 Podería ser este o título dun artigo de opinión acerca do debate sobre as linguas vehiculares no ensino, mais non vai por ese lado. Outramente, non foi alleo o meu exercicio lector á normalidade coa que deberiamos vivir a realidade dun estado absolutamente diverso.
Por segunda vez, accedín a unha lectura en lingua catalá. Non me aprendeu ninguén este idioma nin teño vivido en países catalanófonos, mais grazas ao coñecemento doutras linguas románicas, escasa dificultade presentou este idioma empregado por dez millóns de falantes.
Esta experiencia, envolta nun ar de rebeldía nuns tempos –outra volta- en que volven estaren cuestionadas as distintas identidades nacionais peninsulares, resultou plenamente satisfactoria.
Vicenç Villatoro, presenta en 1980 a novela Papers robats que cremen ao premio Joaquim Ruyra, obtén o galardón e ao ano seguinte o texto é publicado pola Editorial Laia.
Corenta anos despois, un exemplar –que no seu tempo houbo pertencer a unha estudante de bacharelato chamada Esther- chegou a un posto de libros usados dun mercado galego.
Pola cantidade dun euro adquirín un volume minuciosamente forrado e aceptabelmente conservado; tal é o destino dalgúns libros tan nómades como pródigos en usuarios.
Non parece que catro décadas teñan pasado por riba dun argumento que podería estar redactado hoxe mesmo, tirado da cloaca cheirenta de certos concellos.
Non vou dicir que esta trama de corruptos manipuladores e honestos insubornábeis me teña descuberto un edén literario, porén, resultou entretida. Estamos diante dunha novela moi básica no elenco de personaxes e doada de seguir pola súa estrutura narrativa, naturalmente pensada para un público xuvenil; pese a todo botei de menos algún alarde (xiros, acontecementos inesperados…) que tornase vibrante a lectura para a rapazada inexperta e ávida de emocións.
Con todo, Villatoro resolve apropiadamente o traballo contra o final do texto, cando a trama vai caendo nun cul-de-sac que nos fará cavilar, e quizais por primeira vez durante a lectura, introducírmonos na pel dalgún personaxe principal.
Coido que ningún lector peninsular debería renunciar ás diferentes linguas latinas –sen esquecérmonos das súas riquísimias variantes- presentes na Iberia, pois supón un formidábel antídoto contra prexuízos e miopías territoriais ou culturais, e por riba de todo, proporcionaranos un impagábel enriquecemento intelectual.
|