19. A Erregueté-Revista Galega de Teatro resiste practicamente en solitario nun panorama onde as publicacións do ámbito literario parecen ter desaparecido.
Non quedan lectores para medios especializados? Consideras que xa cobren ese oco os suplementos culturais da prensa (Fugas, Táboa redonda, Faro da cultura…)?
Tamén está a revista Luzes, etc., e os suplementos culturais axudan un algo, mais non abonda. Estás as Redes dixitais, onde estamos obrigados a facer visíbel o galego o máis que se poida, cadaquén na súa leira.
20. A nivel estatal dise que o teatro vive un momento dourado por cantidade de funcións, resposta do público e número de compañías a traballaren. Esta bonanza extrapólase á Galiza?
Xa non estou moi ao día, mais teño a impresión de que a calidade escenográfica galega anda en horas baixas, acaso non así a cantidade. No teatro danlle cada vez menos importancia ao texto e máis ao visual circense; un pouco, salvando as distancias, o que acontece hoxe coas orquestras, que se converteron en imitadoras da pantalla de televisión (a cambiaren de vestimenta de cada tres cancións) producindo nos asistentes unha especie de miróns que xa non só non bailan senón que nin se moven, alí de pé como pampallóns.
21. Como valoras a actividade do Centro Dramático Galego?
Na actualidade, coma sempre, síntome totalmente desconectado de tal institución.
22. Como mudou o teatro na Galiza nas últimas décadas?
Para a miña percepción, para mal.
23. Como ves o futuro do teatro galego?
Imperfecto, como todos os futuros que estean orgullosos de selo.
24. Na Galiza existen varias mostras e festivais de teatro (Ribadavia, Carballo, Cangas do Morrazo, O Carballiño…); podemos falar de vizosidade da escena galega?
Acaso en cantidade poida. En calidade teño as miñas dúbidas.
25. Algúns expoñentes das novas xeracións de dramaturgos falan do “posdrama”. Cal é a túa posición ao respecto?
Eu no único post- que creo é no posparto animal.
26. Dentro da Galiza, Rosalía, unha poeta sensibilizada coa causa feminina, e Castelao, un polígrafo erixido como prócer do galeguismo, exercen como símbolos case indiscutíbeis das nosas letras, no entanto desde fóra son Cela, Torrente, Valle-Inclán, Pardo Bazán, Fernández Flórez, ou mesmo Camba e Valente quen encarnan as plumas con carta de natureza galega. Temos un sistema literario bipolar, bífido…?
É o resultado de ter que “convivir” coa lingua do Imperio. En Galiza temos dous sistemas literarios claros: o da literatura en lingua galega e o da literatura en lingua española; Cela, Torrente, Valle-Inclán, Pardo Bazán, etc. son escritores de literatura española nacidos en Galiza. Máis nada. Outra cousa é a cultura (que é un concepto máis amplo): os galegos temos unha cultura, como mínimo, bilingüe, onde entran os autores en español antes mencionados.
27. Teremos algún día un premio Nobel de literatura en lingua galega? Atréveste a aventurar algún nome?
Poderíamos telo, por que non? Acaso Xosé Luís Méndez Ferrín ou Manuel Lourenzo, por que non? Ou algunha muller que veña pisando forte por detrás deles (dígoo polas idades dos meus candidatos, non polas calidades menores de ningunha muller, poño por caso Chus Pato; velaí tes outra posíbel candidata).
28. Ti, xunto a outros intelectuais locais, tes participado na elaboración do programa cultural para as candidaturas galeguistas dos municipios do Valadouro. Como valoras as iniciativas institucionais locais no eido cultural?
Non fixeron nin caso de todo canto lles propuxemos (eu penso que nin leron as nosas propostas de Programa Cultural). Hoxe vanse facendo cousas illadas, acaso un pouco máis no Concello de Alfoz, polo respaldo histórico-patrimonial que o avala.
29. A túa vinculación co ámbito dramático é ampla e evidente, mais… fuches actor nalgunha ocasión?
Fun actor por unha vez en toda a miña vida, cando tiña menos de dez anos. Representamos unhas escenas, mesmo cantadas, de El Rey que rabió, zarzuela de Ruperto Chapí, compositor español, no Salón Cinema de Ferreira. Neste espectáculo tamén participaron Manuel Lourenzo (acaso igualmente debutante) e mais o seu curmán Xosé Ramón Mel Lorenzo (fillo do doutor Pepe Mel e doutor el tamén no seu tempo, que era do meu, hoxe xubilado), entre outros. Ensaiábanos, na súa casa (onde hoxe está a Carnizaría Sergio), unha ilustre señora da familia dos Alonsos da Praza de Ferreira, María Justa Alonso y Díaz de Herrera (filla de dous famosos personaxes: Justo Alonso Rodríguez, alto cargo da Armada Española, falecido con 38 anos, e de dona Pepita Díaz de Herrera y Fonseca).
30. En Madrid creouse a Oficina del Español. Que che parece?
O idioma non precisa dunha Oficina, merece todo un Instituto, que no caso do Español xa o ten: O Instituto Cervantes. Como nós deberíamos ter (paréceme que xa queda dito máis arriba) un Instituto Rosalía de Castro para andarmos polo mundo coa nosa querida, fermosa e (aínda) necesaria lingua galega de comunicación e cultura.

Lionel Rexes, 30 de marzo de 2022.
Isaac Ferreira, 2 de maio de 2022.


Imaxe: Isaac Ferreira (en primeiro termo) nunha Ponte Literaria de 2015.
(Foto: Cilha L.)

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2022 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0