Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
"GUIRIS" CONCIENCIADOS E VECIÑOS CARNEIRÁNS - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

"GUIRIS" CONCIENCIADOS E VECIÑOS CARNEIRÁNS
Hai uns días, La Voz de Galicia entrevistou un artista do eido musical. A persoa en cuestión accedeu favorabelmente cunha única condición: A entrevista debería ser publicada en galego.
En relatando isto, moitos pensarán que o individuo en cuestión ha ser un galeguista vinculado a organizacións políticas, ou mesmo un catalán solidario coas outras culturas da península. Mais non, James Rhodes é un pianista inglés residente en Madrid.
Sei que ante tal feito, a pregunta dunha parte da sociedade será: Por que?, no entanto, eu non me fago preguntas, sinxelamente tiro conclusións logo de ter examinado o clima social.
A tensión ambiental que boa parte da dereita provoca en todo o Estado está a favorecer, entre outras cousas, unha resposta intelixente e firme por parte de moitos demócratas.
Coa mesma normalidade coa que uns mallan nos diferentes, nos minoritarios ou nos contestatarios, outros tratan de frearen a reacción facciosa reivindicando a lóxica.
Respectar e coidar a diversidade recoñecéndose nela, e mesmo somerxerse nas realidades que non nos resultan familiares, non supón hoxe unha opción máis, nin moito menos un exercicio de caridade, senón un xeito de fortalecer o único medio en que o ser humano é quen de prosperar realizándose como ser social.
Certo é que a intolerancia non a inventaron os fascistas que accederon a determinadas institucións nos últimos anos, mais foron estes quen lle outorgaron carta de natureza aquí e agora. E fixérono nas rúas, nas redes sociais e tamén nos foros onde supostamente reside a soberanía do(s) pobo(s).
Cando isto escribo chégame a nova da lea acontecida en Moncofa (Castelló), onde no transcurso das festas da localidade, uns visitantes tentaron boicotearen a función dunha monologuista vinculada ao proxecto artístico Riures en valencià.
Estudemos a cuestión para descubrirmos a extravagancia: Uns foráneos dan en berraren exixindo unha actuación en castelán, e fano ante unha artista valenciana que fai o seu traballo en valenciano nunha celebración no País Valencià.
Non entender unha lingua, unha orientación sexual ou unha maneira de amar o teu territorio, non concede o dereito a combater tales posicións. Para James Rhodes, músico de sona mundial, o castelán, o galego ou o valenciano non son idiomas propios do seu ámbito nativo, mais no canto de sentirse agredido e optar polo rexeitamento, practica a inmersión, unha actitude, certo é, reservada a individuos que perderon a pelaxe simiesca.
Ten confesado o citado pianista o seu amor por Galiza e polo galego, e de tales afirmacións debemos congratularnos, mais intúo que Rhodes ama por riba de todo a liberdade, a naturalidade e mais que cada pobo cultive a identidade que a historia lle legou.
Pode o clima de crecente regresión democrática favorecer a sensibilidade cara a idiomas coma o noso? Non me chamedes oportunista se digo que si.
Os prehomínidos continuarán aferrados á póla da que nunca baixaron nin baixarán, mais eses xa os tiñamos perdidos; a quen estamos gañando é aos pianistas de sona mundial, e son estes quen mais nos interesan para a causa da palabra libre.
Citarei dous exemplos que contradín a maré uniformadora que nos invade, e que pola súa actitude e calidade deberían de significar unha facha nesta grotesca noite de fachas: Nos programas de divulgación cultural ¡Atención obras! (TVE) e La sala (RNE), emítense con toda naturalidade fragmentos de funcións teatrais en catalán e mais en galego. Este é o camiño da concordia, medios públicos (financiados por todos) ao servizo de todas as culturas do Estado.
Aproveitemos os ventos amigos para navegarmos, e os opostos para formármonos máis. A sabedoría é a arma máis temida polo fascio.

Imaxe: James Rhodes
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-08-2021 10:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0