Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
QUOUSQUE TANDEM? - Vasoiras de xibarda


    Vasoiras de xibarda


Cartafol literario de experiencias, teimas e inquedanzas
"...E ás doce da noite voan dacabalo de vasoiras de xibarda..."
Contos do Valadouro. XP,IF,ML.
O meu perfil
bercedasorixes@gmail.com
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

QUOUSQUE TANDEM?
Con esta celebérrima pregunta de Cicerón remata El Valle de Oro. Apuntes históricos, un ensaio de 29 páxinas escrito a comezos do século pasado por José Martínez Cobo, crego que o foi da alfocega parroquia de Bacoi.
O libro viu a luz na histórica imprenta Mancebo de Mondoñedo en 1912, época en que as sociedades indianas abrían vieiros de dinamismo no rural galego. Esta concomitancia non pasa inadvertida no corpus da obra, pois as referencias aos círculos habaneiros son numerosas.
Atrévome a dicir que as recurrentes denuncias contra o caciquismo proferidas polo autor agroman, seguramente, apoiadas nas críticas descarnadas dunhas misivas chegadas desde a emigración, textos que Martínez Cobo non dubida en reproducir na publicación.
Os Apuntes veñen sendo un extenso artigo de opinión chapicado de datos históricos con interese e rigor tan variábel como considerábel. É dicir, aparecen algún erros perdoábeis, nomeadamente cando o texto fai referencia á relación de Pardo de Cela coa fortaleza do Castrodouro. Resulta curioso que este párroco xa se queixase dalgunha das reconstrucións acometidas na sempre maltratada torre da homenaxe.
A redacción enfática e ampulosa dificulta por veces a lectura do texto, mais o documento supón unha verdadeira alfaia, ora polo interese demostrado no avance socioeconómico local, ora pola divulgación do saber que até aquel momento fora atesourado.
Escrutándoa 118 anos despois, a listaxe de curiosidades reflectidas en El Valle de Oro. Apuntes históricos resulta asombrosa e talvez, algo desalentadora. É verdade que as condicións sociais, hixiénicas e laborais mudaron radicalmente, no entanto, tamén é certo que a demografía e o tecido comercial viraron as costas á comarca valeca (do mesmo xeito que a moitos outros territorios do interior peninsular), deixando un mapa de resistencias e pouquidades.
Sabiamos que en Ferreira houbo unha fábrica de chocolate ou que nunha casa de Carballido se conservou unha espada con lenda mariscaliana? Ben sei que tampouco son coñecidos os intentos por construír un sanatorio no Valadouro.
Entre as sás fixacións deste cura idealista destacan dúas: Converter A Grandadouro nunha escola de capacitación agraria, e liberar a poboación valeca da miseria orixinada polo maldito xugo do caciquismo -?repugnante y vil?-.
Fica claro que as propostas de don José permanecen virxes e non estaría mal ir pensando nunha acordanza colectiva. A masa boscosa compartida entre as parroquias de Mor, Bacoi e Budián continúa desaproveitada, e o clientelismo como sistema de xestión permanece vixente, polo tanto, as materias pendentes constitúen unha obviedade.
Á parte dun exhaustivo inventario de casas grandes, Martínez Cobo recrea a loita do crego Castañón (outro dinamizador) en prol do mercado semanal de Ferreira. Parece ser que as feras controversias estabelecidas entre mercados levaron a Castañón a desexar males e mortes desde o púlpito.
Porque houbo unha época en que O Valadouro xeraba mercadorías de toda caste en cantidades industriais, e precisaba de feiras e encontros públicos onde exhibir os seus produtos. O declive, polo visto, é secular, pois mantén o autor dos Apuntes históricos que desde o século XVI houbo viño nas terras do Douro. Tanto era así que nos anos en que se redactou a obra, o autor constatou a recuperación de viñedos de cepa antiga e a introdución de vide americana.
Non acho que ninguén continúe hoxe a senda das iniciativas expostas nesta obra. Quousque tandem?



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-09-2020 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0