Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A DRAMATIZACIÓN PISONIANA DA MATERNIDADE - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A DRAMATIZACIÓN PISONIANA DA MATERNIDADE
Paréceme que, desafortunadamente, a Erregueté (Revista Galega de Teatro) é unha publicación pouco coñecida fóra dos ámbitos da dramaturxia e a escena, e considero que as institucións do ramo deberían auspiciaren a súa difusión en centros educativos e determinados colectivos culturais (grupos de teatro amador, clubs de lectura…), pois aínda que vai empezar a ser popularizada a través da rede -logo deixará de imprimirse-, é seguro que restan ducias de exemplares sen finalidade concreta en arquivos públicos. Ao fío disto, é proverbial a sona do soto da Deputación de Lugo, un lugar onde, polo que parece, centos de títulos subvencionados pola devandita entidade agardan por un destino que ninguén dá trazado.
Volvendo á cuestión que nos ocupa, a Erregueté deste outono vén centrada nun colosal texto de Xesús Pisón, unha obra de obras intitulada Materna.
Se estivesemos a falar dun texto novelístico diriamos que se trata dunha roman-fleuve, mais no xénero dramático non existe tal concepto, polo tanto, conviremos que Materna é unha sorte de saga vinculada por un lóstrego sensorial, tan animal coma humano, tan racional como visceral: A maternidade.
O leitmotiv desta obra exérceno as sensacións e as actitudes da nai, de diferentes nais como obxecto de observación, en todas as súas vertentes e opcións, deténdose en toda posíbel heterodoxia, diverxencia, perversión ou disxuntiva, mais sempre en torno a esa capacidade inherente ao xénero feminino.
Xa dixemos que Materna dá título a unha obra de obras, a unha riola de monólogos vibrantes e inquietantes (por veces “incómodos”), crus e indefectibelmente sazoados cunha fereza extrema.
A obra comeza con sabor clásico, mais continúa a través dos personaxes ideados por Shakespeare (Ofelia planea sobre a obra toda), a seguir homenaxea a obra cimeira de Mary Shelley, camiñando aos poucos cara á actualidade, remexendo nesa sordidez que todos evitamos, agás á hora de lermos as noticias.
Neste formidábel –cualitativamente falando- e monumental –cuantitativamente agora- monólogo, advertiremos un algo desa linguaxe urbana que nos aproxima a certos submundos. E é que o universo urbano fica retratado maxistralmente no tramo final, feito que non é óbice para que o primitivismo máis rural estoure cun vigor inusitado noutras partes da obra.
Impresiona a peza número 16, o texto onde se recrea con gran fidelidade a fobia de impulsión, no entanto, a número 5 resultoume tremendamente familiar, pois nútrese dun suceso real acontecido na montaña alfocesa. Aviso a lectores incrédulos: Todo o que se conta neste monólogo situado en 1986, é absolutamente real.
Unha anécdota: Recordo a Xesús, hai seis ou sete veráns, procurando información sobre este feito case fabuloso. Estrañamente, tal acontecemento parece ter desaparecido das hemerotecas.
As facetas máis dolorosas ou menos edificantes da maternidade xorden aquí retratadas, delimitando cada parágrafo de Materna.
E agora unha curiosidade: Empréganse en máis dunha ocasión topónimos tirados da área montañesa do Alfoz do Castrodouro, porén, cando é preciso citar un barrio urbano, o coruñés dos Castros xorde como paradigma da cidade.
Ningún lector, independentemente do seu grao de proximidade ou distancia coa maternidade, permanecerá indiferente tras gozar da lectura de Materna.
Rabiosamente recomendábel.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2020 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0