Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
E BALBINO VOLVEU POLO VALADOURO - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

E BALBINO VOLVEU POLO VALADOURO
Non hai moito tempo que falabamos aquí dunha novela de Pepe Peinó, un dos escritores máis prolíficos das terras do Douro valeco.
E hoxe volvemos sobre este lugués asentado na Mariña para valorar o texto que lle valeu o premio do V Concurso “Balbino” de Relatos, un certame convocado pola Fundación Neira Vilas e Edicións Fervenza entre outras entidades colaboradoras.
Bica de Montouto non é un relato costumista, todo o contrario, esta doce –e tamén amarga- narración pode estar contribuíndo ao xurdimento dunha corrente asociada á cuestión demográfica. Do mesmo xeito que a pandemia inzou na literatura de xeito oportunista, as localidades desertas ou semibaleiras darán en incitaren e provocaren tramas literarias de xeito ineludíbel.
Quen escribimos desde o ámbito aldeán non podemos sermos alleos a isto. Calquera autor que sitúe unha trama no rural de hoxe en día, non poderá obviar certos aspectos inelutábeis (ausencia de infancia e mocidade, precaria ou anticuada rede comercial, carencia de servizos básicos…) e estes mesmos factores xeradores de tremendas carencias sociais, orixinarán tamén correntes artísticas e novos argumentos.
Devorei Bica de Montouto en dous días escasos, satisfeito por estar a ler, non só a mellor obra literaria de Peinó, senón a constatación da viraxe cara á excelencia que xa comezáramos a intuír en textos de recente publicación.
Un coidado vocabulario, unha cuantiosa presenza de termos patrimoniais e mesmo un tímido emprego do infinitivo conxugado, denotan o compromiso do autor coas esencias da lingua de noso.
Quen descoñeza os pormenores, non só de épocas pretéritas, senón do agro como hábitat e sistema sociocultural, terá en Bica de Montouto un ameno manual de iniciación. Ao fío desta cuestión, non deixei de ter presente durante a lectura unha circunstancia curiosa: Os que coñecemos a Pepe na distancia curta sabemos que segue os postulados do vexetarianismo desde hai moito tempo, polo que non deixa de resultar cómico que houbese de documentarse sobre matas e elaboracións cárnicas para a redacción deste texto.
O exhaustivo repaso polos labores e actividades tradicionais do rural galego (feiras, mallas, seituras, festas…), premeditadamente hiperdescritivo, pode exhalar un recendo a unidade didáctica, nada raro –e desde logo remisíbel- en quen fixo da docencia o seu modo de vida até hai unhas semanas.
Acho algúns diálogos perfilados en demasía, correndo o risco de imprimir (ao pór en boca de anciáns uns termos e expresións infrecuentes en individuos de idade avanzada) unha certa artificialidade por momentos á narración. Mais o documento encerra un valor innegábel como testemuño de tempos idos e tamén da vixencia dun territorio que vemos esmorecer e que, endebén, todos nos negamos a inhumar.
No verao de 2010, Xosé Neira Vilas pronunciaba unha conferencia na Casa da Cultura “Manuel Lourenzo” do Valadouro, o mesmo espazo onde dez anos despois, un autor local presenta a obra gañadora do concurso que leva o nome do protagonista principal de Memorias dun neno labrego.
Tanto Balbino como don Xosé houberon estaren o venres pasado mirando por un furadiño, plenos de orgullo campesiño.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2020 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0