Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
UNHA GALIZA VISITÁBEL CONTADA POR COSTA CLAVELL - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA GALIZA VISITÁBEL CONTADA POR COSTA CLAVELL
“Cando eu escoito nalgunha aldea nosa falar de tesouros, coido que na nosa probeza aínda somos ricos.”
ÁLVARO CUNQUEIRO. Tesouros novos e vellos

O meu primeiro manual de viaxeiro foi a Guía de Galicia da Editorial Escudo de Oro, S.A., publicada en Barcelona en xuño de 1984.
Non acometín a lectura daquela guía como tal, senón como a interpretación dun tratado de xeografía e historia. Representou para min aquel volume de 198 páxinas unha cura contra a nostalxia, mais tamén o achegamento necesario a unha realidade que só habitara en épocas vacacionais.
A redacción (en castelán) daquel libro de capas laranxa correra a cargo do xornalista e escritor Xavier Costa Clavell, e informábase na páxina de créditos de que existían versións en francés, inglés e alemán.
Don Xavier comeza describindo o noso país como unha punta de Europa, e aínda que en xeral se respecta a toponimia oficial, déixanse notar certas deturpacións, do mesmo xeito que os pés de foto conteñen algún erro que podería desorientar o visitante, mais, supoño que non deixa de resultar inevitábel nun manual que se propuña abranguer un país.
Os descoidos idiomáticos contrastan, no apartado adicado ás referencias históricas, con alusións ás Irmandades da Fala, á Xeración Nós, á fundación do Partido Galeguista e mesmo á publicación da Teoría do nacionalismo galego, de Vicente Risco; e é que esta guía enuncia a nosa colectividade social con absoluta consciencia das características que a definiron no devir do tempo.
Á hora de encher os ocos asignados a cada localidade o tratamento é desigual, pois encontrámonos con municipios solventados en apenas cinco liñas, e polo contrario, con outros profusamente descritos.
As fotografías reflicten unha realidade inmortalizada nos mesmos anos oitenta e aquilo engádelle hoxe un encanto especial, pois falamos dunhas imaxes que poden ter cumprido as catro décadas.
En definitiva, téñome deleitado durante horas e horas coas indicacións de Costa Clavell coma quen estuda un manual de instrucións, sabedor de que unha vez activado o artefacto, xurdirían dúbidas que o instinto tería de resolver.
Aqueles mapas e planos mesturando a toponimia oficial coa deturpada, e sobre todo unhas fotos a reflectiren a enxebreza do rural, a quietude das vilas e o latexo da Galiza urbana, achegaban unha sensación que sen cinxirse necesariamente á precisión, ilusionaban o consultador.
Mais, o meu obxectivo hoxe non é facer unha crítica daquela guía que de seguro terá orientado multitude de viaxeiros ao longo do territorio autonómico galego nestas últimas décadas, nin moito menos entrar a valorar un texto que, vindo de quen vén, ten a calidade asegurada; hoxe soamente desexa este lector sentimental exteriorizar unha saudade xa curada (se cadra non de todo) para celebrar, na intimidade que ofrece a rede, un aniversario.
Considero que compartir o sentimento co que me somerxía naquelas páxinas marabillosas, posuidoras das nocións precisas para un mozo que desexaba coñecer cada curruncho do país que non o vira nacer, poderá supor un xeito de celebración comunal.
Vasoiras de xibarda, esta bitácora que nos une e irmanda, nomeadamente cando me regalades opinións sobre tal ou cal artigo, cumpre sete anos.
Talvez sete anos representen toda unha vida se dunha fiestra cibernética falamos, porén, queda moito por dicir aínda.
Esta bitácora nosa apenas se rexe por regra algunha, agás pola norma fundacional: Falar de literatura.
Vasoiras de xibarda está feita desde a Galiza e o galeguismo, pensada para o robustecemento dun riquísimo sistema literario cultivado nunha lingua que, a pesar de pexas e vicisitudes, estivo, está e estará. Coido que a natureza deste argallo poucas máis características reúne. É moi sinxelo, pretende sumarse ao nutrimento da anatomía cultural de noso, e por riba de todo é iso: Noso; sen amarrallas nin servidumes.
Loor a quen le, visita unha páxina coma esta, opina sobre o lido, recomenda lecturas aos próximos e ben seguro, sente o azo de regalar, doar, vender, mercar, trocar ou esquecer deliberadamente un libro: Seu é o gran tesouro da palabra, da lingua e do saber.
Obrigado por estes sete anos de compaña a todos vós, a todas vosoutras.

LIONEL REXES


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2021 18:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0