Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
UNHA CAMIÑADA GALEGA DO ESPINÀS - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA CAMIÑADA GALEGA DO ESPINÀS
O feito de difundir que adoito gozar de lecturas en catalán obtivo un inmediato premio: O obsequio de volumes na devandita lingua.
E tal aconteceu durante a pasada celebración do solsticio de inverno, ocasión na que fun agasallado con A peu per Galícia, de Josep M. Espinàs (Edicions La Campana, 2002).
Entre o título e o subtítulo (De la Ulloa a Val de Camba), déixasenos ben claro que estamos ante un libro de viaxes, malia que se trate dunha serie de traxectos executados a forza de camiñadas.
O autor acompáñase de dous amigos, un home e unha muller. Van deténdose en toda taberna tradicional que xurda no camiño, e se lles cadra (o autor faille cadrar acotío), non deixan de falaren coa xente que a andaina lles vai presentando.
Pese a tratarse dunha obra redactada en catalán por un autor de tal nacionalidade, no texto apreciaremos a presenza doutros dous idiomas: O galego e o castelán. O feito de reproducir os parlamentos emitidos orixinalmente en galego resulta unha intrepidez malograda, aínda que a boa intención queda fóra de toda dúbida, pois Espinàs non cesa de gabar, durante a obra toda, as potencialidades da nosa cultura.
As proclamas a prol da galaicofonía (facendo mención da irmandade lingüística co Brasil e con Portugal) son constantes, as críticas ás actitudes pseudocosmopolitas tamén, pese a non deixar de exhalar este texto, por veces, un recendo a esa busca de ancestralidade e tipismo tan dada nos urbanitas. Con todo, esa ansia por recibir un baño de arcaísmo non desloce a narración en ningún momento.
A peu per Galícia é, por riba de todo, un documento do doméstico. O autor fíxase en paisanos, usos, labores e fogares, mostrando ás veces a contrariedade ante a aparición de elementos perturbadores da paisaxe idealizada (granxas industrializadas, individuos procedentes do medio urbano…), mais non deixa de ser unha auténtica guía do visitante (non necesariamente camiñante), xa que nos descobre lugares de interese que moitos galegos descoñecen ou non dan prezado co merecemento preciso. A Espinàs marabillouno, ante todo, o mercat de pedra de Agolada, o carrer dels porxos de Chantada, e por suposto o complexo fluvial de Monterroso.
Houbo de padecer don Josep os célebres monólogos proferidos por anciáns, e con resignación, aturou as chufas sobre triunfos laborais de fillos e parentes, mais toda recolleita a redacta con graza este escrupuloso observador catalán.
O grupo chegado de Barcelona non rexeita nada e aproveita todo, mesmo os sermóns ceibados como terapia por solitarios e rallantiños, pois raras veces se mostra crítico co que o camiño lle depara.
Resulta curiosa a nula mención aos teléfonos móbiles (a viaxe tivo lugar no verao de 2001), e mesmo semella que os tres barceloneses practicaron as rutas sen se dotaren destes aparellos, pois dase o caso de teren regresado á pousada cando un deles se retrasa ou non dá aparecido.
Sobrevoa a experiencia unha mensaxe de complicidade galeguista evidente, como se o autor quixese, non exactamente congraciarse co país, senón axudarlle a espertar, facéndolle decatarse do tesouro identitario que encerra. Non en van, don Josep dá testemuño do coñecemento de numerosos escritores galegos, así como de obras lidas na nosa lingua.
Debemos termos en conta que Espinàs é un experimentadísimo camiñante, posto que ten publicado moitos outros títulos en virtude da súa experiencia viaxeira. Este autor (hoxe nonaxenario) ten percorrido diferentes territorios da península e mesmo unha parte da costa atlántica, pois tamén existe A peu per la Costa da Morte.
En definitva, un llibre molt interessant.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2021 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0