 Paréceme que non somos poucos os que mantemos certo fetichismo con respecto aos nosos bolígrafos, lapis e obxectos de escritorio, ou cando menos, os que ostentamos manías afectivas.
No meu gobelete de bolis, rotuladores, regras e abrecartas, repousa, desde hai moito tempo, un lapis con publicidade dunha entidade bancaria. Hoxe, con moitas mancaduras e algúns centímetros menos, continúa aí, auxiliándome cando debo trazar letras efémeras. Mais non é este humilde fetiche o meu preferido.
Conservo un bolígrafo roller (de xel, como se denominan na actualidade) fabricado por aquela Inoxcrom que chegou a ser referencia para escolares e oficinistas.
Polo que sei, a firma catalá non pasa por bos momentos desde hai anos, con todo, unha cooperativa formada por operarios históricos mantén a marca con vida. Loor á súa teimosía!
Malia estar comigo desde comezos dos anos ’90 e terme acompañado na época universitaria, trátase dun modelo propio da década anterior, e o que é máis curioso: Non teño noción da maneira en que chegou até min tan amado obxecto.
O que me animou a compartir a estima que lle profeso a este rollerball Inoxcrom que pode non andar lonxe dos corenta anos, foi a exclamación proferida por un meu amigo estoutro día á saída dun acto literario.
"Aínda tes destes bolígrafos? Isto é unha reliquia!"
Tal expresou quen viña de presentar a súa última creación literaria.
A sorpresa destoutro gran consumidor de instrumentos de escritorio proporcionoume un pracer considerábel, pois o meu modesto utensilio espertou admiración nun coleccionista de plumas estilográficas, que, non sen pracer, afirmou conservar un destes roller Inoxcrom, malia non o usar por medo a esgotalo ou perdelo.
Cantos exemplares destes bolígrafos manterán vixencia? Se cadra, non moitos.
A recarga de tinta xa debo facela con cartuchos da marca Pilot, mais o rendemento da miña ferramenta continúa a ser impecábel, amais diso, a súa compaña conéctame con épocas idas e proxectos futuros. Porque un continúa a tomar apuntamentos como se o móbil só servise para telefonar, do mesmo xeito que emprega cadernos de todo tamaño e condición, malia que o seu teléfono intelixente goce dun teclado ansioso por mostrar o seu instinto libertino e reflectir o que lle peta; non, boli e papel aínda se fan imprescindíbeis para este devoto da caneta de tinta.
Malia ter sido dotado de tinta azul orixinariamente (posúe un punto indicativo desta cor), por veces recárgoo con tinta negra, a outra cor aceptada socialmente como regulamentaria. (En cantos exames teremos sido advertidos de que unicamente azul e negra eran as tintas admitidas?).
Tras ser interpelado sobre o lugar onde adquirir recambios de tan veterano obxecto, informei o meu amigo do lugar en que merco as canetas, pois tárdame velo usándoo a súa reliquia coa soltura que facilitan estes instrumentos cómodos e puídos até a refulxencia extrema.
Sinxeleza, funcionalidade, elegancia, sobriedade, brillo… Son algunhas das características do meu Inoxcrom de cor prata, un obxecto que tres décadas despois, continúa a facerme servizo e a contemplar o mundo desde o peto da miña camisa.
|