 Moito me tardaba facerme coa obra iniciática de Isabel Allende, e por fin, nun postiño benéfico (en prol dunha protectora de animais) dei cun exemplar de La casa de los espíritus.
Recomendo ferventemente a lectura desta novela que, alén de entreter e proporcionar un gozo considerábel, chamará a nosa atención pola arrepiante lección de historia ofrecida.
Fuxamos das improdutivas polémicas acerca do extemporáneo recendo a boom latinoamericano desta obra, da deliberada persecución dun argumento garciamarquiano e de lerias polo estilo. Todo o que sae da América non anglosaxoa exhala un requintamento emparentdo con calquera gran mestre, por moi inalcanzábeis que nos parezan Gabo e Cortázar.
Recapitulemos: Este libro foi publicado en 1982, recreando, sen pretensións de novela histórica, a conspiración contra o goberno de Salvador Allende no Chile dos ’70, porén, determinadas situacións lograrán retrotraernos até a España actual. Velaquí un parágrafo ben gráfico: “(…) la derecha realizaba una serie de acciones estratégicas destinadas a hacer trizas la economía y desprestigiar al gobierno. Tenía en sus manos los medios de difusión más poderosos (…)”.
A consideración como extravagancia inaceptábel da chegada da esquerda máis social ao poder, a confabulación contra todo elemento que faga perigar os privilexios herdados ou a connivencia entre a dereita ultramontana e o Exército, avísannos desde estas páxinas do risco de non deter a tempo a quen empregan a democracia para a derrubar. Revisemos outro ilustrativo anaquiño: “Se produjo la angustia de la escasez, el país estaba sacudido por oleadas de rumores contradictorios que alertaban a la población sobre los productos que iban a faltar y la gente compraba lo que hubiera.”.
É La casa de los espíritus un relato interesado? O apelido da autora non debe facernos caer en conclusións simplistas. O que a novela conta con respecto á crise social forzada desde determinados estamentos ben pode ser contrastado, sempre que optemos por nos informar minimamente.
Mais o argumento da novela tampouco sorbe da cuestión política nunha alta porcentaxe, pois estamos diante a típica trama de sagas e episodios impregnados de realismo máxico, tan propia da magnífica literatura suramericana.
Non sei se debemos crer en espíritos benignos e malignos, no entanto, estou convencido da existencia de tendencias ideolóxicas perniciosas e destrutivas.
Paga a pena empregar unhas cantas horas en ler, co detemento preciso, esta crónica dun tempo que, desgrazadamente, non parece pertencer ao pasado.
|