Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
E A OFICINA DA CORDURA? - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

E A OFICINA DA CORDURA?

Teño a sensación de que na Comunidad de Madrid armaron a oficina do español coma quen monta un silo de mísiles terra ar. Ou mesmo, coma quen amuralla o manicomio, empecendo que calquera ápice de realidade vulnere a soneca febril dos internados.
O grande damnificado neste asunto, amais do peto do contribuínte, será o idioma castelán, empregado como ariete e prostituído, outra volta, por intereses e actitudes medievais.
Profeso querenza polo castelán e mais pola cidade de Madrid, realidades que hoxe en día usuarios e autoridades locais (non todos, endebén) converten en conceptos grotescos no nome dun amor desaforado, enfermizo e negador da realidade circundante.
Madrid precisa unha oficina da cordura. Hoxe, os grandes inimigos do castelán son os impostores que o manipulan sen o respectaren ou que o empregan sen a competencia atribuíbel a un falante nativo.
A escolla do responsábel da curiosa ocorrencia tamén dá que pensar, mais non me meterei en fonduras políticas, pois é esta unha bitácora literaria. Ficarei na tona da cuestión, onde radica o máis espantoso da cuestión. Todo isto, non deixa de me lembrar un caso curioso acontecido a comezos do XX; xa choveu.
Cóntase que Concha Piquer (València, 1906-Madrid, 1990), houbo de aprender o castelán antes de se converter nun referente da copla, pois, disque, a única lingua coa que ela estaba familiarizada era a valenciana.
Talvez, un proceso algo parecido deba experimentar o individuo valenciano que vai dirixir a suposta oficina do español, xa que polo visto as súas nocións acerca da lingua que deberá promocionar non son amplas.
Quen di amar o castelán debería, amais de o falar e o escribir coa máxima corrección posíbel, informarse das influencias que o nutriron e das circunstancias que o alzaron como lingua predominante do Estado.
O idioma castelán non precisa, afortunadamente, valedores, nomeadamente nos territorios onde as únicas ameazas están encarnadas por quen esgrimen o devandito idioma co obxectivo de tornaren uniforme o diverso.
Todo tipo de medios de comunicación (públicos e privados) empregan o castelán como lingua única no ámbito estatal, polo que a vixencia e fortaleza do idioma está asegurada desde hai séculos.
Das dezasete comunidades autónomas, máis da metade presentan “peculiaridades lingüísticas”, e é de xustiza recordar que non sempre contempladas co respecto e a atención precisas. Porén, calquera cuestionamento do equilibrio entre o castelán e as linguas veciñas esperta iras e temores, como se a defensa do propio supuxese o inmediato combate dos idiomas non vernáculos ou menos familiares.
Cunqueiro ideara a Oficina Lírica do Leste Galego, mais o mindoniense era, entre outras cousas e non todas edificantes, un sabio. Desgrazadamente, a oficina do español non parece ir ser dirixida por un sabio, nin moito menos semella ter sido confeccionada para dar cabida a persoas de altas miras e cranios ben nutridos. Todo o contrario, esa oficiniña da inquina gangrenada, da cativeza e o pago en especias, supón unha redundancia, talvez unha hipérbole tan absurda como pensar en fundar a oficina do realismo máxico na praza da Catedral de Mondoñedo.
Non é preciso fomentar o que de maneira natural goza de implantación e normalidade absoluta, sobre todo cando entidades como o Instituto Cervantes ou a tríade FundéuRAE protexen e divulgan a lingua de Castilla.
Non considero que estas oficinas do onanismo lingüístico vaian facer medrar o número de falantes; ao contrario, alimentarán a cautela ante as ansias de estender o xeralizado e pregoar o habitual.
Pobre castelán! Invocado por quen o ignoran como sistema lingüístico regulado mentres o agasallan con ofrendas innecesarias. Velaí unha ceremonia propia de fanáticos que no canto de profesar afecto sincero, involucionan cara á práctica da inmolación catártica.
Como di a cantiga popular:
“Quítate de la ventana, no seas tan ventanera, que la cuba del buen vino no necesita bandera”.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-07-2021 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0