Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
DESCONEXIÓN ENTRE REALIDADE XEOGRÁFICA E NOMENCLÁTOR OFICIAL - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

DESCONEXIÓN ENTRE REALIDADE XEOGRÁFICA E NOMENCLÁTOR OFICIAL

“Y esto sucede en el hermoso Valle de Oro, cuando, de no ser la rapacidad de unos y el servilismo e ignorancia de los más, sus habitantes podían, y debían, formar una sola familia de hermanos, siguiendo en esto el consejo mudo, pero expresivo, que indica la configuración topográfica del Valle.”
JUAN ÁLVAREZ. FRANCISCO JANEIRO. A los Hijos del Valle de Oro residentes en la Argentina y en Madrid. (1907)


Desatouse unha pequena polémica estes días atrás pola ocorrencia da veciñanza de Candín, un municipio berciano que saltou aos medios porque, segundo din, desexan mudar o nome do concello polo de Ancares.
Permítaseme un excurso: Candín pertence administrativamente á provincia de León, e as súas parroquias denomínanse Sorbeira, Lumeiras, Espiñeireda, Valouta, etc. Digresión rematada.
A cuestión, é que outras localidades da cadea montañosa dos Ancares rexeitan que un territorio concreto se arrogue un topónimo colectivo. Infinidade de aldeas e numerosos municipios (esparexidos por tres comunidades autónomas!) sábense ancareses, e intúen que ceder o topónimo a uns poucos só traería confusións, tanto para a cidadanía local dentro dunhas cantas xeracións, como para os visitantes desde o primeiro momento. Acontecería que transcorrido un tempo, os naturais do municipio que levase o nome da serra toda consideraríanse auténticos ancareses, en detrimento do resto de habitantes do cordal. Do mesmo xeito, moitos foráneos deixarían de saber que ao visitar O Cebreiro, Navia de Suarna, Ibias ou Fabeiro, xa están coñecendo unha parte dos Ancares.
Mais, o motivo de traer a anécdota a esta bitácora literaria non é o de expresar unha opinión sobre tal cuestión, pois falaremos noutra ocasión da Galiza irredenta ou estremeira, senón advertir sobre os danos que pode chegar a causar un topónimo usurpado ou situado de maneira inadecuada.
Se aquí, neste norte galaico bañado polo Cantábrico e oxixenado feramente polo nordés, ningún concello concreto se denomina O Xistral ou A Mariña, tampouco O Valadouro debería constituír a denominación oficial de ningunha entidade municipal.
A razón non precisa moitas explicacións. A comarca do Valadouro comprende, do mesmo xeito que Os Ancares, varios municipios.
Para expor as argumentacións, igual que para as entender, non é preciso ser xeógrafo, sociólogo ou lingüista, chega con prestar atención a unha realidade que bate de fronte cun nomenclátor tan equívoco como inxusto.
Santa Cilla do Valadouro, a parroquia que nos facilita o acceso á Frouseira, pertence oficialmente ao Concello de Foz, do mesmo xeito que a de Santo Acisco. Sen dúbida algunha, esta última localidade tamén forma parte da planicie valadouresa.
As parroquias por onde discorre boa parte do río Douro pertencen ao Concello do Alfoz do Castrodouro, municipio onde tamén se asentan A Veigadouro e unha parte substancial da Grandadouro, xa que logo, a toponimia achega nocións inequívocas.
Na paremioloxía popular, por outra banda, a mindoniense parroquia de Oirán noméase tamén como lugar aveciñado: Se as penas de Oirán fosen pan, as da Frouseira manteiga e o río Ouro (sic) viño mouro, quen puidera cos do Valadouro!
O feito de que unha parte do val luza a denominación oficial de Concello do Valadouro supón un desatino, un factor que acaba inducindo a erro, xa non só a turistas e visitantes ocasionais, senón aos propios habitantes desta comarca natural.
Se desde O Cadramón ao Pouso todos somos valecos, resulta totalmente antinatural que reduzamos o nome común do Valadouro a tan só dez das súas parroquias.
Por tradición e respectando o topónimo que figura na historiografía documental, o nome do conxunto de parroquias administradas desde a vila de Ferreira sería: Terra Chá do Valadouro.

Imaxe: Adhesivo popular en tempos pretéritos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-03-2021 10:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0