“Realízate
no traballo
e acouga
a intención
da sabotaxe”
XELA ARIAS. Intempériome
Ao longo da historia, en diversas ocasións os escritores houberon de asociárense en colectivos antifascistas ante a gravidade da situación (Golpe militar de 1936, II Gran Guerra…); actualmente, autores antifascistas encóntranse organizados e activos no Brasil, un lugar onde, como noutras partes do mundo, as formacións involucionistas e reaccionarias accederon ao poder ou pulan por o ocupar.
Nova Galiza fora un “Boletín Quincenal dos Escritores Galegos Antifascistas”, unha publicación auspiciada pola Generalitat de Catalunya entre 1937 e 1938, alarmantemente, oito décadas despois perentoriedades e latitudes cobran vixencia.
Si, presente e pasado parecen darse a man de xeito escabroso, e as solucións, complexas e sibilinas como adoitan nestes casos, pasarán pola autoorganización social e a solidariedade entre pobos.
Non só o fascismo, senón tamén esas vernizadas dereitas que aceptaron as “limitacións” da democracia, fan gala da súa repugnancia á cultura, ao saber e por riba de todo á popularización do coñecemento. Tristemente, Galiza é o mellor exemplo desta fobia.
A fascinación pola ignorancia fai que unha persoa culta sexa considerada perigosa, rara, inadaptada ou cando menos, molesta. No entanto, quen nunca mostrou interese pola cultura pasa por ser un cidadán homologado ao resto, un ser normal para entendérmonos.
A condena social da cultura e dos seus seguidores non está hoxe abeirada na represión, chégalle con banalizar gustos e catalogar como minoritaria ou impopular toda querenza allea aos reality show, aos influencer ou á Champions League.
Non pensemos que aqueles cidadáns ben considerados polos retrógrados han ser necesariamente persoas carentes de formación, non. Eses homes e mulleres que contemplan como superfluas as funcións teatrais, as conferencias, os concertos de música clásica, as exposicións pictóricas… Son, en moitas ocasións, os mesmos que nos asesoran sobre lexislación antes dun xuízo, quen analizan bacterias nun laboratorio, quen imparten clase nun instituto ou quen crean eficaces antivirus para computadores. Velaí o éxito do fascismo e mais das súas irmás menores.
Por iso, como noutras épocas da historia e tal como están facendo os escritores brasileiros agora mesmo, convén que a xente das letras entre no combate antifascista. Porque un bolígrafo, un teclado e un texto, supoñen óptimas ferramentas para a batalla. Non en van, os fascistas ódiannos, afortunadamente.
|