Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
NUN HAI FRONTERES - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

NUN HAI FRONTERES
Verbo da cuestión do galego falado entre os ríos Eo e Navia, coido que se está a obviar (talvez a esquecer) o fundamental: A inelutábel prevalencia do principio de defensa dos dereitos lingüísticos e mais a protección dun idioma vernáculo.
Por outra banda, resultoume pouco sutil a suxestión da Real Academia Galega con ocasión da reforma do Estatuto de Autonomía de Asturies. Se cadra, noutra latitude e situación, a idea (oficializar o galego do Eo-Navia na comunidade toda) non fose descamiñada, mais as sociedades do Cantábrico non son as do Mediterráneo, onde as linguas chimpan fronteiras alegre e prosperamente, facéndoo ademais abeiradas pola lei.
A proposta da RAG careceu da delicadeza suficiente ao esquecer certos condicionantes sociopilíticos, como que Asturies é un territorio á incansábel busca de trazos identitarios que a sitúen na nómina de pobos e nacións do mundo.
Os paraísos perdidos de Astúrica Augusta e mais do asturleonés mostran unha latencia na sociedade asturiana que non sempre devén construtiva.
Escoiteille dunha volta a un estudoso que o mapa histórico de Asturies non sería unha franxa horizontal, como na actualidade, senón unha franxa vertical; extensa, mais non exactamente coincidente coa actual demarcación asturiana. Considero que aí empeza a cuestión pola que a administración asturiana (e algúns outros organismos con base no “Principáu”) non dá aceptado que o idioma empregado por unha pequena parte dos seus administrados non é asturianu nin castelán.
Tanto para as entidades asturianas como para as galegas, debería primar, por riba de todo, a salvagarda dunha realidade lingüística que até agora non obtivo máis ca desleixo ou tentativas asimiladoras.
Sendo rigorosos, non podemos falar de galego-asturianu en tanto en canto, non se trata dunha variante do asturianu, senón do galego. Polo mesmo motivo, resulta lesivo para o eonaviego que a Academia de la Llingua Asturiana tente normativizalo desde as súas posicións lingüísticas, pois o único que conseguirá será deturpalo.
Poderiamos denominar galego de Asturies ao idioma falado entre o Eo e o Navia? Non estariamos a errar no momento en que tales territorios forman parte da comunidade autónoma de Asturies na actualidade, mais debemos ter presente, como xa dixemos, que o idioma empregado tradicionalmente en Cuaña, Grandas de Salime, Santiso de Abres, Taramundi, A Veiga… non é unha lingua mixta, senón unha variante máis do diasistema lingüístico galaico.
Do mesmo xeito, chamarlle Fala constituiría outro mal menor, aínda sabendo que transloce a ansia por non abordar unha cuestión que podería deixar en evidencia entelequias e mitos interesados.
Alguén debería explicar en Uviéu, en Xixón, en Avilés, en Siero, en Llangréu, en Mieres… que a máis sólida carta de natureza identitaria outórgana as parentelas lingüísticas, ese gran factor internacionalizador dos códigos idiomáticos.
Os exemplos son ben próximos: O Mediterráneo catalanofalante estendido por territorios de tres estados distintos, ou aínda máis preto, os vínculos galegos (e mesmo estatais) coa Comunidade de Países de Língua Portuguesa.
Se un día a lingua galega ficase extinta nos municipios baixo administración asturiana, o resultado inmediato sería o empobrecemento psicosocial dunha colectividade que deixou de nomear miles de obxectos, sensacións, síntomas, labores, fenómenos atmosféricos, etc. A mente humana non é un dispositivo que se poida programar para funcionar nun ou noutro idioma de xeito automático, pois o raciocinio reacciona por veces rexeitando os termos trasplantados e optando pola hibridación, ou mesmo polo silencio.
Se tal ocorrese, nin o asturianu nin o castelán gozarían de fortuna no Eo-Navia e un patois xurdiría para se impor, orixinando unha sorte de lingua de ninguén.
Unha administración que continúa denominando bable á lingua que pretende oficializar di moito en contra dela, pois vén sendo como se calquera extranxeiro se chamase bárbaro (etimoloxicamente ambos os dous termos proceden da mesma raíz etimolóxica e onomatopéyica) a si mesmo, ou o pobo saami aceptase ser chamado lapón, un exónimo despectivo.
Non sei se o dixen algunha vez, mais para evitar suspicacias, recordarei que quen isto escribe é neto dun caldeireiro de Miranda.
A miña rama familiar materna, chegada desde Avilés no século XIX, trouxo con ela o bron, a lingua gremial dos caldeireiros, tesouro lingüístico que conservamos e aprendemos aos nenos que van engrosando o clan.
En definitiva, se permitimos que os galegofalantes do Eo Navia perdan a lingua na que se comunican, ou mesmo se deixamos que esta sexa fixada desde premisas alleas, todos perderán e ninguén gañará, incluído o castelán, que acabará sendo chapurreado ao non ficaren nítidas as diferenzas entre opcións lingüísticas.


LIONEL REXES
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-02-2022 14:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0