Pepe Rei, in memoriam
Hai vinte anos, o xornal La Voz de Galicia ofrecía este titular: Antonio Gala asegura que se carteaba con Bin Laden. Aquela noticia, datada o 29 de outubro de 2001, reproducía certas declaracións vertidas polo escritor nunha entrevista televisiva.
Parece ser que o tal Bin Laden, atraído pola recreación da antiga Al-Ándalus ideada por don Antonio en El manuscrito carmesí, financiara a tradución ao árabe da devandita novela. Aproveitando a entrevista, o autor cordobés ofrecera afirmacións como: “Laden es una persona culta, atractiva, muy bien rodeada” ou “Las culpas no se pueden atribuir a una sola parte”.
Non teño constancia de que a raíz disto Antonio Gala fose chamado a declarar ou sometido a xuízo, nin moito menos encarcerado.
Xa na década seguinte, o mesmo autor considerou oportuno volver compartir a súa visión sobre a realidade árabe. Faríao a través de La tronera, a columna que mantiña no xornal El Mundo.
O 9 de xullo de 2015, nun artigo intitulado Examen de conciencia, don Antonio regalábanos frases deste teor: “Por muchas razones de peso, difíciles de enumerar sin entrar en batallas, yo siempre he preferido el mundo árabe.”. “Los abusos de árabes que no responden a una etiología ni a su configuración física y espiritual, ni a la estricta y dura (sí) respuesta a enemigos sagrados, por debajo o por encima de ellos…”. “La yihad es una forma lóbrega y siniestra de autodefensa o muertes sin piedad”; “¿Osama Bin Laden resultaba incomprensible? Había que conocerlo bien (…) sus equivocaciones el mar las ha blanqueado”.
Reitero: Non teño constancia de que o responsábel destas opinións fose chamado a declarar ou sometido a xuízo, nin moito menos encarcerado.
Non sei até que punto son acertadas, erradas ou consecuentes as devanditas reflexións, o que sei é que Gala as fixo con pleno convencemento e coa única intención de facer pedagoxía, e por riba de todo, de expresar o seu pensamento. Só por iso, ou nada máis e nada menos que por todo isto, considero que non son puníbeis, e por suposto, defendo que tales declaracións fosen televisadas e publicadas.
No entanto, hoxe, dous cultivadores da poesía rapeada sofren os rigores dunha xustiza grotesca que, mentres contempla a fuxida de grandes defraudadores, persegue pequenos xograres.
Dentro de varias décadas, todo isto será analizado coma un sainete propio da “segunda transición” que vivimos sen o saber.
Se traemos esta cuestión a Vasoiras de xibarda é porque o rap, como toda actividade poética, pertence ao ámbito da literatura, e polo tanto os seus expoñentes, independentemente da súa calidade, non deixan de seren escritores. Por outra banda, o episodio que nos serviu para iniciar este artigo de opinión forma parte da historia da literatura.
Agora, permítaseme sobardar durante unhas liñas o cometido da bitácora.
O réxime está a caer e as súas derradeiras convulsións tentan esmagar a evidencia. Un sistema de profunda inspiración medieval (tal é unha monarquía de aberrantes orixes) fende irremediabelmente; as formacións que sostiveron a entelequia e que se nutriron cumpridamente de silencios, complicidades e horrores por contar, ven comprometido o seu futuro debido á crecente frustración social e ás excrecencias ideolóxicas fomentadas por esas mesmas organizacións. Si; algo ben parecido viviuse hai algo menos de cincuenta anos, mais polo visto quedaran asuntos por resolver.
Contemos os días para chegarmos o máis axiña posíbel ao momento de poder falar en absoluta liberdade, de armarlles coplas aos bandidos e de rapear acedas críticas sociais, tal e como se fixo desde tempos inmemoriais a través da improvisación oral, dos cantares de cego ou da lírica popular.
Quen dixo que todo isto non supón unha boa semente literaria?
|