 De como o xastre Bieito volveu pró Inferno é un relato de Ánxel Fole que ben podería terse escrito hoxe.
Releamos uns parágrafos: “(…) os enterradores e funerarios tiñan moito que facer, coma os médicos, cregos e boticarios” ou “O enterrador (…) non tiña brazos para cavar tanta sepultura”. Si, o autor lugués refírese á epidemia de gripe de 1918, unha evocadísima pandemia desde os inicios do ano pasado, cando o planeta se encolleu traumaticamente.
Nalgúns outros textos presentes en Contos da néboa percibiremos un hálito cunqueirán, no entanto, De como o xastre Bieito volveu pró Inferno é puro Poe.
Contos da néboa é unha obra publicada nos anos ’70, unha época na que o autor (xa no principio da senectude) beberá de moitas máis fontes literarias do que o fixo ao escribir as outras dúas colectáneas de contos, aló nos afastados ’50.
O descoidadísimo galego presente na obra toda propicia un prefacio onde o autor, consciente da masacre lingüística, pide desculpas pola ausencia de criterio á hora do emprego da linguaxe.
Volvendo ao conto da epidemia, o narrador lugués sitúa a acción na “vila de Ferreira”, localización que advirte como “puro convencionalismo”, e nesa misteriosa poboación unha historia tremebunda terá lugar.
Reler a Fole lembroume que Xosé Vizoso Vizoso, o histórico educador alfocés expulsado da docencia oficial como represalia política, tratara a don Ánxel, de quen adoitaba salientar que “era galeguista”.
Mais non é De como o xastre Bieito volveu pró Inferno o meu conto favorito nesta obra, senón O can que sentía saudades, un relato de deliciosa e delicada tenrura.
Sempre cómpre regresar a Ánxel Fole, non só polo particular xeito de contar, tamén pola rica hucha etnográfica que abre ante o lector. E nestes tempos de máscaras e temor ante os descoñecidos, as recreacións deste contista suporán un formidábel bálsamo e mais un necesario baño de tradición de noso.
|