Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A CAPITAL GALEGA DA POESÍA - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A CAPITAL GALEGA DA POESÍA
Por motivos ben coñecidos, o recital MONDOÑEDO É POESÍA houbo de valerse dunha edición virtual en 2020 e gardou silencio en 2021.
Congregarse a través das pantallas non é algo que lograse satisfacer os fieis ao evento en cuestión, pois que esta cita anual iniciada en 2014 é, amais de versos, acordes e pel de galiña: camaradaría, reencontro, irmandade literaria, amizade anovada… e tantos outros factores dificilmente comprimíbeis nun terminal electrónico.
Ao longo desta oitava edición temos observado certas novidades e todas avogosas, pois o presaxio dun rico futuro para o MONDOÑEDO É POESÍA resulta evidente.
A suma de novos colectivos e a maior implicación dos que xa viñan cooperando engadiu, aos esforzos do pioneiro Colectivo Mondoñedo é o pulo preciso para vincular o evento a novos sectores sociais.
A chiscadela ás xeracións máis novas xa viña sendo frecuente, mais agora, centros educativos e asociacións de proxenitores adquiriron o protagonismo preciso para que MONDOÑEDO É POESÍA se continúe a nutrir de zume novo.
De calquera maneira, o carácter popular do evento ficara claro desde aquel 1 de maio de hai oito anos, cando os namorados da poesía percorremos as prazas da cidade escoitando as diversas declamacións; por certo, costume suprimido nas últimas edicións e que faría moito ben ao encontro regresando.
O número de poetas convidados reduciuse considerabelmente na presente ocasión, e isto contribuíu a que a duración do festival poético non se prolongase tanto como en pasadas edicións, feito que o público asistente sen dúbida agradeceu.
A intención da organización para o pasado domingo quedou ben clara: intervención de novísimos poetas (alumnos dos centros locais), participación dos mozos e mozas gañadores do certame “Díaz Jácome”, e por último autores consagrados.
Xa no interior do auditorio Pascual Veiga e logo de abrir boca co magnífico grupo musical Gelria, puidemos gozar das recitacións de Miguel Anxo Fernán-Vello, Olga Novo e Xuan Bello.
Non recordo a presenza dunha lingua diferente da galega en anteriores actos, mais desta volta o asturianu deixouse ouvir por todos nós en boca do escritor Xuan Bello. Satisfaceume a normalidade coa que a lingua veciña (un idioma que non goza de status de seu na propia Asturies) entrou en nós, mais emocionoume especialmente a deferencia de Xuan Bello, quen se dirixiu ao público en galego. Velaquí o camiño do entendemento e a mutua colaboración entre pobos que comparten moito, tamén depredadores e perigos.
Agardo que no futuro, tanto o asturianu como calquera outra lingua en situación comprometida, goce de acollida no MONDOÑEDO É POESÍA.
Olga Novo suscitándonos as bágoas cos poemas adicados ao pai e á filla, Fernán-Vello evocando poeticamente o desaparecido Darío Xohán Cabana (quen participara na edición de 2016), Xuan Bello describíndonos o seu Paniceiros natal, e Gelria enfeitándoo todo coas súas pezas, solventaron elegante e eficazmente unha edición en que os devotos do encontro literario puidemos respirar tranquilos: tal e como rezaba a convocatoria nos medios, Mondoñedo continúa a ser a “capital galega da poesía”.


Imaxe: O autor asturiano Xuan Bello
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-05-2022 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0