 Poli (Principal de los libros, 2021), a recentísima obra de Valentin Gendrot, supúxome talvez a lectura máis decepcionante dos últimos tempos.
Anúnciase este traballo como o diario dunha infiltración xornalística na policía francesa, porén, conforme o lector se adentra nos seus telegráficos capítulos, nada rechamante ou inesperado xorde da presunta operación secreta.
Para explicar a miña avaliación da obra deberei referir a teoría do “autogolpe”, tese suxerida por moitos en referencia ao célebre 23-F. Dise que o propio sistema artellou hai corenta anos un estremecemento colectivo, algo co que coutar de vez a arela social con respecto a futuros avances democráticos, estruturais e por riba de todo territoriais.
Como digo, lendo Poli experimentei a sensación de que a suposta infiltración non foi tal, senón unha coidada operación reivindicativa desde a propia institución policial.
Xa na faixa publicitaria da presente edición o propio autor confesa o seu desexo por desvelar dous grandes “tabús”: A violencia policial e os suicidios entre as forzas de seguranza.
Desde o primeiro momento Gendrot salienta a falta de medios dos axentes, a deterioración dos vehículos, a desmoralización xeral dos policías… E si, máis adiante fala de sistemáticos abusos policiais (unicamente describe casos contra poboación extranxeira ou de ascendencia inmigrante) e mais do doado que é hoxe chegar a engrosar as fileiras da policía francesa.
A mención de textos de apoio e mais de estatísticas é continua, impregnando a obra dun recendo a traballo escolar para o lycée. Por outra parte, o intento de transmitir unha imaxe humana e vulnerábel do policía tamén se torna fatigantemente reiterada, chegando incluso a querer xogárnola cun forzado diálogo en que outro axente lle recomenda ao escritor un libro (Le peur a changé de camp, O medo mudou de banda) sobre o terror padecido polos policías ante a súa presunta perda de poder diante os delincuentes.
Chega un momento en que o propio texto, xa absolutamente centrado no desleixo co que a administración pública xestiona os asuntos da police, parece tentar xustificar as actuacións inadecuadas pola frustración e o abandono.
Que queren que lles diga? Paréceme que os excesos policiais reflectidos neste libro, tristemente, resultan comúns a todas as policías do mundo. No entanto, deixaron de analizarse cuestións que no resto de Europa afectan aos diferentes corpos policiais e que non presumo alleas á realidade francesa: Corrupción vinculada ao narcotráfico, connivencia ou condescendencia con organizacións fascistas…
Direino dunha vez, considero que o verdadeiro e subrepticio obxectivo de Poli (Flic na versión orixinal) é dar a coñecer as problemáticas padecidas polos membros dos corpos policiais franceses, nin máis nin menos. Xaora, se esta denuncia pública a disimulamos coa carauta dunha infiltración para descubrir polis ruíns, a manobra resulta perfecta, tamén comercialmente falando.
Coido que desde agora, ademais do poli bo e do poli mao, deberemos desconfiar do poli lareto, un tipo indiscreto, mais, que só conta o que lle convén.
Galiñas serán, pero óleme a can.
|